Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Bali 10: O Monkey Forest
A cidade de Ubud está nun dos lugares máis húmidos da illa de Bali, polos catro cantos rodeada de arrozais e dunha vexetación mesta que deixa voar aimaxinación, porque á mínima que te internes no mato de arredor dun templo sentes que estás nunha xungla de libro de Kipling.

Pois nunha destas masas vexetais tan mestas hai un lugar sagrado que se chama Mandala Wisata Wenara Wana, aínda que extraoficialmente se coñece como Monkey Forest, pois a característica principal do lugar é que está habitado por centos de monos a correr por todas partes, a colgar das pólas da árbores e a roubar comida alá onde poidan atopala.

É o paraíso dos macacos!

O Monkey Forest, como lugar sagrado que é, acolle tres templos.

O máis fermoso deles ten no seu interior un manancial sagrado ao que se chega a través dunhas escaleiras de pedra cheas de musgos que se fan interminábeis e baixo dunhas árbores cheas de lianas (de novo pensemos en Kipling, ou en Tarzán se así se prefire). A vexetación é tan densa que case impide o paso da luz, o que dá a o lugar unha s características case místicas.

Por certo, que os vixiantes dos tres templos están armados con tiracroios para veren de manter os macacos a raia. (É veren aparecer un vixiante e escapan coma levados polo demo)

Un lugar fascinante, o Monkey Forest.
Comentarios (5) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 27-08-2010 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 9: O wayang kulit

O wayang kulit é a arte ancestral do teatro de monicreques con sombras e a cidade de Ubud, berce de artistas, é un lugar especial para asistir a unha representacióin das moitas que se relaizan ao longo da semana.


Os monicreques do wayang kulit, feitos con pel moi policromada, conservan a mesma forma dende os antigos reinados indoxavaneses.


Os argumentos tómanse do Mahabharata ou do Ramaiana da India ou de antigas lendas balinesas.


O wayang kulit na actualidade, e dada a presión turística que atura a illa de bali, ofrécese en ilglés e en balinés, á escolla do espectador, que pode decidir entre unha representación ou outra.


Déixovos na compaña de Bima, o guerreiro feroz, de Bangda, dono da maxia branca, de Wibisana, o defensor da xustiza... e de todos os grandes personaxes que poboan esta arte tan anterga e ao tempo tan actual.

Comentarios (4) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 26-08-2010 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 8: De cremacións
Para os balineses a alma non morre, vai pasando de corpo en corpo até que chega un intre en que se evapora logo de moitas reencarnacións.

Pero para iso ten que pasar moito tempo.

Cando unha persoa morre hai que queimar o seu corpo, a envoltura da alma, para liberala por completo.

Por iso unha cremación, lonxe do que acontece en occidente, é unha gran festa comunitaria, a cerimonia máis grande e a que máis xente convoca.

Explícovos como funciona.

Cando un morre convértese nunha especie de criado dos deuses e ten que traballar para eles sen descanso.

Pero isto só acontece mentres o corpo non se queima como é debido.

Se a familia do morto ten cartos (unha cremación é carísima porque supón unha festa coma unha voda para nós) o cadáver do finado quéimase un día ou dous logo do pasamento.

Pero se a familia non ten cartos cómpre enterralo nun lugar sagrado (non pensedes nun camposanto coma os nosos) coma pode ser a entrada dun templo a Shivá, o deus destrutor.

Entón haberá que agardar para aforrar o diñeiro que sufrague a gran festa ou participar nunha cremación comunitaria, que son as máis habituais e se celebrará o día que un sacerdote decida segundo o calendario balinés, as fases da lúa, e iso.

Eu tiven a gran sorte de estar na illa o día vinte e tres de xullo e puiden ser testemuña de dúas ou tres cremacións colectivas (coma a do video que vos achego) e asegúrovos que son como mínimo impactantes. Un día mesmo chegamos a estar parados ao longo de dúas horas nunha estrada por mor do atasco provocado por unha destas cremacións colectivas.

Varis días antes da cremación a familia vai ao cemiterio para desenterrar o cadáver do seu parente.

(Todo acontece segundo conto no meu relato Lily, incluído n'As humanas proporcións)

Lévano a casa familiar e entre todos vano limpando pouco a pouco até que non queda nada de carne pegada aos ósos. Deseguido envólvenos nunha tea branca inmaculada e xa está todo preparado para a gran festa.

O desfile da cremación ten varias partes importantes: a torre funeraria, que leva os cadáveres que van ser queimados, o cortexo de mulleres con ofrendas na cabeza, a orquestra de gamelán (a percusión balinesa) e a gran torre que porta o sarcófago que vai ser incinerado e ten forma de touro ou león aladode grandes dimensións e por iso todo é tan caro.

Escenifícase entón un ritual sobre a maldade, a bondade, a purificación e a liberación e procédese a prender o lume en medio da alegría colectiva.

Ninguén chora, xa volo dixen.

É un momento de felicidade total.

A alma, por fin, vai ser liberada do traballo para os deuses.

Xa pode voar na procura doutro corpo.

A cerimonia péchase cun gran banquete en comunidade, xeralmente a base de porco asado.

Entendedes por que son tan caras?

Canta máis xente haxa mellor.

Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 24-08-2010 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 7: De deuses, templos e cerimonias
Xa vos falei da importancia da relixión para os balineses (3 millóns de hinduistas nun país, Indonesia, de 300 millóns de musulmáns).

A relixión ocupa todos os tempos e todos os espazos, condiciona todas as celebracións e todas festividades e inspira a arte toda: pintura, teatro, danza... e como non arquitectura.

Cada vila ten como mínimo tres templos:
un á entrada para o deus creador (Brahmá),
un no centro para o deus protector (Vishnú) e
un preto do cemiterio para o deus destrutor (Shivá)
estes trs deuses forman o trimurti, unha "trindade".

A estes tres deuses correspóndenlles tres cores para vestir árbores e estatuas: o de Vishnú é o amarelo, o de Brahmá é o vermello e o de Shivá é o branco.

Ademais desta tríada hai divindades variadas por todas partes: para a protección dos arrozais, para a protección contra as divindades malignas agachadas no mar (sempre fonte de perigos o mar),
para a purificación do corpo ou das cousas materiais...

Cada casa ten ademais un templo no seu interior (canto maís rica a familia mellor é o templo, claro)

E sempre é bo momento para facer unha ofrenda.

Os deuses, as divindades todas, necesitan comer do mesmo xeito que o necesitamos todos, polo que hai que telos contentos.

Unha ofrenda no chan, á porta dun comercio, por exemplo, protexe contra a maldade, porque a maldade ás veces repta (pode ser unha serpe) ou camiña agachada na escuridade. O mal sempre vén de abaixo.

Unha ofrenda nun alto, ben protexida pola sombra duns parasois, deixada aos pés dunha estatua, ou na póla dunha árbore, ou nun andel da parede da casa, por exemplo, ofrece (valga a redundancia) cousas boas ás divindades boas para telas contrentas e ben alimentadas.

Normalmente as ofrendas todas son cestiños con cousas doces, lambetadas, froitas e incienso, pero eu mesmo cheguei a ver un billete de de 50000 rupias (uns corenta céntimos de euro).

Non imaxinades o atafego que levan os balineses (sobre todo as mulleres) con estas ofrendas. Nin tampouco imaxinades o fermosos que poden chegar a ser estes cestos con todas as cousas dentro.

Pero o melloor momento para facer boas ofrendas é cando a comunidade se reúne para celebrar unha cerimonia.

Hainas tamén para todos os gustos, nacementos, casamentos... aínda que as máis multitudinarias son as cremacións.

Falaremos delas.


Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 24-08-2010 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 6: Os arrozais
No interior de bali xorde unha das paisaxes máis fermosas que nunca vira.

É a paisaxe do traballo de moitas xeracións que foron sachando na terra día tras día sen parar nun dos labores agrícolas máis escravos que poidan existir.

É o traballo do arrozal.

O traballo do corpo a sufrir as humidades da auga canalizada de socalco en socalco.

O traballo do corpo forzado en posturas difíciles de aturar.

Tres colleitas anuais de arroz para dar de comer a unha illa enteira.

O arroz.

O arroz que nunca falla, o acompañamento de todo canto se come.

Se un deixa que a mente esqueza a dureza do traballo pode chegar a imaxinar que estes arrozais de Wan Aya, os da foto que vos achego, son un xardín deseñado para que a imaxinación voe sen parar.

Que teñan os labregos unha boa colleita!

É o mellor que se pode desexar.
Comentarios (5) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 23-08-2010 21:43
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 5: A reencarnación da nai de Wayan Ariana
En varias das nosas viaxes dentro da illa de Bali acompañounos/levounos un condutor que se chamaba Wayan Ariana.

A nai de Wayan Ariana morreu hai apenas catro meses.

Isto foi o que nos contou Wayan Ariana acerca da morte de súa nai:

Un día estaba na casa e púxose moi maliña. Levárona a un hospital e ás poucas horas morreu sen que ninguén lles dese ningunha explicación a Wayan Ariana nin aos seus irmáns. (Debeu de ser un infarto ou algo semellante). Entón aos poucos días decidiron ir á casa dunha adiviña (hai moitas en Bali e a xente acude a elas para pedir consellos e explicacións de todo canto non entende).

A adiviña explicoulles a través da voz de súa nai (Wayan Ariana asegurounos que realmente era a voz de súa nai) que qué maís daban os motivos que a levaran a morrer. O importante era que morrera rapidamente para non facer sufrir aos fillos.

Wayan Ariana explicounos que súa nai era tan boa que morreu axiña sen molestar a ninguén.

A adiviña explicoulles tamén que a alma da nai de Wayan Ariana estaba agora dentro do corpo da filliña deste, que ten catorce meses. O que tiña que facer entón Wayan Ariana era ir ás carreiras para a súa casa para meter á meniña dentro dunha cesta das que se usan para gardar os galos de pelexa poruqe deste xeito impediría que as envexas e outras maldades que puidesen axexar á súa nai non puidesen facer dano á súa filla.

E así fixo Wayan Ariana.

A meniña, díxonos, é a nena máis feliz do mundo e o vivo retrato de súa nai.

E isto contóunolo mentres conducía en medio do enxame de motos e o denso tráfico da cidade de Dempasar.

Coma se fose o máis normal do mundo!

(A foto que vos achego fixena na vila de Amed, no nordeste de Bali. É un grupo de cestas con galos de pelexa)
Comentarios (10) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 18-08-2010 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 4: A danza kecak
Achégovos un video gravado (non por min) no templo de Uluwatu, onde cad día á hora do solpor interprétase a danza ritual de kecak, que narra a historia de dúas virxes raptadas polo rei dos monos e asúa posterior liberación por parte dun heroe que camiña por riba do lume.

Non hai máis música cá interpretada por ese grupo de homes que cantan.

Esas manchiñas brancas que levan na cara son grans de arroz pegados a xeito de ofrenda aos deuses.

Non son actores profesionais. E iso é o mellor. Trátase de xente das vilas de arredor de Uluwatu que se xuntan cada día para cantar.

Unha fermosura.

Comentarios (4) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 17-08-2010 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 3: Pura Luhur Uluwatu
A terra sempre remata e dá lugar ao mar. Sempre. E adoita de xeito abrupto.

Por iso en cada lugar a onde se viaxe hai un punto en que a inmensidade dos océanos impón a súa bravura contra as rochas da costa. Por iso hai unha Fisterra e tamén un Land's End, e quen sabe cantos lugares máis con nomes semellantes.

En Bali ese lugar está na península de Bukit Badung, no extremo sul da illa, onde o sacerdote xavanés Danghyang Nirartha, o renovador do hinduismo balinés, mandou renovar un templo construido no século XI, que é un dos maís abraiantes de cantos se construiron na illa, precisamente polo lugar onde se atopa, á beira mesma dos acantilados onde para os balineses a terra remata (a súa Fisterra).

Cando alguén morre, di o hiduismo, a súa alma vai atopando diversas reencarnacións até que hai un momento en que se evapora, e ese momento chámase moksa.

Pois ben, a alma de Danghyang Nirartha evaporouse precisamente en Uluwatu. Sóuboo por unha revelación dos deuses: "Obterás a túa liberación en Uluwatu".

No templo de Uluwatu e nos seus inmensos xardíns (un anaco de monte moi fermoso á beira dun altísimo acantilado calcáreo contra o que bate o mar cunha forza desmesurada) os monos corren, saltan, xogan e acicálanse ao seu antollo sen que ninguén ouse molestalos e cómpre andar con nmoito coidado de que non che rouben algo que poidas levar na cabeza ou nos petos, ou mesmo unha cámara de fotos ou un bolso. Todo ten o seu atractivo, non?

Poderei dar creto ou non á historia de Danghyang Nirartha.

Pero nunca esquecerei as cores do solpor en Uluwatu.

Nunca.
Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 17-08-2010 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 2: A danza legong
Só para que entredes en situación un pouco de danza legong, que con música dunha orquestra gamelán (básicamente percusión) narra historias extraídas do libro de Ramajana que falan de criaturas bondadosas raptadas por monstros para despois seren liberadas por deuses e heroes)

Principalmente na cidade de Ubud, no interior, pódense presenciar magníficas representacións desta mestura de danza e teatro.

Descoñezo onde remata a arte da danza e comeza a relixión (ou vice versa). Todo o corpo baila, dedos das mans e dos pés e ollos incluidos. Hai milleiros de rapazas que soñan con chegaren a ser balilarinas de legong, unha arte case ximnástica que require longas horas de duro adestramento.

Nós, os occidentais, só podemos deixarnos levar pola música e a estudada estética do baile.

Comentarios (6) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 16-08-2010 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 1: A illa
Bali é unha illa pequeniña que navega orgullosa de si mesma e sen ningunha caste de complexos en medio de illas xigantes e fachendosas da súa enormidade no arquipélago que constitúe a Indonesia, un estado aínda moi novo logo da independencia de Holanda hai nada: no ano 1949.

Bali é unha illa de maioría hinduísta (única na Indonesia) en medio do maior estado musulmán do planeta. Custa traballo concibir como pode ser que os trescentos millóns de musulmáns que poboan Indonesia non engoliron o hinduismo de bali dunha soa atacada. (Os balineses son apenas unha minoría de tres millóns de persoas nun país de trescentos!)

Precisamente neste hinduismo, nesta relixión que dun xeito bastante primitivo (non se cuestiona nada nunca) invade todos os minutos e todos os segundos da vida dos balineses reside o seu principal sinal de identidade e o da súa terra, nunha relixión animista que permite que a illa estea chea de divindades por todsa parte, porque todo é merecedor dunha ofrenda a calquera momento do día: o mar, as árbores centenarias, o ceo, os inmensos arrozais, as almas dos mortos que agardan para ser liberadas, as pedras, os morcegos, as serpes... Os deuses están por todas partes e a súa presenza non escapa nunca da mente dos visitantes, porque todo fai lembrar que están aí: os templos, as árbores vestidas, os altares en medio dos campos de arroz, os cestiños con ofrendas mesmo nas oficinas do aeroporto de Dempasar, as variñas de incienso a arder non lugares máis inesperados (no interior dun taxi, por exemplo), nas fervenzas de auga que se fan omnipresentes nas paisaxes húmidas da illa, nos monos que campan a libre albredrío polos montes e polos templos...

Os balineses viven felices (quizais "dopados" por ese fenómeno relixioso) neste paraíso que nunca perderon (só coa presenza dos holandeses), nesta terra fértil coma ningunha outra, onde a vexetación viste as tonalidades todas da cor verde: coqueiros, plataneiras, cafetais, arrozais, as especias todas... A imaxinación nunca concibira tal espectro de tons.

Bali é terra de ulidos e de sabores, de comidas exquisitas e de mar. Mar por todas partes (non podía ser doutro xeito nunha illa, claro). Ao sul o Océano Índico, poderoso e cunha ondas espectaculares. Ao norte o Mar de Bali, calmo e cheo de corais, un verdadeiro acuario cheo das máis pintortescas criaturas, especialmente peixes de cores rechamantes.

Isto é a illa de Bali.

E "isto" é moito.

Benvidos sexades.
Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 16-08-2010 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal