 Almorzar é un bo costume que require moi pouco tempo. Tan só necesitas 15 minutos para gozar dun estimulante e saboroso almorzo. O teu organismo agradeceracho; a túa mente e o teu corpo renderán o dobre.
O infinito debate sobre a importancia dun bo almorzo non nos abandona. É tan importante un almorzo san e abundante como din? Efectivamente así é; de feito, o almorzo é a comida máis importante do día.
Cando espertamos pola mañá, o corpo necesita nutrientes e vitaminas para comezar as súas funcións normais. O almorzo aumenta a túa enerxía dende primeira hora da mañá.
O almorzo axúdache a controlar a fame que sentes durante o día. Os que toman o almorzo regularmente tenden a consumir menor cantidade de calorías ao longo do día. Cun almorzo san, tamén estás a coidar da túa saúde psíquica, xa que axuda a reducir os efectos negativos do estrés. Ademais, estarás a axudar a mellorar a túa memoria e a túa capacidade de concentración. Esta comida estimula o metabolismo e o proceso de queimar calorías, particularmente se mantés un estilo de vida saudable.
Saltarse o almorzo pode supoñer decaemento, falta de concentración e mal humor debido ao déficit de glicosa (o noso principal combustible enerxético) que produce o xaxún.
Hai que recordar que a primeira hora da mañá o organismo leva xa entre 8 e 10 horas sen recibir ningún alimento. A falta de glicosa empurra ao noso corpo a queimar outras reservas enerxéticas, o que causa múltiples alteracións no normal funcionamento orgánico.
Numerosos estudos, sobre todo en nenos e adolescentes, demostraron que non almorzar, en vez de axudar a adelgazar, produce tendencia á obesidade debido a que ao longo da mañá terás moita máis fame e posiblemente comas produtos menos sans.
Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato |