 Das ruínas do pasado, ao presente. Couso é o rexurdir dunha aldea. Sete anos de obra que conseguiron resucitar un lugar abandonado nos confíns de Sarreaus. Todo un paraíso de mans dunha soa persoa: José Galán, natural da Rioxa.
El afirma terse namorado do río Limia que cruza a aldea de arriba a abaixo. Este tolo amor que sentiu ao ver o que antes eran ruínas, fixo que comprase a vila e se empeñase en levantar casa por casa e pedra por pedra esta aldea galega deshabitada. Quixo deixar a un lado a típica imaxe dunha aldea abandonada que podemos ver por desgracia a miúdo no rural galego, para convertela en 2008 nunha preciosa imaxe de casas restauradas que seguen conservando os mesmos materiais que no pasado.
O motivo de que un rioxano rematase namorado da nosa terra galega aconteceu unha mañá de cazaría que compartía cun dos seus amigos. Decidiron parar para almorzar e explorar a zona, e aquelas fabulosas vistas atraparon o corazón de dous amantes da natureza. Xusto nese momento os dous preguntáronse comprar as casas e arranxalas pero nunca pensou que ese soño chegaría tan lonxe. Foi en 2001 cando empezaron a comprar as casas, pero en 2003 o seu amigo falece nun accidente, polo que arranxar Couso é como unha homenaxe. Case dúas décadas despois de que o seu último morador, Eligio, abandonase a aldea, Couso renace das súas cinzas.
Agora unha cantidade enorme de persoas visitan este lugar. José Galán conta que xamais recuperará todo o capital invertido en arranxar este pequeno lugar escondido entre unha fermosa natureza, pero aínda así énchese de orgullo e afirma que pagou a pena.
Couso converteuse nunha aldea rural, un lugar excelente onde pasar uns días rodeados da natureza, gozar da tranquilidade e da gastronomía galega.
Alba Baltar Janeiro, 1ºA de Bacharelato.
|