Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Pechado por vacacións
Mañá marcho de novo, desta volta a Véjer de la Frontera, na provincia de Cádiz, polo que non actualizarei o blog até despois do día 5 de abril.

Que teñades unhas moi boas vacacións!
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-03-2010 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
Jacques Brel: Jef
Resúltame imposíbel regresar de Bruxelas sen colgar neste blog unha canción de Jacques Brel.

Convídovos a escoitar Jef, gravado en directo no ano 1964.

Non Jef t'es pas tout seul
Mais arrête de pleurer
Comme ça devant tout le monde
Parce qu'une demi-vieille
Parce qu'une fausse blonde
T'a relaissé tomber
Non Jef t'es pas tout seul
Mais tu sais que tu me fais honte...



Que grande era Brel!

Comentarios (3) - Categoría: Sala de música - Publicado o 27-03-2010 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Cerebro e corazón
Na cidade de Gante, en Bélxica, atopei este graffiti de xeito case casual pintado nun muro da estación de tren a pé dun aparcadoiro de bicicletas.

Pareceume tan interesante o seu contido que decidín fotografialo pra compartilo con todas as miñas visitas.

Gustaríame que o meu cerebro tivese un mapa que me dixese por onde ten que ir o meu corazón

Fermoso, non si?

Daría o que fose por estar en posesión dese valioso mapa...
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 27-03-2010 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Catro días de ausencia
Até o vindeiro venres 26 de marzo estarei na cidade de Bruxelas, polo que non actualizarei o blog.

Deica logo!
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-03-2010 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
Manu Dibango: Woa
Convídovos a viaxar á música do Camerún da man de Woa, unha composición do grandioso saxofonista Manu Dibango, a quen escoitei por primeira vez hai moitos anos e nunca deixou de sorprenderme.

Comentarios (2) - Categoría: Sala de música - Publicado o 21-03-2010 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Da ruína de Ferrol Vello
Fixádevos que vergoña (e que horror!)

O barrio de Ferrol Vello, onde naceu a miña cidade, está completamente en ruínas!

Di a Xunta que non se pode nomear Ben de Interese Cultural polo estado de irreversíbel deterioro no que se atopa!

Isto é o froito da desidia das nosas administracións, especialmente dos diferentes alcaldes e corporacións de Ferrol, que nunca tiveron a iniciativa de recuperar o lugar onde a cidade naceu!

Unha vergoña.

Non hai outra palabra.

Comentarios (7) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 21-03-2010 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
De 55 mentiras sobre a lingua galega
Asistín onte en Poio á presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega a cargo do coordinador do traballo, Xosé-Henrique Costas, e de Ana Mª Outón Barral, unha das colaboradoras en tan interesante proxecto impulsado polo colectivo Prolingua.

Se aínda non tedes lido o libro recoméndovolo dende aquí, do mesmo xeito que vos convido a asinar o manifesto do colectivo.

O libro é un manual que desmonta unha por unha as 55 mentiras máis frecuentes que se din acerca desta amada lingua de nós, 55 mentiras que poderían ser 55.000...

Mentiras sobre a historia das linguas, sobre sociedade e identidade, sobre ensino e dereitos, sobre os medios de comunicación, sobre a utilidade do galego...

Un manual moi ben estruturado e moi necesario nestes tempos escuros que nos toca vivir.

Os meus parabéns a todos cantos colaboraron na súa edición!
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 18-03-2010 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Serra Pelada
Fálame Solange de Serra Pelada.

Eu coñecñia o lugar polo excelente traballo de Sebastiao Salgado:

Cincuenta mil traballadores/escravos, os garimpeiros, pechados no cráter dunha mina a ceo aberto.

Cincuenta mil seres humanos entregados á maís dura das labouras no interior dun inmerecido e inxusto formigueiro!

Custodiados por soldados, fusil en man...

A dignidade perdida da man da falla de liberdade...

Cincuenta mil miserias...

Cincuenta mil soños esagazados, agachados no interior máis fondo da mente que non pode pensar polo cansazo, pola miseria, pola dor, polo sufrimento...

Como aturar o peso de tamaña inxustiza?

Comentarios (6) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 17-03-2010 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Feijóo: Castelao en castelán
O presidentiño acabou hoxe o seu discurso no debate de política xeral do Parlamento de Galicia coa lectura da Alba de Groria de castelao en castelán para dicir que na "nova" Galicia ninguén ten que pedir permiso par expresarse en castelán!

Non teñen vergoña!
Comentarios (5) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 16-03-2010 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Corta Atalaya, Huelva. España.
Corta Atalaya, no concello de Minas de Río Tinto, na provincia andaluza de Huelva, é un dos lugares maís abraiantes que visitei nunca na Península Ibérica.

Unha compañía inglesa (Rio Tinto Company) extraía mineral desta xigantesca mina a ceo aberto que foi o motor industrial da zona até que ficou abandonada hai arredor de vinte anos, supoño que porque xa non habia máis mineral para extraer.

A paisaxe é singular a máis non poder, especialmente polas dimensións do oco aberto na terra. Para que vos fagades unha idea aproximada do seu tamaño, cada un dos chanzos que se ven no terreo é unha estrada pola que circulaban camións de gran tonelaxe e mesmo un ferrocarril. Hai unha locomotora estacionada na parte maís baixa que só se ve realmente se se usan prismáticos.

Agora as visitas ao lugar, que teñen que ser guiadas polo perigo que suporía que a xente entrase pola súa conta, están organizadas polo Parque Minero de Riotinto, que tamén dispón dun fermoso museo onde se conta a historia da minería no lugar dende os lonxanos tempos dos romanos, cando eran meniños pequenos quen entraban nas galerías pola dificultade de entrar unha persoa grande!

Ademais de Corta Atalaya e do museo a paisaxe da zona é tan singular que paga a pena a visita aínda que só sexa para ver como baixa polo monte un río (o Tinto) que ten as augas completamente vermellas e tingue desa cor as pedras e a terra. Máis ou menos é das tonalidades desa auga que se pode ver na fotografía no fondo da mina.

Moitas veces a industria é quen de esculpir a paisaxe até convertela nalgo fermoso.

Corta Atalaya é un deses lugares que deixa abraiado ao visitante e que permite deixar voar a imaxinación.
Comentarios (5) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 16-03-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal