No segundo día de folga de estudantes, varios miles deles saíron ás rúas para protestar contra a reforma universitaria de Wert que, entre outras cousas, pretende reducir a tres anos os graos. O voceiro do Sindicato de Estudantes, Javier Fraga, tras a xornada de folga nos centros universitarios galegos e institutos, explicou que esa é a primeira das que organizarán «ata frear esta agresión sen precedentes» á educación pública porque este decreto «serve para expulsar da universidade aos estudantes con menos recursos», segundo informa. «O Ministerio (de Educación) non quere recoñecer que os estudantes se están a mobilizar contra as políticas de recortes e de expulsar os fillos dos obreiros da universidade», asegurou en relación ao menor seguimento deste paro que se apunta dende o gabinete de José Ignacio Wert. En Santiago, e baixo a chuvia, unhas mil persoas percorreron o Ensanche compostelán para rematar en Praterías con berros de ?Quen se pode permitir un máster que custa o triplo?? ou ?Wert, dimite, o ensino non te admite?. Respecto á incidencia da folga, os estudantes destacaban que por primeira vez se lograra pechar a Facultade de Medicina polo paro. As marchas repetíronse noutros puntos de Galicia. Dúas protestas, que aglutinaron unhas 1.000 persoas, percorreron o centro da Coruña. A convocada polo Sindicato de Estudantes partiu de La Palloza e dirixiuse ao Obelisco, mentres que a convocada por Comités Abertos marchou entre a Praza de Vigo e a Delegación do Goberno. Ambas as dúas transcorreron sen incidentes. A de Vigo, que tamén congregou medio millar de estudantes, tiña previsto rematar na Porta do Sol pero un amplo grupo optou por dirixirse á Delegación da Xunta onde se instalou un importante dispositivo policial e, ademais, o helicóptero da Policía Nacional sobrevoou a zona antes desta manifestación. «Menos policía e máis educación», foi unha das consignas, ante a viraxe no último tramo. Tamén os estudantes tomaron Pontevedra, cunha marcha que partiu ás doce e cuarto da praza da Peregrina, seguida de preto por dous coches policiais. Eran, na súa maioría, alumnos de bacharelato aínda que tamén había universitarios.
Ana Martínez Fernández, 2º bacharelato, B.