 Decenas de persoas homenaxearon este martes en Santiago o compromiso coa educación, a lingua e a cultura galegas de Ramón Otero Pedrayo nun acto, no que conmemoraron o 57 aniversario da súa última intervención na Universidade de Santiago como catedrático, un discurso que realizou de forma "espontánea" por vez primeira na súa lingua materna, o galego.
O evento, organizado de forma conxunta pola USC e a Fundación Otero Pedrayo, celebrouse no Paraninfo universitario, o mesmo lugar no que o intelectual galego pronunciou o seu 'Última lección' ante alumnos, exalumnos, amigos e admiradores o 5 de marzo de 1958.
Ante un auditorio repleto de decenas de estudantes, o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes, eloxiou a figura do intelectual ourensano, asegurando que foi "unha bomba nuclear ao servizo dunha causa: a cultura galega". "Se tivese que elixir unha palabra para definir a súa figura utilizaría a palabra enerxía, era enerxía en estado puro", sinalou.
Do mesmo modo, destacou da súa personalidade a súa preferencia por "falar sempre de futuro" e fixarse, sobre todo, "nas novas xeracións".
DISCURSO EN GALEGO
Dende a tribuna de oradores, como no seu día fixo Otero Pedrayo, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, recordou a valentía que o catedrático demostrou esa xornada ao realizar o seu discurso en galego, algo inédito no ámbito académico durante a ditadura franquista.
Alonso Montero asistiu esa xornada ao discurso de Otero Pedrayo "de pé", dado que o Paraninfo, como este martes, se enchera para oír a que sería a "última lección" do "mestre aos seus alumnos", recordou o presidente da RAG.
"Ese día tiven o privilexio de oír por primeira vez unha conferencia académica proferida dende unha tribuna en galego", indicou Alonso Montero, que recordou os sentimentos de "desconcerto" e "emoción" que lle produciu escoitar a Otero Pedrayo falar en galego e o tempo que el mesmo levaba desexando oilo falar "na lingua dos seus pais".
Nunha época na que o "preceptivo" a nivel académico era empregar o castelán, a asistencia ao discurso dun catedrático en galego produciu no agora presidente da RAG unha "emoción" tan profunda que levou a un segundo plano o contido.
"Cando me preguntan de que falou Otero Pedrayo ese día sempre digo: eu recordo a música, pero non a letra", afirmou Xesús Alonso Montero, para quen utilizar este idioma supuxo unha defensa a ultranza da cultura galega. "Falou coma se que falase fose o Pórtico da Gloria", sentenciou.
PROFESOR E ESTUDOSO
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, tamén interveu no acto de homenaxe para recordar a figura de Otero Pedrayo como profesor e estudoso.
O intelectual ourensano, recordou, "mostrou un gusto pola xeografía bastante precoz" e foi un "innovador" do "estudio xeográfico de Galicia". "Creou o concepto de terra, que en aquel momento pesaba máis que o de raza, no nacionalismo", recordou Villares.
Galeguista e Republicano, afastado da docencia, a súa vocación, por motivos ideolóxicos durante o franquismo, Otero Pedrayo foi capaz de "interpretar a sociedade moderna" e "albiscar saídas" cara ao futuro" afastadas do "rancor".
Para concluír, Ramón Villares dedicou un espazo no seu discurso para recordar o amor de Otero Pedrayo polo "agro galego" e a súa "preocupación" e "tristura" pola súa "decadencia". "Manexaba a idea de que a civilización rural é a esencia de Galicia", resumiu.
UNHA REFERENCIA PARA A UNIVERSIDADE
O reitor da USC, Juan Viaño, foi o encargado de pechar o acto asegurando que a figura de Ramón Otero Pedrayo "forma parte da historia colectiva" tanto de Galicia como da Universidade Compostelana e que supón unha "referencia" a nivel cultural e académico.
Tamén Viaño quixo agradecer o xesto que o intelectual ourensano tivo o o seu última lección co galego. "Nunha iniciativa espontánea, rompeu a falar en galego como un xeito de dicir 'Aquí estamos", destacou o reitor, quen se sente "herdeiro" desa "afirmación".
Otero Pedrayo, explicou Juan Viaño, forma parte da "memoria" da institución universitaria de Santiago e das súas aulas, nas que deixou unha "pegada imborrable".
FOTOBIOGRAFÍA
Este acto serviu para a presentación do volume de recente publicación 'Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía' (Galaxia), que recolle a totalidade da traxectoria do patriarca das Letras Galegas a través de máis de 400 instantáneas públicas e privadas.
Os seus autores, Patricia Arias Chachero e Afonso Monxardín, realizaron este martes un repaso por algunhas das fotografías máis significativas, algunhas delas inéditas, nas que pode verse a Otero Pedrayo como profesor, rodeado de intelectuais, cos seus pais ou no ámbito familiar, coa súa muller.
As imaxes e os textos incluídos, que actúan como "fío condutor", son froito dun traballo de selección e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Pezol, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra ou o Museo do Pobo Galego.
Sara Pimentel González, 2º bacharelato, B. |