Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Do pasado maio
Maio foi un mes que rematou ateigado de controversia. E foi polo ataque do exército de Israel á chamada flota da liberdade que dende Turquía pretendía chegar á franxa de Gaza. Colguei no blog a canción Imagine de John Lennon interpretada por Noa e Khaled e apareceron nada menos que dezaoito comentarios que continuaron no mes de xuño!
Amamos a paz!
Comezaramos falando da inxustiza do burka, do día Internacional da liberdade de prensa e da lagoa Frouxeira de Valdoviño, que quedou seca polo mal facer da Xunta.
Pero tamén homenaxamos a Novoneyra:
LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando
.
E a Fernando Pessoa:
Quando vier a Primavera,
Se eu já estiver morto,
As flores florirâo da mesma maneira
E as árvores nâo serâo menos verdes que na Primavera passada.
A realidade nâo precisa de mim.

Mentres escoitabamos a Dulce Pontes.
O mes trouxo ao anuncio dos recortes aos soldos do funcionariado e o procesamento de Baltasar Garzón por investigar os crimes do franquismo!
E para ilustrar estas tormentas vimos o vídeo The Storm, de Lottie Kingslake. Brillante!
Manifestámonos en Compostela o Día das Letras e botamos a tarde n’O Xirimbao para debater se debe o día ser festivo ou non. A auga era unha festa.
Ah! Si.
E tamén recomendei a lectura d’Un tipo listo do meu amigo Xosé Monteagudo.
Comentarios (3) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 30-12-2010 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado abril
Comezou abril co noso abraio (ou horror?) perante un neno mexicano a predicar cunhas argumentacións que de verdade puñan medo, un neno predicador que demos en comparar cun moniño de Xibraltar fotografado co meu móbil.
Un móbil que tamén trouxo almacenada na memoria a fotografía dunha vaca á beira do mar na praia de Zahara de los Atunes.
De literatura falamos da miña visita ao IES de Meaño para falar cos rapaces do meu Libro das alquimias e da visita que fixen á Fundación Rafael Alberti en Puerto de Santa María. Todos ueremos a Alberti! Tamén houbo lugar para A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson, que provocou moitos soños de nenez. Ron, ron, ron, a botella do ron! Iván García Campos gañou o premio Blanco amor na súa edición número 18, na que tiven a honra de participar coma membro do xurado. E tamén visitei a Librería de Marín para comentar As humanas proporcións cos membros do seu club de lectura.
E en medio disto todo houbo tempo para reflexionar acerca da maxia das cousas pequenas.
E sorprendémonos coa morte de Malcolm MacLaren, aquel mozo rebelde que fora manager dos Sex Pistols e impulsor do movemento punk.
A primavera chegounos da man de Pina Bausch, cunha coreografía para Stravinsky e tamén da man de Cecília Meireles co seu poema Primavera.
De Brasil, chegounos unha magnífica fotografía dun grupo de indios enviada por Solange. Eu propuxen ao día seguinte un poema de Pablo Neruda acerca da Amazonía. Sube a nacer conmigo, hermano…
E vimos unha película, Domecku Var, de Jirì Barta, e asistimos a un concerto de Edith Piaf no París de 1962 a proposta de Eva Carpente, Non! Rien de rien ... Non! Je ne regrette rien
E abandonounos Allan Sillitoe, que deixa para o mundo o gran legado d’A soidade do corredor de fondo.
Eva Lozano enviounos o gran poema de Brian Patten A confesión do pequeño Johnny:
Esta mañá
sendo máis ben novo e parvo
collín prestada unha metralleta que meu pai
deixara agachada dende a guerra, saín
e eliminei un bo número de pequenos inimigos
.
Reflexionamos acerca dos editores galegos e falamos do "abandono" de Suso de Toro.
Da lingua falamos dun gran festival de Queremos Galego contra o decretazo e da perda de falantes coma una hemorraxia que non cesa.
Rematamos o mes cunha poliña de xesta na man.
Comentarios (3) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 30-12-2010 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado marzo
En marzo sorprendeunos outro terremoto, desta volta en Chile, o que nos levou a falar do Canto General de Pablo Neruda.
Empezamos tamén a falar de laicismo a conto da anunciada visita de Bieito XVI con motivo do Xacobeo. Núñez Feijoo teimaba en referirse a el como Santo Pai. Tamén falamos dos conselleiros disfrazados, de touros maltratados e de touradas de dereitas (Coma podedes observar a “dereitada” vai toda neste parágrafo). Tamén pedimos a dimisión do conselleiro de educación por hipócrita, por mentirán e por manipulador!
Pola contra admiramos unha vez máis a Aung San Suu Kyi, por fin xa liberada e lle dedicamos No Woman No Cry de Bob Marley.
En medio disto todo compartimos unha fermosa película de Constantinos Pilavios e fixen unha loubanza das miñas magnolias.
E deixounos Miguel Delibes!
Viaxamos ás minas a ceo aberto de Corta Atalaya en España e de Serra Pelada no Brasil.
Comentamos o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, grazas aos seus autores por escribilo, laiámonos da ruína de Ferrol Vello e escoitamos a Manu Dibango.
Rematamos o mes cunha canción de Jacques Brel, Jef
E cun graffitti impresionante que fotografei co meu móbil nunha rúa de Gant (Bélxica): Gustaríame que o meu cerebro tivese un mapa que me dixese por onde ten que ir o meu corazón.
Comentarios (3) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 29-12-2010 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado febreiro
Inauguramos febreiro con música de Nirvana e cunha curiosa oferta na que alguén regalaba un libro pola compra de tres bragas.
Tamén estreei categoría, fotos feitas co móvil. E comezamos cunha inocente ondiña na Praia de Areas que nos levou a reflexionar acerca das cousas que quere contar o mar, para tamén incluír días despois un fermoso lavadoiro de pedra en San Adrián de Cobres.
Cantamos tamén a chegada da choiva cun poemiña de Federico García Lorca, alporizámonos coa usura do modisto Adolfo Domínguez, que avogaba polo "despido libre" para motivar aos empregados (vaia un empresario!) e tamén nos unimos á conmemoración do Día Internacional contra a ablación de clítoris.
Escoitamos a Silvio Rodríguez, a Lluís Llach e a Madredeus e falamos dunha nubeciña que Solange enviou dende Brasil. (Moitas grazas de novo), recitamos a Kavakis e a Curros Enríquez e comentamos o chamado Método Burela de planificación lingüística.
No capítulo de persoas non gratas falamos de Jesús Vázquez, conselleiro de educación premiado polo Opus Dei, a Rosa Díez, moderna e pexorativa, a un cura de Toledo amante da pornografía.
E tamén viaxamos a México para visitarmos o “cenote” de Dzinup e comentamos a obra de Gerald Durrell, e reflexionamos acerca dos nosos computadores e do importante labor que desenvolven os tradutores no mundo da literatura (isto último, non o dixen no seu momento, en homenaxe a Eva Lozano, tradutora dos meus libros ao castelán e o catalán).
E xuntos contemplamos abraiados a obra de Michel Ocelot, Príncipes e princesas, de Hans Sylvester acerca da tribo africana de L’Omo e unha fermosísima película de animación de Amnistía Internacional, O peso dunha sinatura.
E non fixemos máis porque o mes de febreiro non é tan longo coma os outros.
Que se o fose aínda máis faríamos.
Comentarios (5) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 29-12-2010 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado xaneiro
Inauguro categoría para vos convidar a reflexionar acerca de todo canto temos falado ao longo deste ano 2010 que agora remata.

Non pretendo, non teñades medo, redactar un índice.

Ofrécennos a televisión, a prensa, as emisoras de radio... anuarios variados de todo canto aconteceu ao longo do ano.

Por que non facer nós o mesmo?

Comezabamos este 2010 que xa vai vello e remata con música de Fred Astaire e de Fuxan os Ventos e laiándonos dos brotes racistas da Italia berlusconiana e do peche da conserveira Alfageme, cando nos vimos de súpeto sorprendidos polo terremoto que esgazou Haití de punta a punta. Puxémoslle música de Gustave Mahler (A canción da terra) para preguntarnos polo porqué desa gran inxustiza.
Entón comezaron para o noso aldraxe os graves conflitos que o goberno de Núñez Feijoo creou arredor da nosa lingua, desta materia prima coa que tecemos soños e construímos literatura case sen os decatar.
Comezaba tamén polo xaneiro a conmemoración do centenario do meu admirado Miguel Hernández. Iso deunos pé para podermos falar de canto nos gustaban as Nanas de la cebolla.
Pechamos o mes coa morte de J. D. Salinger, cunha fermosísima canción de Alan Stivell, cos Funeral Blues de W. H. Auden, coa Oda al día Feliz de Pablo Neruda e co 65º aniversario da liberación do campo de exterminio de Auschwitz, declarado polo ONU Día Internacional para Honrar a Memoria das Vítimas do Holocausto.
Falamos tamén en xaneiro da recomendación que Eva Carpente escribiu para o blog de Galaxia acerca de A Praia dos afogados e das miñas prantiñas recén podadas.

Anda que non falamos nin nada!

Comentarios (5) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 29-12-2010 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
De Banksy e o museo da rúa
Ninguén sabe quen é Banksy, pero se trata dun dos artistas máis internacionais deste noso mundo para ben ou para mal tan globalizado.

En realidade tamén se di que Banksy non é unha única persoa senón un grupo de artistas, pero non sei até que punto isto pode ser certo, xa que hai testemuñas que din que ten o cabelo louro e é inglés, de preto da cidade de Bristol.

O máis interesante de Banksy, de todos xeitos, e ademais da enorme calidade da súa obra ás veces efémera, é precisamente este anonimato que lle permite moverse dun país a outro sen levantar sospeitas nin arremuiñar ao seu redor unha nube de críticos de arte e fotógrafos de prensa.

A súa obra (a súa pegada) vai ficando por todos os lugares polos que pasa, polo que non necesita de galerías nin museos.

O museo é a rúa.

E iso é o que a fai grande.

Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 29-12-2010 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
A historia do nadal
Falabamos estes días, como non, do nadal e chegou ás miñas mans, máis ben ao meu correo, este pequeno video que reinterpreta en clave informática/tecnolóxica a famosa historia bíblica da natividade.

Un divertimento moi ocurrente, moi ben levado e moi acorde con esta época do ano.

(Por certo, que é o anuncio da compañía portuguesa excentric, especialistas en desenvolvemento dixital.)

Comentarios (7) - Categoría: Querida publicidade - Publicado o 27-12-2010 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
Unha maldita árbore de nadal!
Fixádevos na fotografía que achego.

Trátase da árbore de nadal do hotel Emirate Palace de Abu Dhabi, un país onde o nadal cristián non se celebra porque é oficialmente musulmán.

O piñeiro, nun país onde non existen os piñeiros, polo que houbo ser importado, mide trece metros de alto e ten 131 adornos.

O peor de todo é a inmoralidade do seu prezo: 8'3 millóns de euros (ou 11 millóns de dólares USA)!

Está adornado con alfaias e reloxos de ouro, con dimanates e con zafiros!

Nun mundo onde hai xente que non ten cartos nin para comer, nin para ter un fogar, nin para curar unha maldita enfermidade terceiromundista desas que son curábeis neste primeiro mundo!

Non teño máis comentarios!
Comentarios (6) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 24-12-2010 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
Así foi este ano a piques de rematar
Está a rematar este ano 2010 e cando se fai balance nota u que foron milleiros as cousas que aconteceron arredor do mundo enteiro.

Convídovos a que vexades a selección de fotografías que fai o New York Times porque merecen polo menos un pouquiño de tempo e algo de refexión.

Bo nadal!
Comentarios (7) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 24-12-2010 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
De Christo Javacheff e as súas embalaxes
Agora que estamos en tempo de agasallos e de embalaxes feitas con fermosos papeis non podo menos que evocar o artista que se dedica a "embalar" grandes monumentos e mesmo paisaxes completas.

Falo de Christo Javacheff, normalmente coñecido como Christo, a secas, que normalmente traballa na compaña de Jean Claude, a súa esposa.

Se queredes visitar unha boa colección da súa obra podedes facelo dende aquí ou dende aquí.

Destaco o "empaquetado" da Pont Neuf de París ou do Reichstag de Berlín.

Prodúceme verdadeira admiración que alguén poida realizar un traballo tan singular e tan efémero, un traballo que só vai durar un tempo e do que para a posteridade apenas van quedar unhas fotografías.

Para cando o "empaquetado" da Catedral de Santiago?

Encantaríame vela!
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 20-12-2010 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal