 O párroco de Viveiro, Freixo e Casardeita, Antonio Gómez, sinalou hoxe que a casa reitoral de Vilanova dos Infantes na que residía o cura falecido, Adolfo Enríquez Méndez, de 77 anos, do que era "amigo íntimo", estaba totalmente "desvalixada".
Do falecemento deste relixioso, o cal os investigadores analizan para descubrir se é unha morte violenta, dixo que o roubo está claro e falta por esclarecer agora como se produciu o falecemento deste home, localizado nun palleiro anexo á vivenda "inclinado cara a abaixo e sangrando pola boca e o nariz".
Antonio Gómez comentou á prensa que Adolfo Enríquez era unha persoa "que se daba" ás demais, "completamente solidario, preocupábase dos outros ata despreocuparse de si mesmo" e mesmo era capaz de quedar sen comer por entregar os víveres aos que máis o necesitaban.
Como natural de Celanova, concello ao que pertence a parroquia de Vilanova dos Infantes, Antonio Gómez coñecía a Adolfo Enríquez dende o seminario e decatouse do suceso no retiro que celebran os mércores para prepararse e orar, aínda que nun primeiro momento se lles comunicou que estaba enfermo. Foi para non os preocupar, e el entendeuno, pero cando xa puideron contactar cos axentes da Garda Civil, contóuselles con detalle o acontecido.
O cadáver do párroco presentaba aparentes signos de violencia ao existir sinais de, polo menos, un golpe na cabeza.
Laura Abad Álvarez, 1º de Bacharelato.
|