Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Polisemia da arte contemporánea

Un dicionario para unha soa palabra. O grupo de investigación liderado polo profesor Juan Fernando de Laiglesia, dependente do Departamento de Escultura da Universidade de Vigo, vén de editar a obra Arte: Diccionario Ilustrado, na que preto de 100 artistas de todo o territorio español achegan a súa definición persoal do que entenden por esta disciplina. Aínda que todas as entradas deste dicionario reflexionan sobre o mesmo concepto, "cada unha está escrita por un autor diferente", sinalou de Laiglesia, co obxectivo de converter esta publicación en referente no mundo da arte contemporánea. "Do mesmo xeito que o Dicionario da Real Academia Española é a guía para a lingua española, nós tamén quixemos facer norma e creamos outro DRAE, neste caso o Dicionario Recursivo da Arte Española", explicou o coordinador da publicación.

Segundo os seus autores, trátase dun documento pioneiro "pois hai moi poucas publicacións nas que os propios artistas definan o que é arte, unha pregunta de enorme complexidade", sinalaron durante a presentación da obra á que tamén asistiu a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que agradeceu ao profesorado e á Facultade de Belas Artes o seu esforzo e compromiso "por proxectar á Universidade de Vigo e por transferir coñecemento á sociedade, evitando que quede pechado nos despachos dos centros" neste caso cun proxecto de difusión de dous anos de percorrido "feito con moita arte, amor e delicadeza".

Unha visión "poliédrica"

A mesma pregunta, 'que é arte?', foi respondida por 91 artistas e profesores universitarios entre os que se atopan pintores, escultores, performers ou videoartistas tales como Marina Núñez, Fernando Sánchez Castillo, Concha Jerez, Isidoro Valcárcel, Menchu Lamas, Soledad Sevilla, Eva Lootz, Fernando Sinaga, Bartolomé Ferrando, Juan Luis Moraza, Xosé Freixanes ou Ana Soler, entre outros. "Presenta un modelo de visión moi poliédrica da arte contemporánea, un reflexo da actitude artística destes momentos", apuntou Javier Tudela, director do Departamento de Escultura, que definiu a obra como "un proxecto xeneroso e de enorme ambición" dado o número de autores que participan. Juan Fernando de Laiglesia salientou por riba de todo a colaboración desinteresada deses 91 profesionais "que traballaron a cegas sen preguntar en ningún momento con quen ían compartir a obra, creando un diálogo implícito no que a arte actuou como imán".

Cada definición consta dun texto escrito sobre o que este modo de expresión lle suxire a cada autor acompañado dunha selección de imaxes do seu propio traballo artístico, o que deu lugar, nuns casos a reflexións paradigmáticas "dignas dun dicionario normativo" e noutros a "auténticas confesións" do que supón para eles esta disciplina, o que provoca ao mesmo tempo que cada lectura "mude a paisaxe do que se explicara na entrada inmediatamente anterior", síntoma directo do que está sucedendo na arte contemporánea. O resultado, "unha coidada" edición con máis de 400 páxinas e centos de imaxes a cor envoltas nun índice temático despregable, obra de Juan Luis Moraza no que se recollen, ordenados por categorías e cores, os case 1000 conceptos que os autores empregaron para definir a arte. "Trátase doutro dicionario paralelo, toda unha constelación dun millar de termos que ofrece unha radiografía do que está a ocorrer nos talleres dos artistas contemporáneos en España", engadiu de Laiglesia.

Tal é a relevancia da publicación que será presentada nas principais cidades españolas. A primeira parada será o vindeiro 3 de decembro no Palacio La Madraza da Universidad de Granada para logo volver a terras galegas o 14 de decembro ao Museo Marco de Vigo. Arte: Diccionario Ilustrado tamén "viaxará" no próximo ano ata Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao.

Tania Airas
2ºBach-B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-12-2012 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0