 O físico Diego Martínez Santos tívoo claro xusto dende o momento en que hai uns meses lle confirmaron que gañara unha bolsa do elitista programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC): ía regresar a Galicia. Coa axuda de 1,5 millóns de euros, que se fará efectiva a partir de abril, tiña a posibilidade de crear un equipo de investigación onde quixese. E escolleu Galicia, malia que aínda está contratado polo instituto holandés Nikhef. Tiña o diñeiro para cumprir o seu desexo de traballar na súa terra, pero tampouco tiña o futuro despexado máis alá dos cinco anos de duración do programa europeo. Este problema quedou resolto onte. O focense Martínez Santos, que no 2013 foi elixido o mellor físico novo europeo na área de partículas, é xa o primeiro investigador en acollerse ao plan galego de captación de talento Oportunius, segundo anunciou onte a Consellería de Economía e Industria, a impulsora dunha iniciativa que, salvando as distancias, pretende emular ao programa catalán Icrea ou ao vasco Ikerbasque.
O acordo, á espera de que se materialice o contrato, foi visibilizado onte coa reunión mantida entre o científico e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, ademais de co reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño. A USC será, precisamente, a institución que acollerá o físico cunha vinculación estable que permita a súa continuidade en Galicia.
«Eu retorno a Galicia porque conseguín os 1,5 millóns de euros, pero tamén podería pasar que a metade do programa, se aquí non vira posibilidades de futuro, marchase de novo para outro sitio. Por iso penso que o Oportunius é unha boa oportunidade para que quede en Galicia, porque se me ofrece unha estabilidade», explica Martínez Santos. O físico tamén espera que o programa non só sirva para atraer o talento que está fóra, senón para reter o que xa existe aquí e que podería verse tentado de marchar se consegue unha axuda do programa europeo e, aínda así, non ten garantida a súa estabilidade.
David Cebreiros López, 2ºA de Bacharelato |