 A economía galega medra moi por baixo da media do Estado español e tamén menos que as propias previsións que a Xunta de Galiza realizou. Dados ambos os dous que deitan unha xerra de auga fría sobre as proclamas e discursos triunfalistas do goberno galego sobre a economía galega.
Os dados do Instituto Nacional de Estatística confirman que a economía galega medrou un 0,4% en 2014, un punto por baixo da media do Estado español (1,4%). Cómpre lembrar que en maio do ano pasado a propia Xunta a través da Consellaría de Economía variaba a súa previsión de medre para 2014, elevándoa até o 1,2%, catro décimas por riba do previsto no Orzamento. Elena Muñoz, conselleira, defendía a pertinencia desa variación en dados e interpretacións que sinalaban o bo momento da economía galega. Pouco despois, no outono, rebaixaba esa predición até o 0,9%.
Desde a Xunta evadiron nesta quinta feira responsabilidades ao respecto desta "ralentización"' da economía galega, e mesmo xogaron a baza do triunfalismo, destacando que é o mellor comportamento do PIB galego desde 2010.
Fiel ao seu estilo, Feijóo fuxiu das súas responsabilidades e atribuíu o exiguo crecemento á queda de dous sectores básicos da economía galega, o naval e a automoción.
Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 1º de Bacharelato. |