Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Pechado por viaxe
O Tiñádelo que ver estará pechado por viaxe até o vindeiro 10 de agosto.

Até a volta!
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2011 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
Amy Winehouse: You Know I'm No Good
De Amy Winehouse, You Know I'm No Good.

I cheated myself
Like I knew I would
I told ya, I was troubled
You know that I'm no good


Vaia un grolo por ela!

Comentarios (2) - Categoría: Sala de música - Publicado o 26-07-2011 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
A lúa segundo Haruki Murakami
Velaí van unhas liñas da fantástica novela 1Q84 de Haruki Murakami:

A lúa levaba alí, observando para a Terra, máis tempo ca ninguén. De seguro que presenciara todos os fenómenos e actos habidos e por haber na terra. Mais a lúa gardaba un absoluto silencio. Limitábase a estar alí friamente, levando a súa pesada carga de pasado. Nela non había nin vento nin aire. O baleiro era idóneo para conserva intacta da memoria. Ninguén podía desentumecer o corazón da lúa. Aomame alzou a copa dirixíndose á lúa.
-Deitácheste ultimamente nos brazos de alguén?- preguntoulle Aomame á lúa.
A lúa non lle respondeu.
-Tes amigos?- preguntou Aomame.
A lúa non lle respondeu.
-Non che cansa, ás veces, seguires a vivir así de serena, co sangue tan frío?
A lúa non lle respondeu.


Veña un grolo, entón, pola lúa...

Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-07-2011 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Erguerémo-la espranza!

Un vintecinco de xullo máis quixera compartir con todo o mundo os versos de Celso Emilio:

Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.
[...]
Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!


Pois iso:
SAÚDE A TODOS, COMPAÑEIROS!
Comentarios (0) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 25-07-2011 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
Benigno Moure: o crego estafador
Hai tres anos Benigno Moure, crego e presidente da Fundación San Rosendo de Ourense, foi declarado culpábel de apropiarse de 573.673 euros que conformaban o patrimonio de María Vázquez Covela, unha anciá enferma de alzheimer que vivía na residencia xeriátrica "Os Gozos", en Pereiro de Aguiar, xestionada pola súa fundación.

Foi condenado a devolver os cartos á familia da señora e máis a cinco anos de cárcere por apropiación indebida.

Pois ben, para o abaraio da sociedade o tal crego Moure recibiu onte o apoio do Partido Popular de Ourense e a Confederación de Empresarios de Ourense para evitar o seu ingreso na cadea...

... porque o conmsideran un "referente humanitario".

Manda carallo!
Comentarios (5) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 13-07-2011 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
The Red Hot Chili Peppers : Snow (Hey Oh)
Levo varios días a escoitar aos Red Hot Chili Peppers e esta canción, Snow (Hey Oh), nunca me deixa impávido.

HEY OH, LISTEN WHAT I SAY, OH
COME BACK AND HEY OH, LOOK AT WHAT I SAY, OH
THE MORE I SEE, THE LESS I KNOW
THE MORE I LIKE TO LET IT GO
HEY OH, WHOA


Quixera compartila.



Comentarios (1) - Categoría: Sala de música - Publicado o 12-07-2011 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrol, a cidade barco.
Quixera achegarvos o texto que escribín acerca de Ferrol para a exposición Vilagrafías de Anxo Cabada (A foto que acompaña esta entrada non é súa, por certo. Trátase dunha postal)

Se algunha vez, decaídos, damos en pensar que Ferrol non é nada máis ca un vello soño perdido, unha andrómena, unha entelequia, axiña a cidade aparece deitada a carón do mar, espida e enteira, orgullosa de si mesma, tan viva e tan real coma o barco que é, á procura de singraduras imposíbeis, agachados nós nas engrenaxes da súa maquinaria.
Non se deixa almacenar inservíbel, a cidade barco, na maleta do esquecemento.
Non se agacha tampouco no baúl da desidia, nin se abandona no caixón da desesperanza.
Albíscase sempre na lonxanía entre esqueletos de edificios arruinados (Seica non podedes oír os seus laios fosilizados?)
Ai da cidade reconvertida e volta a reconverter, unha vez, e outra, e outra máis, tantas que as veces xa nada parecemos lembrar do seu ilustre pasado de estaleiros grandiosos e de insignes mareantes.
Debaixo das lousas máis antigas, nesas rúas perfectamente paralelas e tantas veces camiñadas, sempre se pode sentir o calado correr do seu sangue. (Porque a cidade está viva, tan viva coma cada un dos homes e as mulleres que abren os ollos pola mañá cediño para asistiren ao traballo, tan viva coma cada neno e cada nena que camiña cara á escola con rapidez no paso, tan viva coma cada persoa que afronta o día sen outra perspectiva que ir facer cola nas oficinas de emprego. Ai da cidade tantas veces reconvertida en almacén de parados!)
E cando a luz do sol esmorece e nas beiras todas da ría comezan a acenderse as casas, a cidade barco transfórmase nunha coreografía de formas cambiantes, as luces todas reflectidas no mar, estiradas sen preguiza na auga coma árbores a apertaren a terra coa forza do seu raizame.
Non.
Non é un soño.
Non é andrómena nin entelequia.
Ferrol é a cidade barco.



Comentarios (4) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 11-07-2011 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Do que nunca contan os libros de historia, por Bertolt Brecht
Despois de ter o gran pracer de asistir onte á magnífica adaptación da Ópera dos tres reás de Bertolt Brecht a cargo de Quico Cadaval para o Centro Dramático Galego, con Luis Tosar (fantástico) no papel protagonista de Mackie o da Faca e un elenco abraiante nos outros papeis (unha gran peza á altura do mellor teatro internacional),

Permitídeme que vos achegue este gran poema de Bertolt Brecht (realmente un dos meus favoritos) que fala daqueles que nunca aparecen nos libros de historia:

Tebas, a das Sete Portas, quen a construíu?
Nos libros figuran os nomes dos reis.
Arrastraron os reis os grandes bloques de pedra?
E Babilonia, destruída tantas veces,
quen a volveu construír outras tantas?
En que casas da dourada Lima vivían os obreiros que a construíron?
Aa noite en que foi rematada a Muralla chinesa,
a onde foron os albaneis?
Roma a Grande está chea de arcos de trunfo.
Quen os ergueu?
Sobre quen trunfaron os Césares?
Bizancio, tan cantada,
tiña só palacios para os seus habitantes?
Mesmo na fabulosa Atlántida,
a noite en que o mar a tragaba,
os habitantes chamaban
para pediren axuda aos seus escravos.
O xove Alexandre conquistou a India.
El só?
César venceu os galos.
Non levaba consigo nin sequiera un cociñeiro?
Filipe II chorou ao se afundir a súa frota.
Non chorou ninguén máis?
Federico II gañou a Guerra dos Sete Anos.
Quen a gañou, ademais?
Unha vitoria en cada páxina.
Quen cociñaba os banquetes da vitoria?
Un gran home cada dez anos.
Quen pagaba os sus gastos?
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-07-2011 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Da exposición Vilagrafías de Anxo Cabada
Tiven onte o inmenso pracer de asistir á inauguración da exposición Vilagrafías do fotógrafo Anxo Cabada no Verbum de Vigo (onde estraá até o 11 de setembro).

En palabras do autor Vilagrafías é "unha recreación poético-fotográfica da xeografía visual e sentimental das vilas e cidades galegas".

As fotografías, de gran calidade todas elas, están acompañadas por textos de moi diversos autores: María Xoxé Queizán, Fran Alonso, Ramón Caride, Eva Veiga, Chus Pato, Marilar Alexandre, Antón Lopo, Anxo Angueira, Carlos Lema...

E tiven a honra de escribir eu o texto que se refire a Ferrol...

E a honra aínda maior de poder lelo onte na presentación.

Xa colaborara con Anxo na súa anterior exposición, Terragrafías, pero aseguro que nesta ocasión superouse a si mesmo.

Moitas grazas, Anxo, por poñeres (tan boa) imaxe ás miñas palabras!
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2011 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
O sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz
Os libros poden chegar a unha biblioteca polos máis diversos camiños.

O Nuevo sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz chegou ás miñas mans por herdanza familiar.

De feito non sei nin sequera cantos anos ten porque non consta en ningures a data de edición nin, por suposto, o momento en que algún devanceiro meu (quen sabe quen?) puido telo adquirido.

Só sei que alguén o mercou na "Librería Académica" do Paseo do Prado, 11, en Madrid.

O Nuevo sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz consta de sous tomos ben grosos de arredor de oitocentas páxinas cada un e contén unha boa morea de ilustracións.

E quen era o tal Doutor F. E. Bilz?

Pois era, segundo di o libro, o director (propietario quizais?) do "Establecemento terápico-naturalista de Dresde-Radebeul, en Alemaña, anunciado como "Sanatorio de primeiro rango", que nas súas instalacións tiña un comedor ao luxoso estilo dos vellos balnearios, un baño de señoras, unha sala de envoltura e masaxe para señores, unha sala de ximnasia e un estanque de natación e recreo (todos eles ilustrados no libro con todo luxo de detalles).

A obra contén 18 láminas (16 delas "alumeadas", supoño que quere dicir que son a cor), preto de 600 figuras intercaladas no texto (refírese a debuxos en branco e negro) e Modelos "alumeados" e desmontábeis. Estes modelos veñen nun sobre que por fóra di que non se debe deixar ao alacnce dos menores porque descreben con debuxos os "aparellos xénito-urinarios masculino e feminino" e mesmo a estrutura interna dunha teta!)

A obra contén, por orde alfabética, os sistemas de curación dunha boa morea de doenzas, dende as máis leves, coma o coidado da dentadura até algunhas máis graves, coma a "morte", pasando por algunhas tan curiosas coma a "masturbación", enfermidade da que o Doutor F. E. Bilz di que "é máis propia do médico de alamas ca do de corpos" (a descrición desta doenza e a súa curación non ten desperdicio).

O tal Doutor F. E. Bilz debía de ser un tipo bastante singular, pois durmía xunto coa súa dona e os seus fillos nun balcón da súa clínica de Dresde tanto no inverno coma no verán.

Dicía que o facía para sempre respiraren aire fresco das montañas!

Fose coma fose nin imaxinades a de bos momentos que teño pasado a ler e a ollar as ilustracións neste libro tan singular.

Unha anécdota: o libro é tan vello que despide un ulido moi característico, polo que hai moitos anos, cando viviamos en Barcelona, un can que tiñamos, chamado Louro, quixo destrozalo a trabadas.

Menos mal que conseguín rescatalo!



Comentarios (3) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 06-07-2011 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal