 O Observatorio contra a Violencia de Xénero e o Consello Xeral do Poder Xudicial veñen de publicar esta sexta feira os dados correspondentes a 2014. Neses 12 meses presentáronse en todo o Estado español 126.742 denuncias nos xulgados de violencia sobre a muller, un incremento do 1,5% a respecto de 2013.
En Galiza, segundo este informe, en 2014 presentáronse 5.209 denuncias, o que supón 14 cada día, máis dunha cada dúas horas. Nesas máis de 5.000 denuncias houbo 451 renuncias ao proceso. No noso país hai 36 denuncias por violencia de xénero por cada 100.000 habitantes.
Ademais, houbo en Galiza en 2014 un total de 1.327 ordes de protección incoadas. Delas, 829 foron aceptadas (o 62%) mentres que o 37% (497) denegáronse.
A nivel de estado, o 70% das denuncias foron presentadas polas propias vítimas, un 15% derivou da intervención directa das forzas de seguridade e perto dun 12% que traía a súa causa en parte de lesións. No 2014 houbo no Estado español 19.093 persoas enxuizadas por violencia machista.
Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 1º de Bacharelato. |