Especialista en lingua e literatura galega, colabora en distintos medios de comunicación radicados na Costa da Morte.
|
|

|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Testemuños dunha Cerqueda inédita |
|
Na canción Ribeirana de Cerqueda hai un cantar que di así:
«En Cerqueda non hai homes,
homes hainos na ribeira;
hainos de media polaina,
hainos de polaina enteira».
Destes versos interesa o apelativo A Ribeira, nome co que se coñecen os lugares desta parroquia malpicá emprazados contra a banda do mar: O Ceán, Algadán, A Lagoa, Loroxo e Ardeleiro. Minúsculas aldeas que se adiviñan na banda dereita da estrada Buño a Malpica e que buscan refuxio entre as agras que testan nas estremas dun suave cordal montañoso que se rende en cantís nas augas do Atlántico.
Neste cativo cordal, escóndese un val de ribeira, inédito, salvaxe, dominado polos ventos: A Rega. Chégase a el desde O Ceán, podendo optar o camiñante por dúas das marxes do val: unha que nos levará á Cabeza da Rega, á Casa do Xacintón, á Corte das Cabras; outra, pasando polo campo de fútbol, que, ademais da Rega desemboca na praia de San Miro.
Collemos a marxe esquerda do val. Transitamos por piñeirais interrompidos ata bater coa Cabeza da Rega, alí onde o nace val e se axeonlla buscando o mar. Nas fontenlas da Cabeza nace un pequeno regato: o Rego da Rega. Continuamos polo camiño de servidume ás chousas que se converteu agora en faixa de cortalumes, facendo posible así o noso acceso. A vella corredoira, testemuña de centos de carradas de herba, védase hoxe ó paso humano poboada dun sen fin de toxos e xestas en flor nesta primavera.
O Rego da Rega é cativo, quizais un par de metros separen as súas marxes. Pese ás cinco fontes que lle dan auga, nestas datas baixa escaso, sedento. Pola contra, noutrora era abrevadeiro para o gando e mollaba as pedras de dous lavadoiro a onde acudían as mulleres do Ceán.
No primeiro cortalumes a travesa, baixamos pola dereita a carón dun espeso piñeiral de repoboación. Acompáñanos unha densa ramada e unha mesta capa de arume érguese desde o chan ata as primeiras pólas. Proseguimos ata o remate do camiño. Detémonos alí onde o rego se anchea nun pequeno remanso. Na tranquilidade do lugar oiremos a música do río. Levantemos a mirada cara o noso entorno e decatarémonos da pequena humanidade que somos perante tanta natureza.
Metámonos agora no bosque, pola alfombra de arume, seguindo unha vella corredoira. A escasos metros xorde na altura a Casa do Xacintón. A Casa do Xacintón encóntrase na ladeira esquerda da canle pola que discorre do Rego da Rega. Desde lonxe divísase como un petón se abre nunha cavidade frontal que observa o regato desde a altura. Unha viseira de pedra que abriga unha cova duns catro metros de profundidade. No seu chan, cuberto dun po de area escura nacido da erosión das súas paredes, grávanse pisadas de aves que buscan acubillo nas noites. Como ata hai anos esta era zona de praderías e pastoreo, cando chovía os rapaces que coidaban do gando (ovellas e vacas) abrigábanse nesta cavidade. Ningunha persoa de Cerqueda garda memoria do porqué do seu nome. Nós propoñemos un apelativo humano para o seu bautizo. Probablemente, moi recuado no tempo, un veciño do lugar, home grande, de nome de pía Xacinto, pero para os veciños Xacintón, fose frecuente morador da mesma nas súas horas de pastoreo. Décadas atrás, o penedo no que aparece a Casa do Xacintón estaba a monte aberto; hoxe abrígase dun denso piñeiral, alfombrado de arume e que convida a outonos cargados de cogomelos.
Recuamos e volvemos ó primeiro camiño principal. Descendemos polo cortalumes ata chegar á súa fin. Temos o mar de fronte, antes vedado para nós polo bosque que nos rodeaba. Collemos á esquerda polo camiño de pescadores e percebeiros, costa abaixo, en relanzo. Toxos e silvas préndennos nas roupas para impedir a nosa andaina. Atravesamos o bosque de ribeira, chan de arume ata que albiscamos unhas agullas de pedra, comestas do nordés. A súa silueta para nada nos ofrece o que podemos encontrar no seu interior.
É unha cova que se encontra na punta da Fungosa, un pequeno cabo acantilado onde o mar bate con carraxe. Precisamente, o fungar das augas, mesmo en días calmos, dálle nome ó lugar. A Corte das Cabras amosa a súa entrada ó bío, ó precipicio. Na cerna do rochedo, no seu corazón ábrese unha cova de uns oito metros de profundidade. Nela o fungar do mar vólvese silencio perpetuo. No chan, pegadas de aves que tamén buscan aquí o seu refuxio. Outras aves buscan na intimidade da cova fendas para a súa niñada que agarda, ano tras ano, a posta de ovos que prolonga a liñaxe. No chan tamén unha pequena lareira de pedras de pescadores que fan aquí o seu xantar despois dunha xornada de pesca.
Saímos á boca da cova, abocamos o perigoso cantil. Alá embaixo, na inmensidade duns 50 metros, emerxe unha negra pedra cercada (bañada por augas de mar), no seu curuto descansan seis cormoráns. Dous deles con penacho no curuto das súas cabezas: son cormoráns moñudos. Onde eles pousan, a pedra é permanentemente branca, sinal da súa longa presenza, mostra das súas cagadas.
Desde a boca da cova observamos o litoral bergantiñán desde unha perspectiva inédita, allea a miradas comúns. Aquí un sente o privilexio de gozar da terra non tocada pola man do home. Aquí un desexa tamén que este privilexio se perpetúe no tempo. Contra a dereita, Petón Rubio, un monte barresco que morre en cantil. Neste, dous pescadores de cana pasan a mañá do domingo. Un pregúntase cómo chegarían á súa postiña. Máis ó lonxe, a punta da Atalaia que nos anuncia, escondida, a vila mariñeira de Malpica. Avanzando no océano, as Sisargas na súa partida constante.
Monte arriba, regresamos ó cortalumes para descender por outro camiño de pescadores á Rega.
A Rega son as dúas únicas praias da parroquia de Cerqueda. Con marea alta as súas areas cóbrense de auga. A baixada da marea, agasállanos con dous pequenos areais: A Rega Grande e A Rega Chica. Entre eles, o illote da Rega, nome co que aparece nos mapas sérvelle de parapeto en días de temporal. Pola contra, os veciños da parroquia coñecen este illote co nome da Pedra Grande.
Se miramos cara á terra vemos o Rego da Rega brindar as súas augas ó Atlántico. ¿Quen dixo que o Xallas era o único río de Europa que morría en fervenza? Con galanura, este regato cerquedán morre nas escumas da ribeira, bica sen temor os salseiros caendo nunha fervenza duns dez metros. A fervenza mariña máis grande das terras de Malpica de Bergantiños. ¡Grazas, Deus, por ofrecernos tanta beleza!
Non obstante, aínda non vimos as xoias desta nosa escarpada viaxe: as furnas da Rega, catedrais nas entrañas da terra, húmidas bóvedas oxivais tinguidas de negrume creadas na eternidade dos tempos.
A furna pequena está a rentes da desembocadura do río. O seu chan todo el é de area. Contamos uns 40 pasos ata o seu remate. A furna grande encóntrase na outra banda da praia. Se a marea non está baixa de todo, para chegar a ela debemos atravesar unha pequena ribeira de bolos e pedras en aguillóns. Sen embargo, a dificultade do acceso compénsase coa maxestosidade desta cavidade mariña. Unha alta entrada, defendida por pozas de auga e grandes bolos, unha prolongación de 47 pasos en corredor curvo, a auga en goteiras que verte do seu ceo negro e a escuridade total nos seus últimos dez metros. Unha verdadeira catedral mariña nas profundidades do cantil coma aquelas que soñaba Urbano Lugrís.
¡Grazas, Deus, por ofrecernos tanta fermosura!
|
|
|
|
|
| Un náufrago na Costa da Morte |
|
Xosé Antonio Pet Posse, con dous «eses» no seu segundo apelido, é un pontecesán, un galego emigrado ás terras de Cataluña. Este feito non deixa de ser sorprendente para nós, dado que o pobo galego foi, desde sempre, unha comunidade que buscou a vida por todas as terras e mares do planeta.
De todos modos, coa lectura desta súa primeira novela longa escrita en lingua galega, O náufrago, quixera establecer un paralelismo no que participan dous escritores da Costa da Morte: un, é o propio Pet Posse; outro, o poeta, dramaturgo, narrador, xornalista e fotógrafo baiés, Enrique Labarta Pose. Este, viviu parte dos seus últimos vinte anos no Paseo de Gracia da cidade condal. Desde alí, como tamén fai Xosé Antonio Pet escribiu, en lingua galega e castelá, textos literarios que viron a luz ás veces en formato libro, ás veces na prensa galega, tanto de aquí do país como da propia emigración americana.
Este paralelismo entre ambos non só se queda nos seus traballos como escritores, senón tamén nos dous «eses» do segundo apelido, dado que, en moitas ocasións, o nome de Labarta aparecía escrito así: Posse.
Xosé Antonio Pet Posse naceu na parroquia de Tella contra mediados do século XX. Polo tanto, a literatura tiña que ser por forza unha das súas paixóns, posto que o seu berce foi abalado, sen dúbida, polos airiños mainos dos pinales de Tella. Esta fecundidade pondaliana non tardaría moito tempo en prender na súa musa, a cal xa espertou con toda a súa vigorosidade nos anos da adolescencia.
Ó longo do século XX, Xosé Antonio Pet Posse non só foi o novelista máis fecundo da terra de Bergantiños, senón tamén o que acadou máis altos loureiros literarios. Por exemplo, a súa obra, Portoceo, quedaría seleccionada para a final do prestixioso premio Planeta no futbolístico ano 1982.
A pluma Pet Posse escribe en galego e castelán e non ten medo de se mergullar tanto no terreo da narrativa infantil como na de adultos, así como mesmo na poesía. As súas narracións caracterízanse porque nelas sempre está presente a terra natal para honrar aquel verso pondaliano que engrandecía a «pequena Ponteceso».
Desde a súa adolescencia ata hoxe, a anada literaria de Xosé Antonio Pet Posse é abundante, de aí que botemos man da frase feita coloquial e escribamos que «ten o cabazo cheo» e pode pasar o inverno tranquilo, porque nunca lle faltará un anaco de pan ou de boroa ó que botarlle dente. As esparxas do seu cabazo énchense con títulos como Portoceo. En el fin del mundo, La Taberna de Bergantiños, Una dama de altos vuelos, Amalia la del 228, Las gemelas de Fornelos, La tahona de Froilán ou Alias el Chispa na modalidade de narrativa para adultos. Para os máis novos, La historia de Alí. En galego, publicou hai anos Contos e lembranzas e a narración infantil Un berro no silencio da noite. Este último sería traducido despois ó catalán. E no terreo poético sacou á luz Poemas singulares y doce sonetos apasionados. Tampouco podemos esquecer o conto sobre Carmiña de Tella, a das bonecas, que incluíu na publicación da A.C. Monte Branco, O trasno rebuldeiro, con motivo da homenaxe ós escritores da Costa da Morte.
E agora, tras estas datas de Nadal e xa próximos ós cocidos e filloas de entroido, acábanos de agasallar coa súa primeira novela longa en lingua galega: O náufrago. Sen lugar a dúbidas, sendo Pet Posse un escritor natural da Costa da Morte, non soubo escapar do irresistible desexo e emoción que as bravas augas de todo este territorio Atlántico provocan á hora de escribir.
Podiamos dicir que é outro libro máis sobre a Costa da Morte, pois a listaxe sobre esta temática é realmente ampla. O propio Eduardo Pondal tiña dous poemas inéditos ata hai pouco que se titulan así: «Costa da Morte»; neles fala das invasións vikingas a estas ribeiras. Nos anos 20, un escritor sevillano, José Mas, publicou unha novela longa con ese mesmo título: La Costa de la Muerte. Dela realizamos nós unha tradución ó galego. Non obstante, o libro que máis deu a coñecer nas xeracións actuais este fisterra atlántico cargado de naufraxios foi o do mestre José Baña Heim: Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios.
Precisamente dun destes afundimentos, o do buque City of Agra, nace a presente novela: O náufrago. O 3 de febreiro de 1897, este buque inglés bate contra o baixo do Canesuso (Arou. Camariñas) cando se encontraba en ruta desde Glasgow a Calcuta. Dos 63 tripulantes e 6 pasaxeiros non só se salva o «sobrecargo», un mozo escocés que responde ó nome de John Mac Barbour, senón tamén os 300 soberanos de ouro que o capitán escondía no seu camarote. ¿E que futuro prometedor lle esperaba a este mozo lanzal con semellante tesouro nunha terra mergullada nos tempos das corredoiras? Iso deixarémolo para os lectores da novela.
Para rematar, nesta narración, O náufrago, diremos que volvemos a ter a sorte de nos encontrar co mellor Pet Posse, con aquel que leramos coa «emoción da terra» cando saboreamos por vez primeira as páxinas de Portoceo (Ponteceso), de La Taberna de Bergantiños ou de Las gemelas de Fornelos. Como ben publicou Xosé Ameixeiras, aquí, amósasenos «un retrato magnífico do que eran no pasado a vida e os costumes da súa terra». E nisto, Xosé Antonio Pet Posse é un verdadeiro mestre. |
|
|
|
|
| O náufrago de Xosé Antonio Pet Posse |
|
O náufrago, editada por Sotelo Blanco Edicións, é a última entrega narrativa do pontecesá Xosé Antonio Pet Posse. A través da súa lectura, mergullámonos nas brétemas dos afundimentos ocorridos na Costa da Morte ó longo de moitas décadas do século XX. En concreto, na vida dun mozo escocés que viaxaba no City of Agra.
Tes unha cita con esta novela e co seu autor o vindeiro domingo 24 de xaneiro, a partir das 5 da tarde na Fundación Eduardo Pondal.
Ademais, tarde de café, pintura, recitados e música a cargo de Tamara Lema, Quen (Mos) Queira e a xuventude da parroquia de Cospindo. |
|
|
|
|
| Amencer presenta en Betanzos o seu primeiro poemario colectivo |
|
Baixo o título de Latexos-Latidos, o colectivo poético Amencer, presentará o vindeiro sábado 19 de setembro, ás 21.30 h, no auditorio de Betanzos, o seu primeiro poemario. Trátase dun volume que contén unha colleita poética dos cincos autores que conforman este grupo poético: Antón Borrazás, Lucía Vilches, Begoña Picón, Carmen Corral e Óscar de Souto.
O recital presentación combinará a lectura de texto con música de ambiente e instrumental.
|
|
|
|
|
| Presentación da Guía do miradoiro de aves José Luís Rabuñal Patiño |
|
O venres 7 de novembro, a partir das 17.00 horas, o Concello de Cabana de Bergantiños prensentará no Centro Social de Neaño a Guía do miradoiro de aves José Luís Rabuñal Patiño, obra de Xosé Manuel Varela Varela que contou co asesoramento do ornitólogo José Luís Rabuñal Patiño. Na presentación, ambos estarán acompañados polo Alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, e por responsables do Departamento de Cultura.
O volume, que consta de 16 páxinas dun innovador formato rectangular horizontal cando está aberto, recolle, desde o punto de vista divulgativo, varios aspectos de interese sobre o mundo das aves da Insua tanto para o afeccionado á avifauna como para a poboación local, escolar e turística.
O traballo ábrese cunha presentación do Alcalde de Cabana de Bergantiños, na que salienta que con esta publicación, xunto coa inauguración en 2006 do Miradoiro de Aves situado na praia da Urixeira, se lle rende outra merecida homenaxe a José Luís Rabuñal Patiño, un dos máis importantes ornitólogos de campo do Estado español e que leva máis de 30 anos observando aves na desembocadura do Anllóns.
Despois, no desenvolvemento do contido, cunha alta calidade gráfica e con amenidade, infórmase ós lectores da importancia da Insua como un espazo privilexiado en Europa para as aves que buscan nela refuxio durante as súas migracións europeas e americana, dos lugares que ocupan as aves no esteiro, das rarezas que acudiron nalgunha ocasión ó lugar, das estratexias para recoñecer as aves e dos útiles cos que se deberá contar para a observación da avifauna, así como da dispoñibilidade de contar cunha chave para acceder ó interior do miradoiro de aves.
Mentres que a guía, redactada en lingua castelá e galega, ten como destinatarios o público turístico e foráneo, un polidíptico de gran formato que a acompaña foi escrito en lingua galega e ten como destinatarios principais a poboación local e escolar.
O volume conta con colaboracións gráficas de Ana García Suárez, foi deseñado por GlobalGrafic e publicouse cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
|
|
|
|
|
| Guía do miradoiro de aves José Luís Rabuñal Patiño |
|
Esta Guía do miradoiro de aves José Luís Rabuñal Patiño preséntase como volume de 16 páxinas dun innovador formato rectangular horizontal cando está aberto, no que se recolle, desde o punto de vista divulgativo, varios aspectos de interese sobre o mundo das aves da Insua tanto para o afeccionado á avifauna como para a poboación local, escolar e turística.
Este traballo, xunto coa inauguración en 2006 do Miradoiro de Aves situado na praia da Urixeira, quere renderlle merecida homenaxe a José Luís Rabuñal Patiño, un dos máis importantes ornitólogos de campo do Estado español e que leva máis de 30 anos observando aves na desembocadura do Anllóns.
No contido, ilustrado cunha alta calidade gráfica, infórmase ós lectores da importancia da Insua como un espazo privilexiado en Europa para as aves que buscan nela refuxio durante as súas migracións europeas e americana, dos lugares que ocupan as aves no esteiro, das rarezas que acudiron nalgunha ocasión ó lugar, das estratexias para recoñecer as aves e dos útiles cos que se deberá contar para a observación da avifauna, así como da dispoñibilidade de contar cunha chave para acceder ó interior do miradoiro de aves.
A guía, que está redactada en lingua castelá e galega, acompáñase dun polidíptico de gran formato escrito en lingua galega. O volume conta con colaboracións gráficas de Ana García Suárez, foi deseñado por GlobalGrafic e publicouse cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
|
|
|
|
|
| A Reválida de sexto na Coruña |
|
A novela de José Antonio Andrade Figueiras, Reválida de sexto, presentarase o vindeiro martes 30 de setembro, ás 20.00 h, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. O acto estará apadriñado polo tamén avogado Miguel Vázquez Blanco. José Antonio Andrade xa presentara na sede de Alexandre Bóveda o seu anterior libro, Seavia é nome de parroquia. |
|
|
|
|
| Dous cabaneses na FNAC da Coruña |
|
O pianista de Canduas, Serxio Moreira, e o poeta de Neaño, Óscar de Souto encheron de música e poesía na tarde do mércores 3 de setembro de 2008 a Sala Forum da FNAC sito na Praza de Lugo da cidade da Coruña. A representación cabanesa completouse coa presenza de Xosé Manuel Varela, normalizador lingüístico do concello de Cabana de Bergantiños.
Este recital encádrase dentro da programación cultural do FNAC para este mes de setembro no que tamén participarán o artista vigués Antón Reixa.
Óscar de Souto leu textos dos seus poemarios Destino de vinganza e Azilag: Bitácora poética 2008. Durante o recital, este poeta cabanés foi fiel ó seu peculiar estilo, xa que cada vez que recita tira as follas de poemas ó chan lembrando a caída das follas en tempo de outono. Así, cada poema semella unha folla na procura do descanso telúrico. Ó final do recital, en ton irónico, De Souto manifestou que “agora non vou vender ningún libro, senón regalar poemas a cada un de vós”. Acto seguido, agasallou ós cerca de 50 asistentes con poemas asinados.
Por outra banda, Serxio Moreira agradou co seu acompañento ó piano creando música en directo segundo a intención e temática de cada poema. Moreira é un músico asiduo de recitais poéticos, xa que tamén adoita acompañar ó poeta afincado en Malpica de Bergantiños Paco Souto.
|
|
|
|
|
| A Reválida de José Antonio Andrade |
|
É conveniente que a escrita en lingua galega posúa axentes que procedan de distintos campos do saber. Debe romper o binomio: libro galego igual a mestre ou profesor de lingua. Con esta ruptura gañarase en variedade de olladas temáticas reflectidas nos distintos textos e tamén en novos lectores que doutra maneira nunca se achegarían ós libros de noso. Dicimos isto a fío da aparición da novela Reválida de sexto cuxo autor é o avogado de Seavia José Antonio Andrade Figueiras.
Reválida de sexto é a súa segunda achega narrativa, xa que hai un ano por estas datas debutara no terreo da literatura con Seavia é nome de parroquia. Ambas son autoedición e, polo visto, os éxitos da primeira animaron a José Antonio a arriscarse por vez segunda no proceloso mundo editorial.
O groso do volume preséntanos o diario de vida dun adolescente en idade escolar a punto de rematar un ciclo da súa vida académica. Gran parte desta vida transcorre dentro das aulas, do patio e das habitacións dun internado chamado Academia Zeus trasunto dun colexio real existente na época narrada pola novela na vila de Carballo. Estas vivencias escolares serán o gran punto de atracción para moitos lectores que sufriron en propia carne tan rigorosos métodos pedagóxicos descritos que mesmo se teñen convertido en lenda.
Fóra dese espazo opresivo e tan determinante na psicoloxía dun adolescente, as páxinas de Reválida de sexto son un espello da xuventude procedente do rural que se concentraba na emerxente vila de Carballo en época tardofranquista. Polo tanto, convértese esta nunha novela de xeración na que moitos verán reflectidos os seus soños de liberdade a canda a impotencia por zafarse dos últimos alentos da ditadura desde o brazo da escola. Como pano de fondo, o amor da adolescencia e a emigración europea están presentes por todos os recantos, mesmo na propia pel do protagonista.
Se Reválida de sexto vise a luz no selo dunha editora seguramente a encadrarían nunha colección de narrativa xuvenil. Non estaría totalmente desacertada esta escolla. Diría máis: é este un libro máis que recomendable para que lea o actual alumnado de Secundaria e compare como a vida académica e persoal de seus pais foi completamente distinta da que gozan hoxe. Nese sentido, a lectura de Reválida de sexto recordoume A nosa cinza de Xabier Alcalá.
De certo, gústame a man narrativa de José Antonio Andrade, porque aposta por unha temática e un rexistro lingüístico que non espanta lectores. Todo o contrario, levántaos de debaixo das pedras. Coa compaña de Xelucho Abella, Asunción Antelo, Xurxo Borrazás, Xurxo Chapela, Rosa María Vidal, José Antonio Pet Posse, Alberto Ferreiro, Miguel A. Mato, Francisco M. Castiñeiras e Fernando Cabeza, por sorte, xa temos un narrador máis que nos demostra a idade de ouro que está a vivir a narrativa nas terras de Pondal. |
|
|
|
|
| Con toda a toponimia de Galicia na Cabeza |
|
Cos seus escritos sobre toponimia, Fernando Cabeza Quiles xa hai tempo que nos deixou de sorprender. A súa mestría neste eido do saber quedou patente nos primeiros libros: Os nomes de lugar (Xerais) e Os nomes da terra (Toxosoutos). Agora, coa súa terceira achega, Toponimia de Galicia (Galaxia), consolídase non só como o gran toponimista do país galiciano, senón tamén do Estado español.
Fernando foi proposto como candidato para o premio de Carballés do Ano en varias ocasións. Supoño que tras a publicación desta triloxía acade definitivamente ese nomeamento, pois ten méritos sobrados.
Como a serpe que cambia cada ano de pel, Cabeza Quiles reescribe en cada nova achega unha mesma intención toponímica, pero cada vez con máis rigor, con máis topónimos e con maior amenidade. Isto xa nolo advirte na introdución do volume onde define o presente Toponimia de Galicia como “un libro de lectura doada”.
O aspecto externo do volume engaiola a ollada: magnífica encadernación en tapa dura, absolutamente todas as fotografías reproducidas a cor, formato dicionario para maior comodidade na consulta e, a maiores, espléndidos índices toponímicos que fan máis doada a localización de calquera topónimo ó longo das súas páxinas.
O contido está clasificado do A ó Z, por iso Galaxia o incluiu na colección Guías AZ. Comeza coa explicación do nome de lugar Aba e toda a súa familia toponímica e remata coa dos dous únicos Xuvencos existentes no territorio galego. Como lectores podemos botarlle dente seleccionando topónimos ó chou ou ir lendo cada nome de lugar coma se de pequenos relatos se tratase. E digo isto, porque na explicación de cada voz toponímica escasea (con bo criterio) o peso da filoloxía e abunda o trazo da curiosidade, da lenda, do retallo histórico ou da pegada humana, entre outros. Tamén podemos realizar unha colleita de topónimos do noso concello ou comarca e ir deleitándonos no descubrimento da súa orixe ou mesmo buscar os seus parentes ó longo do territorio galego e peninsular.
Pese o título, Toponimia de Galicia, este volume é moito máis ca un dicionario de topónimos galegos xa que, cando a ocasión o require, exemplifícase con nomes de lugar esparexidos por toda a Península ibérica, incluído Portugal. De aí que, para este volume, redactado en galego como a totalidade da obra de Cabeza Quiles, sexa máis que recomendable a súa tradución ó castelán e a comercialización fóra das nosas fronteiras. Isto sería un gran fito para a nosa cultura coma no seu tempo tamén o fora a primeira tradución peninsular para o galego da novela Ulises de James Joyce.
Como ben dixo Suso de Basilio na presentación do libro A música en Corme, con este volume Fernando demostra que ten todo o país metido dentro da Cabeza. Nós, asegundámolo nesa afirmación, porque este ponferradino carballés demostra que é capaz de descubrir a orixe e os segredos dos nomes de cada unha das cidades, vilas e pequenos lugares de Galicia coma o mago Merlín saca coellos da súa caparucha.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|