Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Polo Día das letras para Roberto Vidal Bolaño
Un grupo de persoas que está recollendo apoios para presentar perante a Real Academia Galega a proposta de que o Día das Letras Galegas de 2013 lle sexa dedicado a Roberto Vidal Bolaño.

O Días das Letras Galegas cumpriu 50 anos. Felicidades. Medio século ben empregado e sen facer moito teatro. Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización. É tempo suficiente para ter comprobado a importancia do teatro na cultura galega e tempo suficiente para valorar como contribuíu a escena galega á revitalización da lingua e a darlle un uso actual, contemporáneo e habitable.

Cincuenta anos despois do Día e trinta anos despois da romería chegamos a 2013 e damos coa cifra, tráxica en calquera caso, dos 11 anos da morte, que non desaparición, de Roberto Vidal Bolaño. Igual cadran as contas porque para falar de literatura, de teatro e de lingua non hai exemplo mellor que Vidal Bolaño: practicou a lingua e o teatro, o teatro da lingua, a lingua do teatro con toda a contundencia que lle foi dado e, algunhas veces, moito máis. As súas necrolóxicas de hai máis dunha década xa o sentenciaron como o máis importante autor galego de teatro e, once anos despois, a súa obra non deixou de medrar. Unha obra que comeza cos símbolos e acaba na realidade, nun proceso de interpretación dese lugar onde o mundo se chama Galicia que poucos autores, de teatro, narrativa ou poesía, poden igualar. Ese é o camiño que vai de Bailadela da morte ditosa a Rastros.

Hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro. Pero hai outro fundamental que garda relación intensa co prexuízo de que é ou que deixa de ser literatura. Se colocamos nunha ringleira a obra toda de RVB: Laudamuco, Bailadela, Saxo Tenor, Días sen gloria, Anxeliños, Animaliños, Criaturas, Rastros, As actas escuras, por exemplo, ¿hai moitas obras comparables? Escribir teatro tamén é de escritores.

Aínda habería máis porque RVB foi unha figura da escena e, polo tanto, foi actor e director, pero foi actor de televisión e de cine e esas circunstancias implican unha biografía pública próxima aos espectadores, unha biografía con moitos atractivos e cun obxectivo que aínda hoxe resulta útil ou, quizais, sexa hoxe máis útil que nunca: explicarnos para ben e para mal como é o mundo visto desde o teatro de aquí. Como é o mundo desde Galicia.

Podedes mostrar as vosas adhesións a través dos correos:
antondobao@telefonica.net
robertovidalbolanho@gmail.com

Veña un grolo pola iniciativa e outro por Roberto Vidal Bolaño!
Comentarios (1) - Categoría: De literatura - Publicado o 28-05-2012 18:40
# Ligazón permanente a este artigo
Unha viaxe ao cráter Endeavour (Marte)
O recuncho que hoxe vos convido a visitar non está neste mundo noso, senón fóra del.

Exactamente en Marte.

Ollade ben a fotografía feita polo robot Opportunity...

Nese cráter inmenso aínda non puxo o pé ningún humano!

É un inmenso territorio virxe e inexplorado.

Unha vez fun cos meus fillos nunha balsa de remos inflábel até a Illa de Tambo dende a praia de Chancelas aproveitando a marea baixa.

A auga estaba moi calma e o camiño até Tambo foi coma un esvarar nun mar de tranquilidade. Levounos tempo pero chegamos felices da nosa aventura (tanto eles coma min).

Desembarcamos na única praia que ten a illa, unha caliña fermosísima...

E como era de esperar non había ninguén.

Na area apenas estaban marcadas as pegadas de dúas gaivotas que xa tamén abandonaran o lugar.

Foi como vivir un soño.

Nunca antes víramos unha praia sen pegadas de humanos.

Era como terreo virxe.

Marte ten que ser así!

Pero durou pouco a nosa aventura en Tambo. Ao pouco de chegarmos, uns quince minutos despois apareceu por alí unha parella de militares que nos botaron de moi malos modos.

Sempre ten que estar a NASA a amolar!


Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 27-05-2012 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Dos soños de dous amigos
Dous amigos veñen de dicirme que soñaron comigo nos últimos días (o cal é unha honra!)

Un soñou que eu aparecía por riba dun outeiro nunha noite moi escura na que no ceo brilaban dúas lúas xemelgas (coma na novela de Murakami)...

O outro contoume que nunha libraría de París dixéranlle que non era posíbel que eu acabara de publicar un libro porque Xesús Constela xa non vivía na Finlandia.
Polo visto Xesús Constela fixera crer a todo o mundo alá na Finlandia que morrera nun accidente de tráfico...
E agora estaba agachado por estes lares para publicar en galego!

Que retorto, pero que delicioso, é o mundo dos soños e do subconsciente.

Bendito sexas, Sigmund Freud!

Marcho para Finlandia...
Veña un grolo polas súas dúas lúas!

Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 25-05-2012 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Cita no IES de Rodeira (Cangas)
Acabo de chegar Cangas, onde tiven o inmenso pracer de compartir mesa para xantar co alumnado do club de lectura da biblioteca do IES de Rodeira para podermos falar do meu Libro das alquimias.

Quero agradecer de todo corazón a moi grata ocasión de falar cos lectores ás profesoras encargadas da biblioteca, en especial a María Xosé Jiménez.

Teño dito moitas veces que a escrita é un labor moi solitario e que unha vez que se edita unha novela pertence aos seus lectores.

E resulta grandioso poder intercambiar con eles puntos de vista, responder ás súas preguntas e clarexar as súas dúbidas.

E estes encontros autor-lector fanse moito máis gratificantes cando o lector é un rapaz de doce ou trece anos con moitas ganas de saber e de preguntar, con moitas ganas de descifrar aquilo que leu camiñando pola obra da man de que a escribiu.

Foi un día formidábel no que houbo tempo para falarmos de proxectos, de creación literaria, de anéctodas ao longo da escrita, de libros queimados e de queimadores de libros, do camiño onde se mesturan realidade e ficción e dos lugares onde as dúas cousas non casan aínda que se intente.

Unha idea magnífica a de convidar a un autor a compartir xantar cos seus lectores.

Grazas de todo corazón aos lectores e lectoras do IES de Rodeira e ao seu profesorado!
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 24-05-2012 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación en Pontevedra da sidra do lagar de Ribela
O Ateneo de Pontevedra convoca un acto o vindeiro venres ás 20 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (rúa de Don Filiberto, 9-11, Pontevedra) para presentar a sidra ecolóxica Ribela baixo o título:

O REXURDIR DA BEBIDA DA GALICIA HISTÓRICA. A SIDRA

Vou participar nese acto na compaña de Anselmo López Carreira, profesor de Historia Medieval), Álvaro Novegil, gaiteiro, e Jesús Armenteros sidricultor de ‘Ribela’.

Quedades todos convidados!
Comentarios (0) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 23-05-2012 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
Do Atlas-Géographie da Librairie Catholique de Lyon
Vouvos falar dun libro que merquei hai moitos anos nun mercado de vello de Barcelona, quizais nalgún posto do Mercat de Sant antoni, onde os domingos os libreiros de vello ocupan os postos onde por semana se venden produtos frescos.

Trátase do Atlas-Géographie da Librairie Catholique de Lyon, un curso elemental de xeografía editado na cidade de Lyon no ano 1920.

É unha xoia.

E é unha xoia porque do mundo que reflicte xa non queda nada.
Europa (agás Iugoslavia e a Checoslovaquia) as Américas e Australia eran xa o mesmo que son agora…

Pero África e Asia non se parecen en nada ao que hoxendía aparece nos mapas.

Persia, o Imperio das Indias, Indochina, Siam…

Río de Oro, o Congo Belga, Rhodesia, o Sudán Francés…

Están cheos os mapas de cicatrices que deixaron as grandes colonizacións!

O libro é unha lección de historia e unha verdadeira gozada!
Comentarios (2) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 22-05-2012 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
De Patrick Galvin: The Raggy Boy
Hai moitos anos, así como nove (o tempo voa) o meu gran amigo Ger Wolfe agasalloume cun libro de Patrick Galvin titulado The Raggy Boy (O neno farrapento), unha triloxía contida editada nun único volume, que contén as obras Song for a Poor Boy (Canción para un neno pobre), Song for a Raggy Boy (Canción para un neno farrapento) e Song for a Fly Boy (Canción para un neno espelido), que reflicten historias reais colleitadas con grandes doses de agarimo ao longo da súa vida.

Recomendo de verdade a súa lectura.
(hai por certo unha película baseada no libro e dirixida por Aisling Walsh no ano 2003, o mesmo en que Ger me regalou o libro).

Na dedicatoria do se agasallo Ger, entre outras cousas, dime:
Xesús: This writer is a great man from Cork who fought against Franco and loves life.
(Este escritor é un gran home de Cork, de onde tamén é Ger e por iso se coñecían, que loitou contra Franco e adora a vida.

E por que falo hoxe de Patrick Galvin?

Pois porque estou a comezar un relato para un novo libro e collín unha cita de The Raggy Boy para o comezo.

Di así:
Paddy encolleu os ombros. “Vou marchar agora mesmo”, dixo. “Grazas pola bebida.”
“Marchas lonxe?”
“Vou camiñar sobre as augas,” respostou Paddy. “Deus sabe cando hei voltar.”


Vaia un bo grolo por Patrick Galvin!


Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 21-05-2012 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Florence and The Machine: Girl With One Eye
Onte escoitei non sei cantas veces seguidas esta marabillosa canción (Girl With One Eye) de Florence and The Machine e hoxe decidín compartila.

She told me not to step on the cracks
I told her not to fuss and relax
Pretty little face stopped me in my tracks
But now she sleeps with one eye open
That's the price she'll pay

I took a knife and cut out her eye
I took it home and watched it wither and die
Well, she's lucky that I didn't slip her a smile
That's why she sleeps with one eye open
That's the price she'll pay

I said, hey, girl with one eye
Get your filthy fingers out of my pie
I said, hey, girl with one eye
I'll cut your little heart out cause you made me cry



Comentarios (0) - Categoría: Sala de música - Publicado o 19-05-2012 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
15.724: Crítica de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia

Hoxe apareceu no suplemento Culturas de La Voz de Galicia a primeira crítica acerca de 15.724.

Como non está na rede achégovola escaneada.

Moitas grazas a Ramón Nicolás polas súas palabras!
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 19-05-2012 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
Peter's Pool (Malta)
Se hoxe ollo o ceo de Poio todo indica que vai chover outra vez...

Por iso propoño unha viaxe ao sur da Illa de Malta, a onde viaxei o verán pasado, a un lugar preto da fermosa vila de pescadores de de Marxaxlokk que se chama Peter's Pool.

Trátase dun deses lugares inde o mar traballou a costa a conciencia ao longo de moitos anos, moitísimos, até penetrar na terra por debaixo do cantil.

Non hai praia nin nada que se lle pareza.

A única area é a do fondo do mar, que lle dá á auga unha cor turquesa fascinante.

E non hai ningún xeito de mergullarse pouquiño a pouco: hai que botarse á auga dende a beira da rocha.

Non é un lugar doado de encontrar e por iso (afortunadamente) está fóra dos circuitos turísticos (o cal é de agradecer nunha illa que vive do trurismo).

Se vos achegades a Peter's Pool á hora do solpor asegúrovos que o sol pinta a rocha calcárea dunhas cores abraiantes.

Un lugar onde paga a pena perderse!
Comentarios (1) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 18-05-2012 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal