Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De caixas e bancos
Xa sei que a crise non é unha broma e que toda esta historia de converter en bancos privados as caixas de aforros non é para rir.

Un futuro negro.

Os aforros de varias xeracións en mans privadas sen obriga de investir en obra social!

Achégovos de todos xeitos un chiste que me enviou unha amiga.

Un banco + unha caixa= Caixabanc.

O nacemento dun novo sistema financeiro.
Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 27-02-2011 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura de Rosalía en Pontevedra

Hoxe, 24 de febreiro, ás oito do serán na Libraría Michelena de Pontevedra (Alameda, 8) acudiremos un grupo de escritores para lermos poemas de Rosalía de Castro.

O acto está organizado pola AELG e consistirá na lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa se fixo o pasado 2010. Durante estes actos lerase tamén un manifesto que defina explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.

Eu lerei o poema 22 de Cantares gallegos:

Mais ó que ben quixo un día,
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corazón.

Aló nas tardes serenas,
aló nas tardes caladas
fainse maís duras as penas
que nas brandas alboradas.

Aló nas tardes sombrisas
aló nas tardes escuras
fainse maís cortas as risas
máis negras as desventuras.

Que non hai sera tranquila
para quen remorsos garda,
e máis presto se aniquila
canto máis a noite agarda.
Comentarios (9) - Categoría: De literatura - Publicado o 24-02-2011 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Un agasallo de aniversario
Quixera achegar un agasallo para Eva Lozano, que hoxe, vinte e tres de febreiro está de aniversario, seica.

Trátase dunha fotografía de meu fillo Raúl feita na praia de Santa Comba, na parroquia de Covas, en Ferrol.
(É unha mágoa que non se poida meter o mar dentro dun sobre coma quen mete unha carta)

Para Eva as escumas do mar
e tamén a bravura das ondas
e o arrecendo salgado do ar

Para Eva o chío lonxano dunha gaivota
e a brisa que acariña a face
e as embestidas da auga contra as rochas

O mar todo, enteiro, pleno,
para Eva


Parabéns, Eva. (Que fagas moitos máis)
Comentarios (6) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 23-02-2011 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
De Luis de Góngora e nós, sucios e viles
Ollade este poema de Luis de Góngora que me fixo chegar hoxe meu irmán Xurxo.

Oh, montañas de Galicia
cuya, por decir verdad,
espesura es suciedad,
cuya maleza es malicia,
tal, que ninguno codicia
besar estrellas pudiendo,
antes os quedais haciendo
desiguales horizontes;
al fin, gallegos y montes,
nadie dirá que os ofendo.


Polo visto escribiuno no ano 1906 no decurso dunha viaxe que fixo a Pontevedra.

Vaia unha visión de nós que presenta o poema, non?

Que se pode agardar dun home que ten esa ollada perversa e revirada que se amosa no retrato que vos achego?
Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 23-02-2011 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
De Libia
Human Right Watch denuncia a morte de 173 persoas en Libia nos últimos tres días a causa da brutal represión de manifestacións contra o réxime de Gaddafi por parte das súas forzas armadas.

Hai testemuñas que elevan a cifra de mortos a 200!

Sen xornalistas que poidan cubrir esta tremenda represión o pobo libio está máis cautivo e máis secuestrado ca nunca.

Veña un grolo enorme pola valentía do pobo de Libia!
Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 20-02-2011 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
Caza: as cousas reviran ás veces
Non me gusta a caza.

Non me gusta nada.

E non cansarei de dicilo.

Aquel a quen lle guste disparar que o faga contra unha botella, unha lata ou un prtao en movemento.

Matar animais nunca pode ser unha diversión.

Enviome Eva Carpente este vídeo que amosa como as cousas reviran ás veces en temas de caza.

E se isto fose o comezo de algo?

Comentarios (4) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 20-02-2011 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Do quiosco solitario da Alameda de Pontevedra
Hoxe pasei en coche baixo a choiva pala beira da Alameda de Pontevedra e, parado nun semáforo, chamou a miña atención o vello quiosco da música entre árbores sen follas. Milleiros de pensamentos viñéronme á mente até que o coche que estaba detrás miña pitou para que me puxese en marcha. Foi como escoitar o espertador pola mañá. Maldito!

Que solitario ficaches
sen músicos
nin instrumentos
sen notas que dean calor á alma arrefriada
sen os aplausos que coroan a verbena
sen os xiros danzaríns das parellas a bailar
sen as lámpadas que parecen encher o aire de ilusións…
Que solitario ficaches
mollado
baixo esta pranto que non cesa…
Comentarios (4) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 18-02-2011 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
De Richard Hamilton: Exactamente que é que fai os fogares de hoxe en día tan diferentes, tan atraíntes?
Richard Hamilton foi o autor deste cadro que se considera a primeira obra do que logo se coñecería co nome de pop art.

Trátase dunha arte absolutamente urbana que recolle imaxes que nos resultan familiares porque os autores consideran que pode haber beleza en cualquera obxecto que nos rodea.

O suxestivo título do cadro que vos achego, feito coa técnica do collage, é Exactamente, que é o que fai os fogares de hoxe en día tan diferentes, tan atraíntes? (Just What Is It that Makes Today's Homes So Different, So Appealing?)

Dá para moito comentar, non si?
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 17-02-2011 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Das cores do mundo
Imaxinades por un momento que as cores das cousas puidesen cambiarse por uns momentos?

Imaxinades un mundo no que o ceo fose alaranxado e se volvese azul polo amencer e polo solpor?

E o mar?

Por que non vermello?

Comeriades carne de cor violeta?

Mercariades ovos verdes?

Dei en pensar todo isto cando pensei que as criaturas todas que pisamos a terra vemos as cousas de diferentes cores porque os nosos ollos así as perciben.

Os nosos cans non ven o mesmo que vemos nós (e non falo de perspectiva).

As flores que tanto nos gustan teñen as máis das veces tonalidades opostas ás percibidas polos ollos das abellas que nelas se alimentan.

As abellas mesmas son realmente distintas de como as vemos nós e de como as ven outros insectos...

Canto me agradaría poder ver o mundo dende a óptica do meu can!

Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 16-02-2011 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Aldraxe á Guinea Ecuatorial
Estes días en que o mundo enteiro está a celebrar as caídas dos ditadores da Tunisia e do Exipto unha comisión de deputados do Parlamento Español vén de facer unha visita a Guinea Ecuatorial na que se fotografaron con Teodoro Obiang no decurso da cal o presidente do Congreso dos Deputados Español, José Bono, dixo a seguinte perla ao ditador que rouba o diñeiro dos guineanos e os esmaga con fereza:

"Es muchísimo más lo que nos une que lo que nos separa"

Pero que tomadura de pelo é esta, señor Bono?

Súmome ás protestas do escritor Juan Tomás Ávila
en folga de fame dende a indigna visita dos parlamentarios españois.

Dende o lugar onde se oculta en Malabo Ávila explicou á prensa por que a visita da delegación española foi o detonante da súa folga:
"El Gobierno de Guinea es criminal. Si el presidente del Parlamento español, cuyos miembros no son criminales, se reúne con Obiang, está claro que está defendiendo su régimen, por lo que se convierte en cómplice de la maldad asesina."

Unha aldraxe ao pobo guineano esta máis ca desafortunada visita.

Non falaron nada de dereitos humanos.

Nada!

Por certo, que os parlamentarios españois que encabezaron, xunto con Bono, a delegación que viaxou a Guinea son:
Josep Antoni Duran (CiU), Gustavo de Arístegui (PP) e o socialista Álex Saiz.

Xa poden durmir tranquilos!
Comentarios (7) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 13-02-2011 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal