Por fin teño tempo de me poñer a escribir outra vez!
Por fin podo de novo verter a miña creatividade nas teclas do ordenador!
Desta vez escollín como fondo musical La Traviata de Verdi.
Atopei na rede este vídeo que vos achego. A soprano Anna Netrebko interpreta a aria Sempre libera nunha produción do festival de Salzburgo do ano 2.005.
Ten unha escenografía realmente abraiante.
A rosa está espida porque non quere nin quixo saber nunca de roupas, que ama a frescura da xeada a lle acariñar a pel.
A rosa está espida para que a poidan bicar ben as abellas e para deixar que lle rouben a virxindade sen ningunha caste de vergoña nin rubor.
A rosa estará sempre espida porque así se sentirá feliz, moi feliz.
Pero chegará nalgún momento a vellez e a rosa vestirase de óxidos porque sentirá a friaxe da noite e anhelará que chegue axiña a mañá para deixarse quentar por unhas raiolas de sol que pasarán pola súa beira, altivas, case sen reparar nela.
Xa non será, entón, fermosa...
E xa non quererá estar espida...
Vestirá unhas roupaxes tan pesadas que caerá da roseira, miña pobre, completamente murcha...
Hoxe pola tarde vou gravar o vídeo para a páxina web da AELG. Teño que explicar por que escribo e logo ler dous textos, un meu e outro doutro autor.
Como texto alleo escollín un de Cousas, de Castelao. É o primeiro libro que lin en galego e deixoume unha pegada ben fonda! Vou ler o texto derradeiro, Vou contarvos un conto triste, ese que fala de Doña Micaela, que garda en tarriños de cristal "o froito merado dos seus amores"... Non sei moi ben por que pero identifico moito co ese conto algunha faceta da miña propia literatura. En fin, sería algo para discutir.
E para explicar por que escribo vou ler este texto que vos achego:
Escribo dende que teño uso de razón.
E sempre o fixen en galego. Por que había de facelo noutra lingua?
Cando un é moi amigo da lectura, como é o meu caso, non é difícil que acabe intentando emular os que escribiron as cousas que le.
Co paso do tempo cheguei a crer que me nacera un manancial no interior e que tiña que abrir unha billa para deixar que a auga puidese alcanzar o exterior. Así foi como descubrín a vocación de escribir. Así mesmo, e non doutro xeito. E non sei que podería acontecer dentro de min se non abrise de vez en cando a billa para deixala manar o que ás veces son verdadeiras enxurradas de ideas. Quizais acabaría tolo. E, a dicir verdade, non me gusta moito a idea.
Non sabería dicir con moita exactitude cando escribín algo consciente de que podía ser lido por outras persoas. Quizais fose con “Tiñádelo que ver”, un relato incluído n’As humanas proporcións. Podería dicir que logo de escribilo tiven a sensación de que ía botar unha mensaxe pola fiestra da miña casa e a saber quen podería recollela cando chegase abaixo, caso de que alguén a recollese.
Imaxinei varias opcións:
A primeira era que esa persoa que descubrise a mensaxe correría a botala na primeira papeleira que atopase maldicindo a xente que emporcaba as rúas.
A segunda posibilidade era un neno que paseaba da man de seu pai: Mira, papá, unha mensaxe no chan. Diría o cativo. Pois non a toques que a saber quen a escribiu, non vaias coller unha enfermidade. Contestaríalle o pai.
A terceira consistía nun ser romántico a camiñar entre nubes de algodón. Que beleza! Diría cando vise o meu escrito na beirarrúa, Que romanticismo! Unha mensaxe na rúa nestes tempos condenados que nos tocou vivir!
E a derradeira posibilidade chegaba da man da crítica. Fíxate que ousadía, escribiría alguén nunha crónica, escribir unha mensaxe con faltas de ortografía! Isto non vai a ningún lado!
E entón pasou algo de tempo.
Até que un día, case como por accidente, descubrín entre as miñas mans un libro escrito por min editado coma todos aqueles que adoitaba ler.
Foi un dos mellores momentos da miña vida. Dígovolo en serio.
Fíxenme unha foto e todo, rodeado dos vinte e cinco libros que me enviou a editorial... Deiteime no chan estirado e púxenos todos por riba de min. Pero logo pensei que parecía unha tumba e levanteime, así que á final fixen a foto coa lingua de fóra por iso do cansazo e cos vinte e cinco libros na man coma se fosen meniños a seren arrolados.
Así foi como empecei a escribir. Así mesmo, e non doutro xeito.
O único que agardo do futuro é que o manancial interior nunca seque e que sempre teña a posibilidade de abrir a billa.
Dixádeme compartir convosco a ledicia de ver como agroman as primeiras uvas que dá unha das miñas viñas, que só contan con tres anos de idade.
Teño o sono de poder algun día chegar a facer algo de viño con elas. Pero polo de agora aínda son uviñas cativiñas e tenras. Fáltalles pasar a nenez e logo a adolescencia.
A natureza nunca vai deixar de me sorprender.
As plantas... esa sorte de literatura que escribe a terra.
Para estrear nova catagoría achégovos un pequeno texto de Xosé Neira Vilas que rescatei da miña biblioteca hoxe que procuraba un texto clásico para ler nun vídeo que vou gravar o vindeiro venres para a páxina web da AELG.
Évos un texto moi acaído para estes tempos tan pouco líricos para o idioma amado de todos nós.
Velaí vai:
"... algunhas cousas cambiaron nos derradeiros oito mil setecentos días. Para ben? Para mal? Analizalo como cómpre non é fariña deste fol. Mais algo podo afirmar: no meu val fálase galego coma daquela; coma no primeiro día desta ringla. Coma nos séculos que seguiron ó erguemento desta vella ponte. Vellos e nenos, mulleres e homes, siguen fideles á lingua dos antergos. Vexo novos rostos, escoito voces novas, todas elas a espresarse na mesma fala. Esta fala que escoitei dende que nacín, e na que me chegaron, a enderezos lonxanos e diversos, centos de cartas do pai e de moitos amigos. A nosa palabra-siño alancando por derriba do ancho mar. Sinto coma se o tempo non tivese rolado e matiño que, a pasares de todas as doenzas, non pode morrer un povo así."
Retomo as súas verbas: NON PODE MORRER UN POVO ASÍ!
Neira Vilas escribiu isto na Habana en agosto do ano 1973.
4º.- O conselleiro de cultura concedeu o pasado domingo unha entrevista á Voz de Galicia que pon os pelos de punta (fala, entre outras cousas, de que en galicia hai máis dunha cultura que apoiar. Que medo!)
Cousas que ando a escoitar acerca da maldita enquisa, para que vexades a fiabilidade dos resultados:
- Hai moitos directores e claustros que se negaron a repartir a enquisa entre o seu alumnado. (Veña un grolo por eles)
- Unha nai dunha compañeira da miña filla utilizouna para recoller os excrementos do seu can.
- Moitos pais do meu instituto negáronse en redondo a cumplimentala.
- Sei dun instituto onde a cumplimentaron os rapaces na clase co que lles deu a gana e coa mesma a devolveron (vaia fiabilidade!).
- O PP de Ferrol denuncia que nun colexio o equipo de normalización enviuo unha carta aos pais para falar da lingua (Manda truco! Vaia ousadía! Unha carta!)
- O PP de Lugo denuncia que a Deputación enviou unha carta ás Anpas da provincia falando da riqueza do coñecemento de dúas linguas. (Outro pecado)
Apostamos algo a que o PP sae escaldado desta súa xesta vitoriosa?
Oxalá lle saia o tiro pola culata.
De todos xeitos vendo como funciona o país sonvos un pouco pesimista.
Hoxe, por vía da miña filla, chegou ás miñas mans a maldita enquisa sobre o galego que se está a enviar a todos os pais que temos fillos escolarizados en idade non universitaria.
Digo maldita enquisa porque realmente me cabreou. E moito.
Cabreoume por mentireira: Póñenlle co título "Consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario".
Por que non a titularon "Enquisa sobre a doma e castración do Reino de Galicia"? Dende logo sería máis acorde coa realidade.
Cabreoume porque meten a lingua inglesa nunha pregunta na que se pide a opinión sobre a posíbel docencia dalgunha asignatura nese idioma. Cabreoume coma profesor de inglés que son porque coñezo as penurias polas que pasamos os ensinantes de idiomas nos institutos e porque coñezo o escasísimo nivel de competencia do alumnado no uso do idioma. Por que non se consultou aos departamentos de inglés, que igual tiñamos algo que dicir?
Cabreoume porque todo isto da maldita enquisa é unha verdadeira farsa: xa saben o que queren facer (suprimir o galego do ensino, que non disimulen) e agachan as súas intencións detrás duns papeluchos enviados aos pais de calquera maneira. Estannos utilizando descaradamente.
Por certo, que tamén me cabreou moito ver ao presidente da Xunta onte a presidir a procesión do Corpus de Ponteareas. Non era isto un estado laico e aconfesional?
Luís Rei Núñez, director do programa da TVG "Libro aberto", no que tiven a honra de participar en dúas ocasións, vén de remitir unha carta na que comunica a supresión do programa por parte dos novos directivos da Compañía de Radiotelevisión de Galicia.
Mal asunto isto de facer desaparecer programas culturais.
Reproduzo o contido da carta:
Amigos do programa “Libro aberto”:
Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005.
Está por ver a continuidade de programas que nestes anos foron consolidándose na grella, como “Miraxes”, “Planeta cine”, “Alalá”, “Onda curta” ou “Ben falado!”. De momento, o primeiro que desaparece é “Libro aberto”, cuxa última emisión será a da noite do 24 de xuño.
Dado que ese programa de “Libro aberto” xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.
Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.
Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.
Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, “Libro aberto” acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.
Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.