Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

meeting point

Na praia d’A Lanzada, no concello d’O Grove, un 5 de marzo de 2011 soleado e con marea baixa, descubrín o meu meeting point particular, ese lugar segredo onde poder fuxir para reencontrarme comigo mesmo:

meeting point

pedra
rocha
area
son illa agachada en algas
letra que navega
emancipada das escravitudes da ortografía
(velaquí o meu espazo máis privado e máis íntimo
o paraíso para me adurmiñar despois da singradura)
son gamela
caiuco que foxe do lento ronsel das despedidas
parágrafo maldito
no mar interminábel das frases feitas
(velaquí o meu corazón que latexa
aurículas de area
ventrículos de salitre)
serei onda cando canse
mergullareime
silandeiro
no mar máis fondo
no océano máis infindo
son pedra
son rocha
son illa
(velaquí o meu acubillo máis prezado
o meu punto de encontro
o meu paraíso)
Comentarios (1) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 19-09-2014 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Xarope para unha sociedade aparentemente feliz
O 21 de agosto de 2013 na vila de Cardona, na provincia de Barcelona, comarca de Bages, atopei esta caixa chea de cascos á entrada do Parc Cultural de la Muntanya de Sal. Non puiden deixar de pensar que dentro había cerebros e decidín escribir esta receita de

Xarope para unha sociedade aparentemente feliz


Ingredientes:
- unha boa cantidade de cerebros humanos de machos e de femias a partes iguais
- unhas grandes dose de demagoxia
- auga en abundancia
- varios paus moi enérxicos
- unha chea de ignorancia

Lávense ben os cerebros e póñanse a cocer en auga fría até que as ideas empecen a se desprender, momento no que se deben retirar para volvelos lavar. Esta operación pode realizarse todas as veces que se considere oportuno até que non quede nos cerebros nin a máis mínima pegada de imaxinación.

Para facer o xarope, engádanselles unhas boas doses de demagoxia e de paus para despois deixalos macerar en ignorancia un bo anaco de tempo. (Este proceso deberá realizarse coa máis grande das lentitudes e coa máxima das discrecións.)

En caso de non querer utilizar os paus, esta receita tamén se pode elaborar cunha boa e contundente malleira.
Comentarios (0) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 17-09-2014 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Rapaza de auga
Mentres paseaba polas rúas de Coimbra o tres de marzo deste ano descubrín nunha parede esta faciana de muller que me miraba...

como non sucumbir a ese teu ollar tan líquido
como non deter a camiñada
como non querer gozar do frescor do teu corpo
todo
como non devecer por esluírme en ti
como non desexar esvarar contigo pola rúa costa abaixo
ás carreiras
enchoupar o mundo
ser pucharca
chorro
pingueira
como non querer mollar contigo as lousas todas
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 16-09-2014 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal