O líder de Esquerra Republicana de Cataluña (ERC), Oriol Junqueras, asegurou onte en Santiago que hai centos de imputados, acusados e condenados en todos os partidos e non dimite ninguén. E o partido protéxeos a todos. Junqueras realizou esas manifestacións antes de participar nun acto sobre a soberanía de nacións sen Estado no que estaba acompañado polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Junqueras referíase á dimisión, sen estar imputado, do número dous da súa formación, Josep Carrapiço, tras ser chamado a declarar na operación Manga, derivada da Pokémon.
«A diferenza entre ERC e o PP ou o PSOE é que a un dos nosos chámano a declarar simplemente, nin sequera está imputado, presenta a súa dimisión e o partido acéptaa preventivamente», afirmou.
Para o líder de ERC, trátase dunha «diferenza evidente» que, na súa opinión, explica en moito a diferenza de cultura democrática duns e outros.
O caso Currás
Preguntado polo alcalde de Santiago, Ángel Currás (PP), que con dúas imputacións segue no cargo, Junqueras dixo que son os galegos quen poden valorar mellor esa situación, aínda que «tampouco fai falta valoralas moito para entender que está a pasar».
Ao caso de Santiago referiuse tamén Guillerme Vázquez, quen dixo que a situación en Santiago «é insostible, mírese como se mire». O líder do Bloque engadiu que o caso «empeora cada día» e indicou que lle chama a atención que o líder do PP, Alberto Núñez Feijoo, «non toma decisións, senón que mira para outro lado». Na súa opinión, o actual alcalde debería dimitir e, se non, celebrar eleccións anticipadas.
Julián Rey Pérez - 2º BACH - A |