Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Escapada ao sol
Xa estou farto deste verán chuviñento, grisallo e tristeiro.

Escapo ao sol.

Mañá marcho á República Dominicana.

Intentarei continuar achegando cousas ao blog dende aquelas terras onde por fin vou poder gozar da calor que este verán está a negarnos.

Vémonos logo, se podemos, debaixo dunha palmeira cun zume de froitas na man.

Veña un grolo polo Caribe!


Comentarios (6) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 29-07-2009 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Louis Armstrong: What a Wonderful World.
Nada mellor para rematar un marabilloso día de verán cheo de sol e de lecer.

What a Wonderful World!

En vivo!

Veña un grolo pola maxia de Louis Armstrong!

Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 28-07-2009 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Unha boa iniciativa de Kalandraka
Benvida sexa a web palabras no ar da Editorial kalandraka para a promoción da lectura e a lingua.

Veña un grolo por eles!
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 28-07-2009 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Das cousas que sei de Suecia
Falababa na achega anterior de Suecia.

Déixovos un obxecto para o recordo:

Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2009 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
De Stieg Larsson
Non puiden evitalo e tamén sucumbín eu.

Empecei aler iso que parece que todo o mundo enteiro está a ler: O primeiro libro da triloxía Millenium de Stieg Larsson (e iso que vin a película).

Estouno a ler na versión inglesa, 3'00 libras nunha libraría de Londres, 4'00€, fronte aos vinte e pico que costa a versión en castelán. POlo visto en sueco titúlase Os homes que odiaban as mulleres, mentres que en inglés o título é The Girl with the Red Tattoo(?). Por que lle cambiarían o nome? En español é Los hombres que no amaban a las mujeres. (Quen dá máis?)

Home, hei recoñecer que engancha (coma os best sellrs todos) e a historia polo de agora é ben curiosa.

As descricións que fai dos dous personaxes principais, o xornalista Blomkvist e a investigadora Lisbeth Salander son grandiosas. A novela consegue tamén transportar ao lector perfectamente a esa Suecia descoñecida onde a trama se desenvolve.

A industria literaria sueca será algo sobre o que investigarei. Foron moitos os escrtores que viñeron de alá, dende aquela Astrid Lindgren, a creadora da inesquecíbel Pippi Langstrumpf até Jostein Gaarder, d'O mundo de Sofía.

Volveremos falar de Suecia.

Agora quedo coa novela de larsson.

Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-07-2009 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
Un anuncio de seguridade vial
Achégovos este magnífico anuncio a prol da seguridade vial galardoado con varios premios no ano 2004.

O eslogan final di:

O ceo pode agardar
Pon o cinto


Comentarios (2) - Categoría: Querida publicidade - Publicado o 25-07-2009 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
Soños afundidos
Trátase dunha iniciativa da Sociedade Cultural Columba con imaxes do fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón.

O obxectivo é sensibilizar a xente sobre o drama da inmigración clandestina e os milleiros de persoas que morren cada ano no mar nun intento de chegar a Europa co soño dunha vida mellor.

A exposición "Soños afundidos" está somerxida a tres metros de produndidade no océano Atlántico na parroquia de Covas, no Concello de Ferrol, nas mesmas augas nas que morreron tantos pescadores nosos.

Vese simplemente cunhas gafas de buceo.

Moitos pescadores de Cobas "visitaron" a exposición a bordo das súas chalanas aarmados con caldeiros co fondo de cristal.

Tamén se sumaron ao proxecto varias asociacións de submarinistas.

A exposición pódese ver até o vindeiro un de agosto.

Veña un grolo pola iniciativa.

Comentarios (4) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 25-07-2009 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto da AELG para o 24 de xullo
Mañá, 24 de xullo, perante a estatua de Rosalía de Castro na Alameda de Santiago farase a lectura pública dun manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega para denunciar os pasos arás que se están a dar na protección da materia prima da nosa literatura.

O manifesto contén as seguintes palabras:

"Vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar. Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os sécalos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.
Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa."
Comentarios (2) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 23-07-2009 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
Da última novela de Xurxo Borrazás.
"Toda ficción é cuestionamento da realidade. Nese sentido, toda ficción é fantasía e falar de literatura fantástica é unha redundancia..."

Así comeza a "Nota de autor" coa que remata a última novela do amigo Xurxo Borrazás.

Titúlase Costa Norte/ZFK.

Veño de rematala agora mesmo e hei recoñecer que me cativou dende as primeiras páxinas. De feito non puiden deixala a pesares de ter moitas outras ocupacións. E iso é o mellor que pode acontecer cunha novela.

Sempre admirei a literatura de Borrazás. Trátase dun escritor intelixente, innovador e experimentador. Pero con esta novela de verdade que me deixou abraiado.

Nalgún lugar lin que describían a trama como "pesadelo industrial". É verdade!

O escenario é un Carballo sepultado debaixo dunha xigantesca cúpula de cristal logo dun estraño accidente que lembra moito a Chernóbil.

O mundo está cambiado. O que existe e coñecemos neste dous mil nove que habitamos xa non vale de nada na época en que a trama de desenvolve. O día non se diferencia da noite. Hai día e noite?

Convídovos a ler esta novela porque de seguro que vos ha agradar tanto como a min. Mesmo sentín un pouco de mágoa de que rematase. Vivín con Rosa, a protagonista, ao longo dos tres últimos días e case que a sinto aquí á miña beira, tal é a forza descritiva de Xurxo.

Todo colle na trama: ciencia ficción, ecoloxía/ecoloxismo, sexo (moito e moi ben descrito), amizade, análise da realidade...

Como sería o mundo noso, este que coñecemos, se acontecese o que conta a novela?

Veña un grolo polo Borrazás!
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 22-07-2009 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chove a mares

É un verán moi estraño este que estamos a vivir.
Xa non pode chover máis.

É unha tristura a chuvia no verán.

A chuvia do verán pon a xente de mal humor.

A chuvia do verán baleira as praias, e as terrazas, e as rúas.

A chuvia do verán fainos ficar na casa a facer actividades de inverno.

Pero ten un arrecendo realmente agradábel, a chuvia do verán.

Aínda así non me gusta.

Veña un grolo polo sol!
Comentarios (5) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 22-07-2009 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal