Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Dos nosos computadores
Que mellor ponte para acurtar distancias hoxendía que os nosos computadores?

Substituíron as cartas, os telegramas, o teléfono en moitas ocasións, convertéronse en ágora pública para que pintemos as nosas mensaxes pequenas ou grandes polas paredes, en botellas que botamos ao mar coma náufragos na procura de persoas coas que partillar as nosas opinións...

Nestes nosos computadores gardamos as nosas músicas máis fermosas, esas que nos fan sentir (ben ou mal pero sentir), onde agachamos coma tesouros as fotografías e os vídeos dos momentos que tantas veces nos fan escravos da saudade, ou da alegría, ou que nos aportan ese grau de humor e comicidade que as nosas vidas necesitan coma o ar que respiramos...

Ai, máquinas condenadas que nos apreixaron entre as súas gadoupas, que nos apertaron con esas apertas que nunca rematan!

Son a mesa de traballo, a folla onde facemos os cálculos, as enciclopedias mil e unha veces consultadas, a tenda onde mercamos, o saco sen fondo onde procuramos todo canto pensabamos perdido...

Hoxe atopei na rede coa que saio moitas veces de pesca este vídeo que vos achego, unha homenaxe a estas ferramentas que acariñamos coas mans coma pianistas a tocar unha melodía que temos escoitado moitas veces e da que quizais nunca poderemos desprendernos.

Por moitos anos!

Comentarios (8) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 26-02-2010 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
De Rosa Díez, moderna e pexorativa
Oístes o que dixo nunha entrevista esta mulleriña que vai polo mundo de moderna modernísima como podedes ler aquí?

Pois para insultar ao presidente do goberno español dixo que era "galego no senso pexorativo do termo".

Pero que moderna!

Podedes velo aquí.

E non o dixo só unha senón dúas veces, dúas!

Que moderna!

A outra foi en 2009, como podedes comprobar aquí.

Pero que encanto de muller, tan moderna, tan "sencilla"...

Claro, que que se pode agardar dunha persoa que veu dende Madrid para se manifestar contra o galego naquela "multitudinaria" manifestación de Gloria Lago e os seus secuaces todos collidos da man arroupados pola Falange Española "y olé", tamén eles tan modernos?

Que se pode agardar dunha líder (ou debo de dicir "lideresa" coma "tigresa" ou "vampiresa"?) política que deu un mítin na cidade de Pontevedra no Liceo Casino, onde se reúnen arredor dunha piscina os elementos máis rancios da sociedade local?

Rancios pero modernos, non pensedes.

E digo modernos no senso máis pexorativo da palabra!

Por suposto.
Comentarios (13) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 25-02-2010 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
De traducións e tradutores
Que nunca nos falten os tradutores e os intérpretres, que son pontes construídas entre linguas e, xa que logo entre persoas.

Que nunca nos falten as mans dos que verten os nosos escritos en linguaxes diferentes das nosas para que poidan chegar ao meirande número posíbel de lectores.

Que nunca falten os ouvidos de quen traslada o que falamos a todos os que poderían non entendelo nesta fermosa e variopinta torre de Babel que habitamos.

Que nunca falten, porque quizais sen eles non chegariamos a entendernos e non hai cousa máis fermosa cá comprensión do que falan e escreben os demais.

Que nunca nos falten e que nunca deixen de cabalgar no lombo da linguaxe.

Que nunca falten as súas máquinas de escribir, os seus bolígrafos, as súas prumas, as súas gravadoras, os seus auriculares, os xeus oídos atentos e os seus computadores.

Que nunca falten.

Nunca.
Comentarios (10) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 24-02-2010 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
O crego amante do porno
Unha noticia que escoitei hoxe na radio:

Cesado un cura de Toledo por gastar uns 17.000 euros da Igrexa en liñas e webs eróticas

O que máis me gusta da historia é que "o bendito" pide desculpas ás persoas e entidades afectadas e confía na axuda da oración e da misericordia divina.

Non imaxinades a de cousas que me pasan pola cabeza!
Comentarios (12) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 23-02-2010 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
Michel Ocelot:: Príncipes e princesas

Achégovos un magnífico episodio da película de Michel Ocelot Príncipes e princesas.

Aínda que a versión orixinal é en francés e a peza que vos achego está en italiano creo que é unha desas películas que non necesitan de moitas palabras para que se poida comprender a súa mensaxe.

Por medio da técnica das sombras chinesas Michel Ocelot trasládanos á suntuosa elegancia dun xardín francés onde unha princesa e un príncipe se prometen amor mutuo a través dun bico que ten "efectos secundarios" inesperados...

Unha verdadeira xoia para gozar!





Comentarios (9) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 21-02-2010 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
De Gerald Durrell e os animais
Falabamos onte de animais.

Quérovos hoxe convidar a ler unha novela marabillosa do escritor inglés Gerald Durrell titulada A miña familia e outros animais.

Trátase da primeira entrega dunha triloxía que se completa con Bechos e demais parentes e O xardín dos deuses aínda que se pode ler independente.

Gerald Durrell (irmán de Lawrence Durrell, o d'O cuarteto de Alexandría), naturalista e gran amante dos animais, naceu na India colonial, pasou a súa nenez e parte da súa adolescencia na illa grega de Corfú.

É precisamente alí onde se desenvolve a trama en parte autobiográfica de A miña familia e outros animais.

Durrell no foi ao colexio durante a súa estadía en Corfú, senón que recibiu ensinanzas de varios amigos da familia, a maioría deles amigos precisamente de seu irmán maior Lawrence.

Un deles en especial, o grego Teodoro Stephanides, doutor, científico, poeta e filósofo, personaxe do libro, deixou unha fonda pegada en Gerald.

Entrambos os dous capturaron, investigaron e examinaron as especies existentes entre a fauna de Corfú e as súas peripecias aparecen narradas no libro en clave de humor cunha prosa que fai que o lector non poida rematar a lectura até tela rematada.

Se decidides ler anovela só agardo que o pasedes tan ben coma min e que compartades a paixón de Durrell polos animais da illa de Corfú.

Unha boa lectura.

Si señor.
Comentarios (6) - Categoría: De literatura - Publicado o 20-02-2010 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
O neno de L'Omo e o can

As tribos das beiras do río L'Omo habitan un triángulo de terra situado entre Etiopía, Sudán e Kenia, e foron fotografiadas ao longo de varios anos por Hans Sylvester.

O seu terrotorio é un terreo volcánico cheo de cinzas e polo visto moi fértil.

Os membros desas tribos teñen unha capacidade artística moi desenvolvida e amosada nas pinturas coas que cobren os seus corpos e nos elementos naturais (flores, plantas, cornos de animais, peles, froitas...) que utilizan para adornar as súas cabezas.

De todas as fotografías de Hans Sylvester quédome con esta que vos achego: un rapaz a darlle de beber a un can.

Paréceme unha perfecta simbiose de home e natureza.

O can non bebería se o neno non lle botasea uga na boca.

Xa fai falla querer un animal para facer isto!

Habería que lles enviar esta fotografía a todos cantos os abandonan cando canasan de telos na casa.

Cantas veces nos darían auga os nosos cans se soubesen que con iso saciarían a nosa sede, cantas cousas non farían por nós!

Veña un grolo polo rapaz ese da tribo de L'Omo e polo seu can!

Comentarios (6) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 19-02-2010 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
Un lavadoiro en San Adrián de Cobres
Dende ben cativo gústanme os lavadoiros, dende que me achegaba aos bordes para ver aquela auga branca coma leite de tanto xabrón como levaba disolto de tantas e tantas mulleres que pasaran por alí a lavar...

Que ulido marabilloso!

Entón sempre aparecía algún adulto: coidado neno, non vaias caer que podes afogar.

O lavadoiro, polo visto, agachaba os mesmos perigos ca un pozo!

Agora, por fortuna pois nas casas hai lavadoras automáticas, ninguén se achega aos lavadoiros para facer a colada e a auga sae limpa polo desaugadoiro de pedra...

Fixádevos nos musgos que enchen de verde as paredes deste lavadoiro que fotografiei hoxe pola tarde no fondeadoiro de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa.

Falaban e falaban as mulleres cando baixaban ao lavadoiro para lavar...

Cantas conversas de mulleres contarían estes musgos se puidesen falar, cantas faladorías intercambiadas entre elas, cantas confidencias, cantas queixas, cantos chismes, cantas risas, cantos contos...

Cantas historias ficaron para sempre gravadas nas paredes dos lavadoiros!
Comentarios (11) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 17-02-2010 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
O peso dunha sinatura!
Achégovos este vídeo producido por Amnistía Internacional de Francia porque ten un poder comunicativo grandioso.

Tan grandioso que coido que non precisa máis comentarios pola miña parte.

Está feito para convidar a todo o mundo a asinar as campañas de Amnistía Internacional no mundo.

A túa sinatura é máis poderosa do que ti pensas


Comentarios (5) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 16-02-2010 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Do "cenote" de Dzinup (Yucatán, México)
Cheguei a este impresionante lugar por medio dun taxista a quen preguntei cal era o "cenote" máis fermosos que se podía visitar na Península de Yucatán (México).

Dzinup, de fermoso nome maia, atópase preto da cidade de Valladolid (vaia unha teima dos colonizadores de repetir os nomes dos seus lugares de orixe nas terras conquistadas, o mesmo aconteceu cos británicos, que encheron o mundo de topónimos das súas illas)

Un meniño de arredor de sete anos, de nome Antonio, nunca o esquecerei ("Antonio le cuida su carro, Antonio le cuida su carro... corría á miña beira cando cheguei á aldea) contoume a lenda da descuberta do cenote, unha lenda que aprendera de memoria para contárllela a todo canto por alí aparecese a cambio dun peso.

Un cazador maia saíu ao monte a cazar venados pero atopou un xabarín.
Disparoulle.
Pero non o matou.
O xabarín meteuse por un furado e o cazador foi detrás.
Como o furado era moi pequeno houbo abrilo co seu machete e... atopou unha lagoa inmensa soterrada!
Púxolle o nome de Dzinup, que´, non podía ser doutro xeito, en maia significa xabarín.

Esta é a historia que me contou "Antonio le cuida su carro", a mesma historia que conta a todos cantos aparecen por alí en carro.

Se non fose por aquel taxista de Valladolid nunca tería atopado este verdadeiro tesouro agachado baixo a terra e afastado completamente das rotas turísticas da Península de Yucatán.

Sabedes o refrrescante que foi darse un baño nas escuras augas do "cenote" apenas rachadas por un feixe de luminosidade que entra polo furado da cúpula da cova? É a única luz que entra na caverna e posibilita que o visitante poida ver unha multitude de peixiños negros a nadar na frescura das augas.

Foi o baño máis orixinal que tomei na vida.

Asegúroo.

Se existen lugares máxicos o "cenote" de Dzinup é un deles.

Non teño dúbida ningunha.

Veña un grolo por Antonio-le-cuida-su-carro e por todos os meniños de América Latina que non gozan dunha escolarización axeitada.

Veña un grolo por eles todos!
Comentarios (7) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 13-02-2010 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal