 A pesar da negativa que agocha, a páxina de Facebook «Non veñas a Galicia porque...» converteuse en tan só unha semana nun perfecto escaparate das bondades da terra galega e nunha orixinal e masiva chamada turística.
A iniciativa, que se une ao fenómeno xurdido hai meses na rede social polo que distintas páxinas reivindican a pertenza a un lugar, creouse ao amparo dun traballo para a Escola de Turismo CENP da Coruña. Foron dúas mozas herculinas (Ana Sánchez, Uxía Castro) e unha mexicana (Karla Fernández) quen a puxeron en movemento nun intento de demostrar como Galicia tamén se pode promocionar a través da retranca que a caracteriza. As tres administradoras do grupo tan só piden aos usuarios que publiquen unha foto dun recuncho único pero baixo o prisma dun comentario humorístico ou enxeñoso, que sirva para evidenciar o que se perderían aqueles que non coñecen a comunidade.
Sorprendidas aínda pola enorme repercusión lograda nunha semana (a páxina xa suma 10.000 «gústame»), as tres novas recoñecen que o seu obxectivo inicial era alcanzar os 5.000 seguidores, a cota que ten hoxe en día o grupo galés que lles serviu de referencia (Non veñas a Pembrokeshire porque...). En poucos días a meta superárona amplamente.
Polo momento son as postais típicas galegas (como a catedral de Santiago, a praia das Catedrais ou a praia de Riazor) as que lideran as entradas dos usuarios aínda que tamén aquelas con sabor a marisco ou licor café.
Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato |