Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Philadelphia.Tom Hanks.Maria Callas.La Mamma Morta.
Atopeino.

Din coa secuencia de Philadelphia da que falabamos.

Unha magnífica interpretación de Tom Hanks.

Unha xoia.

Comentarios (3) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 29-09-2009 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Maria Callas: O mio babbino caro
Tiña ganas.
Moitas.

Velaí vos propoño a María Callas, cunha fermosa aria da ópera Gianni Schicchi (1918) de Giacomo Puccini.

Gozade dela!

Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 29-09-2009 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
Da trama Gürtel na casa
Inauguro categoría coa traída e levada trama Gürtel da que tanto se fala dende hai uns meses porque non podo ficar calado.

Hoxe resulta que o mal cheiro das cloacas do PP chegou a onda nós e mesmo Núñez Feijóo viuse na obriga de facer unhas declaracións.

Polo visto o PP de Galicia está pringado.

Vaia unha sorpresa iso de que os pepeiros de nós teñen contas segredas. Dáme a risa. É segreda acaso toda a montaxe que teñen nas Deputacións onde gobernan (afortunadamente só dúas: Ponevedra e Ourense)? Ou é vox pópuli que todo o seu oder estábaseado en cartos e subvencións?

Que clase de fiscalía temosen Galicia que nunca investiga nada cando dos pepeiros se trata?

Alégrome de que por fin saian á luz as contas do PP.

E e paso, por favor, que alguén investigue como funcionou aquela trama doslumes que asolaron a Terra no primeiro verán de goberno do bipartito, que non se investigou nada.
Comentarios (7) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 28-09-2009 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
Ladaíña do tren parado
Ai do camiño do tren, que nunca se desanda.
Pero que triste o tren, que triste está!
Ai do camiño do tren, que nunca se atopa consigo mesmo.
Pero que triste o tren, que triste está!
Ai do camiño do tren que non ten comezo nin final...
Pero que triste o tren, que triste está!
O tren que ollamos ao lonxe, baixo a chuvia, non está inmóbil, non, que nunca deixa de andar.
Pero que triste o tren, que triste está!
Somos nós quen estamos parados, chantados indecisos na terra, incapaces de camiñar.
Pero que triste o tren, que triste está!
Nunca culpedes ao tren das vosas tristuras. Non o fagades, que o seu é avanzar e avanzar!
Avanzar e avanzar sen parar...
Pero que triste o tren, que triste está!

Comentarios (7) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 25-09-2009 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Sharmanka Kinetic Gallery. Glasgow. Escocia

O segundo andar dun vello edificio de King Street, na cidade de escocesa de Glasgow, acolle, baixo o nome de Sharmanka Kinetic Theatre, unha colección marabillosa de dispositivos mecánicos móbiles construídos con material de refugallo por Eduard Bersudsky, un artista ruso, e a súa compañeira Tatyana Jakovskaya, que comezaron a construción do seu teatro cando vivían en San Petersburgo.

O lugar é unha verdadeira gozada que calquera dos dous artistas, Eduard ou Tatyana, vos ensinarán con verdadeiro orgullo se algún día pasades por alí.

Trátase dun local moi vello, e as sensacións que levas no corpo cando saes non son as mesmas que tiñas cando entraches. Sen te decatar fixeches unha viaxe aos lugares máis recónditos da túa imaxinación da man de dous artistas fenomenais.

Paga a pena, de verdade.

Achégovos este video d'A torre de Babel para abrir boca:

Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 24-09-2009 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Tim Burton: Vincent
Achégovos esta narabilla que fixo Tim Burton no ano 1982.

Podedes ler o poema en inglés aquí.

Unha gozada!

Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 23-09-2009 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Do concerto de Juanes e outros na Habana
Non é que me guste moito o cantante colombiano Juanes, máis ben nada, nin tampouco a maioría dos outros que participaron, pero estou a alucinar coa cantidade de críticas que lle fixeron os medios de comunicación ao cantante polo concerto que organizou na Habana o pasado domingo baixo o lema "Paz sen fronteiras" ao que asistiron un millón de persoas, nada máis e nada menos.

Sen ánimo ningún de defender o réxime cubano quixera salientar que eses mesmos medios calaron a boca coma petos cando o ano pasado se celebraron os xogos olímpicos na cidade de Pequín.

Velaquí o comezo dun artigo que con motivo de tal evento publiquei no Diario de Ferrol:

"O pasado oito de agosto o mundo enteiro quedou abraiado perante o despregue de medios tanto humanos como tecnolóxicos utilizados na cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos na cidade de Pequín, u acontecemento que tivo lugar no interior dun estadio que chamaba a atención tanto polas súas dimensións como pola singularidade do seu deseño, xa que ten a forma do xigantesco niño de paxaro que lle dá o nome. Todo foron noraboas e parabéns para os organizadores do evento por parte de público, dos gobernos dos diferentes países participantes e das autoridades de alto nivel presentes no lugar, mais o ruído dos aplausos non nos debería facer esquecer o constante atropelo dos dereitos humanos no país onde a tal cerimonia tiña lugar, sobre todo se temos e conta que no ano 2001 o Comité Olímpico Internacional decidiu conceder a organización dos Xogos de 2008 á candidatura presentada por Pequín coa seguridade de que a concesión había de facer medrar o respecto polos mesmos."

No mesmo artigo, entre outros, falaba dos seguintes atropelos aos dereitos humanos apuntados por Amnistía Internacional:

"A ONG denuncia que por mor da existencia dun sistema penitenciario baseado en moitas ocasións na “reeducación polo traballo”, hai na actualidade arredor de cincocentas mil persoas detidas que nunca recibiron asistencia letrada nin compareceron perante un tribunal e están condenadas a desenvolver traballos forzados ao longo de moitas horas.
Mais a listaxe de atropelos aos dereitos humanos nesta China que abraiou ao mundo ao longo do mes de agosto e na que calquera persoa que pase polo sistema penal do país ten moitas posibilidades de sufrir torturas, acada o seu grao máis alto coa práctica constante da execución de prisioneiros, arredor de dez mil persoas cada ano, aínda que non existen cifras exactas porque as estatísticas sobre a aplicación da pena de morte son un segredo de estado, o que obriga ademais a que os xuízos se celebren a porta pechada sen seguridades xurídicas. A pena capital aplícase en China a sesenta e oito delitos, incluídos os casos de corrupción e os relacionados coas drogas, tema este último sobre o cal Amnistía Internacional tamén denuncia a rehabilitación forzosa de drogodependentes en condicións infrahumanas para “facer unha limpeza de Pequín con vistas aos xogos olímpicos”
."

Vaia dobre raseiro: os xogos olímpicos de pequín non espertaron ningunha crítica digna de mención na prensa española. O concerto de Juanes provocou un verdadeiro regueiro de denuncias.

Que hipocresía!

Os chineses teñen moitos negocios con Occidente. Os cubanos non teñen nada.

Nadiña de nada.


Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 22-09-2009 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
Das Vidas minúsculas de Pierre Michon
Nunca lera nada de Pierre Michon e veño de rematar a súa novela (ou colección de relatos, quen sabe?) Vidas minúsculas.

Deixeime levar, engaiolar por unha prosa estudada, coidada e pulida até o estremo, unha prosa difícil de describir polo que ten de poesía e polo que ten doutros xéneros.

Especialmente fermosos os capítulos/relatos que falan dos seus avós, Eugène e Clara, dos irmáns Bakroot ou de André Dufourneau.

Escribe Michon unha especie de autobiografía, que non ten nada que ver coas autobiografías ao uso, a base de narrar as biografías de personaxes que se moveron ao seu redor nas distintas etapas da súa propia vida dende que era neno até a súa madurez.

Un libro brillante!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 21-09-2009 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
Dos cans dos meus veciños
Preto da miña casa vive unha familia nunha desas horrendas construcións a ladrillo vista por iso de non ter que declarar nunca a fin de obra e pagar menos impostos, rodeadas de galpóns de plástico negro polos catro costados e con toda caste de ferralla aínda esparexida polo terreo. Quizais estean a agardar a que acabe enterrada para non ter que retirala. Tanto ten. A paisaxe xa está afeita a unhas doses tan altas de feísmo que unha barbaridade máis non vai importarlle a ninguén.

A finca onde construíron esta marabilla da arquitectura popular é longa e moi estreita, tanto que tiveron que negociar cos veciños dos lindeiros para que o Concello lles permitise edificar.

Un día trouxeron dous bidóns deses de aceite de coche ou de gasolina, ou de petróleo, que sei eu o que podía gardarse neles, e deitáronos ao fondo da leira, o máis lonxe da casa que lles foi posíbel.

E alí ficaron.

Pouco tempo despois trouxeron dous cans, encadeáronos a un par de ferros cravados no chan e os animais xa non volveron moverse de alí. Pasaron a formar parte da desolada paisaxe familiar.

Non sei como poden chamarse, non teño nin idea.

Reflexión 1ª: Para que pode alguén no seu san xuízo querer dous cans para telos permanentemente atados diante duns bidóns que lles serven de casa?

Reflexión 2ª: Canto tempo van sobrevivir nas condicións en que viven?

Hai uns días vin un documental na televisión no que dicían que algunha vez a raíña de Inglaterra chegou a facerse acompañar de dez cadelos nunha viaxe de estado. Viaxaron con ela e co seu séquito nun avión especial de British Airways ao que se lle retiraran algúns asentos para a maior comodidade das mascotas.

Reflexión 3ª: E terán bidóns de gasolina para todos eles nas leiras do palacio de Buckingham?
Comentarios (2) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 20-09-2009 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
A cidade de Essaouira (Marrocos)

Falei nun comentario ao post anterior da cidade de Essaouira na costa de marrocos, a 170 km. da cidade de Marrakech, onde pasei a derradeira semana das miñas vacacións de verán.

Essaouira é un dos portos pesqueiros máis importantes do sul de Marrocos.

Foi colonia portuguesa e hai algo nas súas rúas brancas de xanelas e portas azuis, nas murallas que a rodean, nos edificios de pedra que serven de entrada ao porto que fai lembrar a POrtugal (lixeiramente) e non me preguntedes o que é porque non o sei.

Os portugueses déronlle o nome de Mogador e os habitantes actuais aínda utilizan a palabra para pórenlle nome a algún establecemento.

É terra de peixe Essaouira, e como tal é o lñugar perfecto para deixar gozar o padal cun "tajin" de mariscos, especialidade local. O "tajin" é un xeito marroquino de cociñar dentro dunha ola de barro con tapa do mesmo materuial en forma de cheminea cónica. Todas as casas cociñan no "tajin", que lle dá á comida un sabor moi especial.

Essaouira ten un aquel de cidade perdida no tempo e é tan fermosa que Orson Welles a escolleu como decorado para rodar o seu Otelo. As súas murallas medran a pé do mar, encol das rochas mesmas da costa en fronte dunhas illas chamadas Purpurairas que son reserva protexida de falcóns que aniñan entre os penedos.

É moi recomendábel asistir á descarga e á subasta do peixe no porto porque ten unha cor local inesquecíbel.

Fóra xa da costa, no interior dos valados a vida enche cada recuncho da vila con artomas de mentas e e especias, cos ires e vires da xente nos zocos.

Pero volvamos á costa para darmos un paseo pola praia, que é tan grande que a vista se perde no horizonte.

Essaouria é terra de mar, de vento e de ondas!

Comentarios (2) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 19-09-2009 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal