Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Adeus á praia de Laño
Hoxe por primeira vez sentín algo de fresco e tiven que poñer un xersei.

Quero convidarvos a ver esta derradeira foto que fixen este verán xusto a semana pasada na miña querida Praia de Laño en Samieira, a moi poucos quilómetros da miña casa e que con tan gratos momentos me agasalla: auga, sol, lectura... e a soidade máis grande que pode proporcionar unha praia! Un luxo nestas Rías baixas tan ateigadas de xente.

Agora que o verán xa rematou poderei visitala cos meus cans para botar unhas boas camiñadas a rentes da area.

Que vos parece se quedamos con esta imaxe tan fermosa do verán?
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 30-09-2010 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de Arthur Penn

Hoxe faleceu Arthur Penn, que nos fixo pasar momentos inesquecíbeis con aquela xoia cinematográfica do ano 1967 titulada Bonnie and Clyde, unha película desas que se deixan ver unha e outra vez sen perder un ápice de xenialidade, unha cinta desas polas que nunca parece pasar o tempo.

Pero esa non foi a súa única xoia, tamén dirixiu monumentos como A manda humana ou Pequeno gran home.

Déixovos co trailer de Bonnie and Clyde a xeito de homenaxe.

Veña un grolo por Arthur Penn!

Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 29-09-2010 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
De topónimos deturpados
Rafiofusión envioume esta nova:

O Imserso (Instituto de Maiores e Servizos Sociais) pertencente ao Ministerio de Sanidade e Política Social non respeita os topónimos de Galicia no listado das axencias de viaxe autorizadas para as viaxes da terceira idade. Na súa páxina web inclúense nomes deturpados como Rianjo, Puentedeume ou El Ferrol.

Que vos parece?

Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 28-09-2010 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Da folga xeral: sempre pagamos os mesmos
Mañá haberá unha folga xeral que estou disposto a secundar.

Fareino por esa horrenda sensación que sempre se ten de que as cousas malas temos que pagalas os mesmos, por ese mal corpo que deixa pensar que o sistema pode entrar en crise mil e unha veces máis pero os bancos, as grandes empresas, as multinacionais, as grandes superficies, que chuchan sen parar todo canto temos nunca van pagar nada (Son como samesugas pegadas ás nosas economías domésticas)

Se as cousas van mal ao capital, a solución sempre é abaratar o despido entre outras medidas aínda máis impopulares.

Xa está ben!

Dá vergoña (ou noxo, por que non?) oir falar a determinada xente, como por exemplo o presidente da patronal española acerca do papel dos sindicatos na socidedade actual.

Dá vergoña escoitar como ese mesmo señor di que a reforma laboral que provoca a folga de mañá é escasa porque o despido tiña que abaratarse aínda máis, que os empresarios teñen que apretar o cinto! (por favor!)

Non podemos ficar calados vendo como o capital empeza a desmontar peza por peza o estado de benestar que tanta loita provocou nos nosos pais, nos nosos avós e enm moitas xeracións anteriores, eses grandes logros salariais e sindicais que permitiron que nós acadásemos o nivel de vida do que gozamos (e non falo de cartos, por favor que ninguén o pense. Falo de sanidade de calidade, de ensino de calidade e gratuíto, de bo transporte público, dunha xustiza ben administrada...).

Levou moito tempo construír todo iso, moito esforzo social e moita loita para que agora permitamos que nos manden dar pasos atrás.

Se foron os bancos quen iniciaron todo isto por mor da súa usura sen límites que sexan eles quen empecen a pagar nos desperfectos que ocasionaron.

Non podemos ficar calados.

Non podemos.

De ningunha maneira!


Comentarios (2) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 28-09-2010 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
A cadeira xigante de Moaña
Esta semana apareceu unha cadeira xigante (catro metros de alto) no cumio dun monte de Meira, no Concello de Moaña.

Trátase dunha cadeira de grandes dimensións que alguén instalou no lugar como experimento artístico para ver como era a reacción da xente.

A idea era que os autores da instalación quedasen no anonimato.

A reacción da xente foi moitísimo máis aló do que calquera puidese ter imaxinado.

Iniciouse unha auténtica peregrinación de veciños até o cumio do monte para ver a cadeira. Hai incluso quen bromeou cun "novo xacobeo laico".

Pero sabedes que pasou?

Pois pasou que o dono dunha inmobiliaria local (Campos y Celay) dixo que fora el quen instalara a cadeira no cumio do monte como xeito de publicidade!

E xornais, radios e televisións (non só galegos) fixérono pasar por autor da instalación artística.

Iso trastocou os plans iniciais dos promotores da obra, que querían manterse noa anonimato, e moi enfadados decidiron desmentir ao dono da inmobiliaria.

Os autores da xenial idea son Xulio Lago e Roberto Brañas, do grupo cultural Labra.

O seu obxectivo, segundo as súas palabras, era "pór no monte unha antena de arte que transmitise optimismo á xente".

O malo foi que se lles colou "unha interferencia inmobiliaria con moita cara e moi dura".

Benvida sexa a boa iniciativa dos artistas!
Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 24-09-2010 14:15
# Ligazón permanente a este artigo
Outono n'A Coruxa

tes o misterio
das cousas
que se desfondan

e marchan
e rompen
e caen
e se estragan
e se lixan
e podrecen

do que aparece
e logo desaparece

e xordes coma un soño
e enches os días de gris
e choves coma os ollos dunha viúva

viúvo
do sol
ti

cando
unha folla
vai caendo
paseniño
e anuncia
que
chegou o tempo
de saltar pucharcas
para andar

(Por certo, que A Coruxa é o nome do lugar onde vivo)
Comentarios (6) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 23-09-2010 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
Das marchas dos mineiros do Bierzo e Asturias

Vaia o meu apoio aos mineiros do carbón do Bierzo e de Asturias que levan meses sen cobrar os seus salarios.

Vaia o meu apoio aos mineiros que están a marchar polas estradas.

E vaia tamén para os que levan tres semanas pechados a cincocentos metros de profundidade no interior da mina e de xeito especial para os dous que están en folga de fame.
Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 22-09-2010 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
De Emily Brönte: Caen, as follas, caen
Falemos do outono, entón.

Compartamos os versos de Emily Brönte:

Fall, leaves, fall; die, flowers, away;
Lengthen night and shorten day;
Every leaf speaks bliss to me
Fluttering from the autumn tree.

I shall smile when wreaths of snow
Blossom where the rose should grow;
I shall sing when night's decay
Ushers in a drearier day.


Que eu ouso traducir moi libremente:

Caen, as follas, caen; morren, as flores, para sempre;
Alóngase a noite e acórtase o día;
Fala cada folla de felicidade
mentres voa dende a árbore outonal.

Vou sorrir cando vexa coroas de neve
a agromar onde as rosas debían medrar ;
Vou cantar cando a chegada da noite
nos vaia metendo nun día tristeiro


Comentarios (10) - Categoría: De literatura - Publicado o 22-09-2010 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Beth Carvalho: As Rosas Não Falam
Hoxe en teoría remata este verán tan cheo de sol e de experiencias marabillosas (quizais na práctica siga a meteoroloxía a deixarnos gozar da calor).

Por iso quero que compartamos esta canción de Cartola, o gran compositor brasileiro, interpretada por Beth Carvalho.

Bate outra vez
Com esperanças o meu coração
Pois já vai terminando o verão
Enfim

Volto ao jardim
Com a certeza de que devo chorar
Pois bem sei que não queres voltar
Para mim

Queixo-me às rosas, mas que bobagem
As rosas não falam
Simplesmente as rosas exalam
O perfume que roubam de ti

Devias vir
Para ver os meus olhos tristonhos
E, quem sabe, sonhavas meus sonhos
Por fim


Deica logo, meu querido verán.

Benvido sexas outono outra vez, como non?

Comentarios (6) - Categoría: Sala de música - Publicado o 21-09-2010 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Roy Lichtenstein: O bico
Logo de canto nos deu que comentar o cadro dos amantes de René Magritte nestes días pasados, propóñovos outro bico.

(Trátase do bico pintado por Roy Lichtenstein no ano 1962).

Aquí non hai caras tapadas coma en Magritte.

Todo o contrario.

Hai beizos moi vermellos.

E hai unllas pintadas.

E hai guedella loira.

E hai uniforme de aviador.

E hai ollos pechados...

E hai un avión...
Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 20-09-2010 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal