Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Catro días de ausencia
Até o vindeiro venres tres de abril estarei na cidade de Londres, polo que non vou poder actualizar o blog.

Vémonos á volta!

Deica logo!
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-03-2009 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
George Mèliés: Un home de moitas cabezas
Cando os irmáns Lumiére acababan de inventar o cinematógrafo George Méliès (de quen xa vos acheguei Le Locataire diabolique) era mago profesional e tamén director do teatro Robert Houdin de París.

En 1898 decidiu incorporar o recén inventado cinematógrafo ao seu espectáculo, polo que iniciou unha serie de películas nas que filmaba os números de maxia que se realizaban no seu teatro.

Na peliculiña que vos achego, unha xoia dos comezos do cinema, podedes ver un deses números.

Gozade dela.


Comentarios (1) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 29-03-2009 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
De Roberto Saviano

Veño de rematar Gomorra de Roberto Saviano.

Supoño que dados os contidos do libro no momento de publicalo o autor valorou as posibilidades dunha vinganza por parte da Camorra, aínda que (polo que lin nalgunha entrevista) nin remotamente sospeitase que a súa via ía acabar convertida no inferno no que trocou.

A derradeira frase do libro é ben orientativa de que tiña calculado as posibilidades desa vinganza:
"-Malditos bastardos, aínda estou vivo!"

Grazas a Saviano:
- tiven coñecemento das atrocidades nas que se moven as mafias xa non só de Nápoles senón do sul de Italia enteiro: Cosa Nostra, Camorra, etc...
- souben das ramificacións desas organizacións por toda Europa adiante (Mediterráneo español, sobre todo) para branquexar diñeiro, por América Latina, para tráfico de drogas, por China para tráfico de persoas en réxime de escravitude, por Europa do Este para tráfico de armas...
- souben que cada ano morren asasinadas centos de persoas nun mundo (ese sur de Italia) no que as únicas leis que as mafias recoñecen parecen ser a do silencio e a do Kalashnikov.
- souben dos milleiros de menores que se moven por Italia adiante para vender toda caste de drogas e son cambiados de cidade en cidade para evitar a identificación policial.
- souben de como se cortan as drogas con toda sorte de sustancias e de como por mor diso morren cada ano centos de mozos e mozas nas rúas de Nápoles e arredores.
- souben de como o sul de Italia se converteu por mor das mafias no vertedoiro de sustancias tóxicas de toda a Europa máis desenvolvida.

Souben, en fin, de tantas e tantas atrocidades que convido a todo o mundo á lectura do libro, aínda que só sexa coma testemuño de solidariedade co seu autor.

Veña un grolo por Roberto Saviano!
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 24-03-2009 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Da pena de morte no mundo!
Segundo informa Amnistía Internacional ao longo do ano 2008 producíronse no mundo DUAS MIL TRESCENTAS NOVENTA execucións, o 72% na China.

Vaia unha vergoña!
Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 24-03-2009 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
D'O peto da risa

Veño de saber que a visitante número un deste blog acaba de publicar en Galaxia O peto da risa. Falaremos del! Queda prometido.

Veña un grolo por Eva!
Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 19-03-2009 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
The Chieftains: Molly Ban
Xa que falabamos de Irlanda estes días e xa que non podemos compartir unha pinta de guinness nun pub de Dublín compartamos unha vella balada irlandesa: Molly Ban.

Velaí vos achego The Chieftains coa cantante Alison Krauss.


Veña un grolo por eles!



Comentarios (1) - Categoría: Sala de música - Publicado o 19-03-2009 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Do Shakespeare destilado nos premios da AELG
Estou moi contento. De verdade. Hoxe o meu amigo Xosé Monteagudo envioume o seguinte SMS:

Parabéns. Shakespeare destilado finalista dos premios da AELG.

E alegroume o día.

Grazas mil a todos cantos me votaron!

Veña un grolo por todos vós!
Comentarios (3) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 19-03-2009 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
The Burren (Irlanda)

Son un namorado de Irlanda. Hei recoñecelo. Teño viaxado alí moitas veces e sempe que vou descubro algo que antes non vira.

Propóñovos unha viaxe virtual a una zona chamada The Burren, no condado de Clare, a metade de camiño entre as cidades de Galway e Limerick.

O nome procede da palabra gaélica bhoireann, que é algo así como "terra chea de rochas", porque diso se trata, dun territorio rochoso e árido.

Tan árido que arredor do ano 1640 Oliver Cromwell o describiu coma "un territorio salvaxe (aínda conserva algo dese encanto) onde non se pode atopar auga abondo para afogar un home, nin unha árbore onde aforcalo, e nin sequera terra onde logo enterralo".

E é certo!

Trátase dun terreo onde non existe vexetación ningunha (algo insólito en Irlanda) porque non hai terra, senón unha inmensidade de rocha calcárea rota por millóns de fendas.

En medio e medio da deserta meseta de pedra aínda resiste o paso do tempo o vello dolmen de Poulnabrone a desafiar o implacábel transcorrer os séculos.

Se tedes a oportunidade non deixedes de visitalo.

Habedes ficar abraiados.



Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 17-03-2009 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
A calzada do xigante (Irlanda)
O xigante Fionn mac Cumhail constuíu na costa do condado de Antrim na rexión do Ulster, en Irlanda,
unha calzada para abrirse paso a través do mar e chegar canda a súa amada, que vivía na illa de Staffa, en Escocia.

Non conta a lenda se os amantes chegaron a reunirse, pero o que podo asegurar é que as obras do xigante deron lugar á costa máis singular que vin na miña vida, un lugar ideal para liberar a mente e deixala voar polos roteiros da imaxinación mentres se escoita o ruído do mar a bater co forza contra a costa.

Un lugar para soñar!

Comentarios (2) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 15-03-2009 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
Da promoción exterior da literatura galega

Quixera achegar para o debate algunhas eivas da promoción exterior da nosa literatura:

1.- Os editores xogaron un máis que importante e sobranceiro papel na historia da literatura en tempos moi difíciles nos que publicar en galego era máis ca un acto de fe (ou militancia, se se pefire a palabra) Pero non poden quedar aí. Se unha conserveira non actualiza os seus sistemas de mercado e publicidade está condenada a desaparecer por moi bo que sexa o produto que comercializa.

2.- Non pode o sistema vivir eternamente da artesanía e da boa vontade dos autores. Cómpre procurar xeitos para poder acadar unha mínima profesionalización (hoxe unha entelequia). Que acontecería coa obra de Picasso se cada mañá tivese que ir ao colexio a dar as súas clases de plástica?

3.- Loubo moito a tradución de obras estranxeiras ao galego. Por fin podemos acceder a grandes pezas da literatura contemporánea sen termos necesidade de pasar polo español. Pero non hai xeitos de asinar contratos/convenios (chámese como se queira) que permitan o acceso dos escritores galegos a axencias literarias ou editoriais que permitan o salto ao exterior?

4.- O futuro da literatura de nós pasa pola tradución e por facernos un lugar, aínda que sexa mínimo, no exterior, por abrirnos paso para facernos ver. Ou iso ou acabar coma os troveiros occitanos.

5.- Se non hai axuda das institucións políticas (e menos agora co que nos vén enriba) cómpre atopar outros xeitos de financiamento.

6.- Ou ampliamos a pucharca onde nadamos ou a auga desaparece.

7.- Quen diga que non escribe para acadar cantos máis lectores mellor minte. (Que llelo digan a Auster ou a Murakami, mesmo a Rivas)
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 13-03-2009 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal