Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

aquel alumno aplicado
Esta foto é do escaparate dunha tenda do casco antigo da cidade de Coimbra. Fíxena o día 2 de marzo de 2014 e inspirou este texto:

aquel alumno aplicado

en medio do rebumbio
os profesores puxeron en venda aquel alumno aplicado (quen dá máis?) pero ninguén poxou

colgáronlle o letreiro de alúgase
pero tampouco ninguén o alugou

nin unha bágoa abrollou dos seus ollos (tan traballadores tan estudosos)

desterrárono ao recuncho máis perdido do almacén agachado entre batas, vestidos, pixamas e pantalóns

(os ollos sempre abertos nunca deixou de mirar cara un futuro
que endexamais acadou)
Comentarios (0) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 30-11-2014 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
ao día seguinte

Esta foto fíxena na alameda de Caldas de Reis un día calquera de setembro do ano 2012 e dela naceu este texto:

ao día seguinte

e que pasou ao día seguinte?

ao día seguinte espertamos con sabor metálico na boca, con milleiros de ecos a nos bourar nos miolos, cunha gorxa que pedía auga de puro seca, cunha cabeza chea de interrogacións… ou exclamacións… ou interxeccións… que era?

ao día seguinte demos outra volta na cama para nos permitir soñar un pouquiño máis…

ao día seguinte preguntámonos se pagaba a pena abrir os ollos naquela claridade que fería

entón, dixeches…
entón…
agasalláchesme de verdade cunhas landras?

din outra volta
e seguín a durmir


Comentarios (0) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 27-11-2014 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
De vagar
No verán de 2013 na cidade portuguesa de Viana do Castelo fixen esta foto no interior do barco Gil Eanes e a partires dela naceu o texto que vos presento, titulado De vagar.

pouquiño a pouco
paseniño
de vagar
así foi como descubrimos que as palabras nosas eran (quizais) as mesmas
a mesma cor
o mesmo son
que as mans nosas eran quen de se entrelazar
(dedo a dedo)
unha morea de veces máis
que a respiración nosa era canto acompasado
anuncio de moitos abrentes que (aínda) habían de chegar
foi así
pouquiño a pouco
paseniño
de vagar
Comentarios (3) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 26-11-2014 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Do libro O soño galego de Julio Cortázar
Acaba de chegar ás miñas mans o libro O soño galego de Julio Cortázar de Francisco X. Fernández Naval, publicado por Edicións Linteo, un moi interesante estudo sobre a presenza do grande Cortázar na literatura galega contemporánea agora que se celebra o centenario do seu nacemento.

Quixera agradecer de corazón as páxinas dedicadas polo autor á miña obra, en especial aos meus libros As humanas proporcións e Shakespeare destilado.

Di Fernández Naval que neles atopa "pegadas de Julio en acción", especialmente no relato "Non escoites a Giovanna", e pregúntase "que vínculos, casualidades, encontros a deshora ou botellas ao mar da nube dixital, non tería provocado Cortázar".

Unha dobre honra para min como escritor: a presenza de pegada de Cortázar na miña escrita e o feito de aparecer nun libro, o de Fernández Naval, que de verdade recomendo.
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 19-11-2014 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal