 Cando hai restos de aldeas baixo as augas dun encoro e este descende de nivel, asómase unha paisaxe desoladora, en cuxas pedras de paredes derruidas ou semiderruidas queda o sinal de vivencias e tristezas, as dos veciños, neste caso de Aceredo, no municipio ourensán de Lobios.
Varios cidadáns cuxas familias proceden de Aceredo non se alegran de ver o que queda daquela aldea na comarca da Baixa Limia. Cúmprense agora vinte anos da desaparición da aldea baixo as augas do encoro de Lindoso, cuxa presa está situada en Portugal. E desde entón non se viu o vello pobo como agora. Sería a Valverde de Lucerna unamuniana e sanabresa desta comarca fronteiriza ourensá, aínda que sen as lendarias badaladas na noite de San Xoán, porque a igrexa non está alí.
En Lobios espertouse a curiosidade por este feito e algunhas persoas acoden estes días ao encoro para intentar recoñecer edificios e rúas do que noutro tempo foi o pobo de moitas persoas que agora habitan noutros lugares da zona, fundamentalmente no núcleo de Compostela.
Agora aquelas familias que en tempos habitaran na aldea viven no nova vila, á beira da estrada N-540. A igrexa foi trasladada a Compostela, un lugar próximo, nun traballo que resultou moi laborioso. E é que o templo que no seu día se erixiu na desaparecida aldea levou pedra a pedra ata o seu actual emprazamento.
Julián Rey Pérez - 2ºBach A |