Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Pechado por vacacións
Unhas palabras só para comunicar ás miñas visitas que o Tiñádelo que ver vai estar pechado por vacacións até o vindeiro día catro de agosto, día en que volveremos vernos de novo.

Quixera dar as grazas de todo corazón a todos cantos tivestes a amabilidade de facer unha visita a este punto de encontro virtual ao longo de todo este ano.

Vémonos (e falámonos) á volta.

Feliz lecer!
Comentarios (12) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 16-07-2010 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Rude rich and the Highnotes: Hey senorita
Unha xoia do reggae, Rude rich and the Highnotes, a banda holandesa de defensores, coma anuncian na súa web, da auténtica e orixinal música xamaicana.

Gozade destes ritmos tan refrescantes.

(E por certo, que isto nada ten que ver coa derrota de Holanda pola selección española de fútbol)



Comentarios (3) - Categoría: Sala de música - Publicado o 13-07-2010 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Tom Jobim: Garota de Ipanema (com Vinicius de Moraes)
Hai exactamente trinta anos que morreu o gran Vinícius de Moraes, que tantos momentos de pracer musical me proporcionou, que tantas veces puxo banda sonora aos meus días.

Segundo conta a prensa brasileira os seus herdeiros veñen de atopar un poema inédito que xa está a ser musicado por Edu Lobo.

Titúlase Silêncio e di:

É o amor que te fala
É o amor que se cala
E que despetala
A flor do silêncio


Achégovos agora un clásico: A garota de Ipanema, Vinícius a dúo con Tom Jobim, unha composición de luxo para estes días de verán.

Grazas, Vinícius. por ensinarnos a despetalar a flor do silencio!

Veña un grolo por ti!

Comentarios (5) - Categoría: Sala de música - Publicado o 10-07-2010 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Condenada a morte no Irán
Chámase Sakineh Mohammadi Ashtiani.

Ten 43 anos.

É iraní.

Ten dous fillos.

Está condenada a morrer lapidada logo de ser enterrada até o peito.

Sakineh confesou o seu delito de adulterio logo de recibir 99 lategazos!

Segundo Amnistía Internacional e a Campaña Internacional polos DEreitos Humanos en Irán o que acontece con Sakineh é a regra no país.
Comentarios (5) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 09-07-2010 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
192.000 libros que non valen
A Xunta de Galicia coa aplicación desta maldita lei de plurilingüismo (vaia un eufemismo para destruír a lingua de nós) que vai entrar en vigor para o vindeiro curso escolar, vai destruir 192.000 libros de texto (Si. Lestes ben: 192.000) polo mero feito de ESTAREN EN GALEGO, lingua prohibida (Si. Volvestes ler ben: prohibida) para o ensino das asignaturas de matemáticas, física e química e tecnoloxías.

Que vai facer a Xunta de Galicia con todos estes libros?

Por que non os queima na Praza do Obradoiro para que a noticia apareza en todos os medios de comunicación do mundo (de seguro aparecería) e así xa de paso lles caia aos conselleiriños todos a carauta de demócratas "de toda la vida"?

Podería aproveitar o "trepa" de Núñez Feijóo para facer durante a queima un discurso en plan Goebbels que fose do agrado dos xornais madrileños de dereitas, que seguro que avanzaba un bo chanzo no seu camiño político.

Xa o imaxino: "Destas lapas nacerá un novo espírito (Iso dixo Goebbels diante dos libros a arder na noite aquela da queima de Berlín) Botade libros ao lume e acabemos dunha vez con esa lingua maldita que fai dano nos ouvidos!"

Unha catarse españolista!

Quen prendería o lume da gran fogueira?

Admítense apostas.

Por certo, apàreceu no xornal El País un artigo moi bo de Manuel Rivas sobre o tema.
Comentarios (5) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 07-07-2010 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
Desta chuvia que caeu
Desta chuvia que caeu onte coma unha paréntese na calor quería falar.

Desta chuvia que espertou a herba aletargada e sedenta.

Desta chuvia esvaradía e fugaz.

Desta chuvia que regou os corpos e quizais tamén, como non, os pensamentos.

(Non podía ser doutro xeito)

Poucas veces acontece nestes lares nosos, onde os temporais adoitan golpearnos con fereza, que a chuvia sexa só un recordatorio de que a humidade existe, de que no fondo nós mesmos somos humidade, humidade a nos mesturar coa auga do mar cheos os ósos, os músculos, o sangue, do sabor das algas e dos arevesados e labirínticos significados das escumas (cal será asúa mensaxe oculta?).

Humidades somos a nos desprazar pola vida, humidades errantes que apenas deixamos un ronsel de diminutas pegadas efémeras nas areas da praia.

Benvida foi esta chuvia.

E boa é tamén a súa despedida.

Até logo, entón, chuvia!

Até logo!
Comentarios (6) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 03-07-2010 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
De Milena Agus: A imperfección do amor
Veño de descubrir unha escritora italiana magnífica, cunha narrativa desas que engaiola dende as primeiras liñas do libro e é capaz de facer que o lector se vexa inmerso nuns escenarios descritos con verdadeira mestría.

Falo de Milena Agus, xenovesa que vive en Cagliari, a capital de Cerdeña, e da súa novela A imperfección do amor, onde asistimos á vida cotiá de tres irmás que habitan unha parte do que foi un palacio aristocrático que lles pertence por herdanza familiar pero non poden manter por falla de cartos.

Noemi, a maior, soña co esplendor familiar xa desaparecido.

Maddalena, a segunda, soña con ter un fillo co seu home Salvatore (as relacións sexuais entre os dous están descritas pola autora dun xeito sublime)

A condesa de manteiga (a máis pequena, que dá título ao libro na versión orixinal en italiano: La contessa di ricotta) soña co amor.

A lectura desta noveliña levoume a comezar a do grande éxito da súa autora: Mal de pedras.

Dende logo moi recomendábeis calquera delas se queredes viaxar a Cerdeña dende as vosas casas.

Boa viaxe!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 02-07-2010 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal