 Investigadores da Universidade Politécnica de Valencia (UPV) deseñaron un sistema que axuda a optimizar o consumo de enerxía eléctrica e reducir o custo da factura da luz. O dispositivo, en fase de prototipo, consta dun medidor de consumo dos aparellos eléctricos e dunha aplicación para móbiles con sistema operativo Android, informou a EFE a Universidade.
O medidor efectúa un rexistro constante de consumo eléctrico e cada quince segundos sobe os datos a un servidor virtual, que o usuario pode consultar desde o seu móbil. Deste xeito pódese coñecer en tempo real o consumo detallado de cada aparello eléctrico, canto consumiu nun día, unha semana ou un mes ou consultar históricos detallados de consumo. O dispositivo, denominado Simoviece, é capaz de determinar o perfil do consumo eléctrico do usuario e proporciona información para establecer unha estratexia de optimización enerxética. O seu desenvolvemento foi impulsado pola Cátedra Telefónica-Tecnoloxías para a Innovación Social e Ambiental na Universidade Politécnica. Segundo o investigador do grupo Senubio-Isirym Sergio Gallardo, o obxectivo era ofrecer "unha ferramenta que axudase a determinar en cada momento a enerxía que se está consumindo e a partir de aí tomar medidas ao efecto". "Normalmente isto non o fan as empresas eléctricas, pois o que ofrecen é o valor de enerxía eléctrica consumida a final de mes. O dispositivo contribuirá a un consumo eléctrico intelixente", explicou.
Desde o grupo de Comunicacións Multimedia-iTEAM da UPV, Juan Carlos Guerri Cebollada, destacou que o prototipo sería "de gran utilidade" para profesionais e para os que desexen saber o consumo real de cada un os aparellos eléctricos utilizados. Ademais de coñecer o mínimo ou máximo consumido, o medidor permite determinar o impacto que o consumo de enerxía eléctrica ten na contorna máis inmediata. Para iso, incorpora unha estimación de dióxido de carbono emitido á atmosfera.
Sara Álvarez González
|