 O Tchocolatl, ou chocolate, que é como o chamaron os primeiros descubridores españois, era unha bebida considerada de Deuses, xa coñecida polos Maias arredor do século IV a. de C. Os Aztecas crían que as sementes do cacao eran a personificación do Deus da sabedoría e tiñan tanto valor que o facían servir como moedas de cambio. Pois ben, non só son estes datos os que descoñecemos do adorable chocolate para moitos, probablemente a maioría non estean ao tanto de todas as cousas boas que nos aporta este alimento.
O chocolate dá forza. As súas moléculas conteñen gran cantidade de enerxía, que a nosa bioloxía sabe utilizar. Ademais, unha cápsula de chocolate ofrece o 10% da cantidade recomendada de inxestión diaria de ferro.
O chocolate prevén o envellecemento. O cacao ten un gran poder antioxidante, o que resulta beneficioso non só para combater o paso do tempo, senón tamén para previr o cancro.
Hai pouco, os investigadores descubriron que o chocolate contén feniletilamina: para resumir, unha substancia "do bo estar" con concomitancias coa anfetamina. En experimentos de laboratorio, os animais vólvense tolos con esta substancia e compórtanse coma se estivesen en pleno cortexo. Non obstante, nos humanos parece producir menos efecto. Pode que nos sintamos máis atentos, pero atento non significa necesariamente excitado. O chocolate tamén contén triptofano, un aminoácido que produce no cerebro outra substancia pracenteira, a serotonina. Lamentablemente, ao cerebro chega moi pouco triptofano do chocolate, así que é probable que non exerza ningún efecto real.
A diferenza do que se adoita crer, o chocolate non posúe un alto contido de graxa. Por iso, é posible consumilo sen pensar nos quilos de máis. Non obstante, non é recomendable esaxerar no seu consumo.
A todo o mundo, literalmente, lle gusta o chocolate. Trasladado a cifras reais, isto quere dicir que arredor do mundo se gasta máis de 8.800 millóns de euros ao ano en chocolate.
Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato |