Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

O Gudea de Lagash
O Gudea, ensi ou patesi era algo así como un rei-sacerdote da cidade de Lagash, un cargo que polo visto exerceu ao longo duns vinte anos (2144 a.C.-2.124 a.C.) no periodo que na arte se coñece como neosumerio.

Durante o seu reinado amosou máis interese pola cultura (especialmente a literatura) que pola guerra, algo nada habitual na época que lle tocou vivir.

Só tiña un defecto: era un ególatra de tal calibre que se conservan coma vinte e tres estatuas súas en diferentes posturas.

Grazas a iso o seu rostro chegou a nós a pesares do paso do tempo.

A imaxe que vos achego pertence a unha desas estatuas, por suposto de autor anónimo, que se atopa no Museo do Louvre.

Por que a achego?

Pois porque cando enviei o meu Libro das alquimias ao premio Torrente Ballester o pseudónimo que utilicei na plica foi precisamente o de "Gudea, príncipe de Lagash".

E deume sorte.

Fóra do anecdótico é unha estatua que sempre espertou a miña admiración (quizais por iso de que está sentado coma a miña avoa Manola, sempre coas pernas tapadas cunha manta...)

Ególatra ou non, admiro esa parte cultural do reinado deste Gudea. Moitos políticos actuais deberían de tomar boa nota.

A cultura sempre é máis importante cá guerra.

É máis: a cultura pode evitar moitas guerras!


Comentarios (7) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 30-11-2010 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Milton Nascimento: Coração Brasileiro
Xa vedes.

Toca corrixir exames.

Que se lle vai facer!

Estaba a escoitar esta canción marabillosa de Milton Nascimento e decidín compartila convosco.

Ten unha letra realmente fermosa polo son brasileiro.

É esta:

No meu coração brasileiro, plantei um terreiro, colhi um caminho
Armei arapuca, fui pra tocaia, fui guerrear
Meu coração brasileiro, anda de lado, manca, inclinado
De norte a sul a vida é o rumo que é mais procurado
Quando é de noite a vida silencia abro no peito três olhos pro céu
Nasço da luz de que nasce o dia
Eu sigo manco meu pé tem gabarro, minha crista tem gogo fiz minhafé com tijolo de barro
Mas não regulo minha veia com isso, quando é de noite na vida, eu me esguicho
No vão do espaço de procurar, o coração que for brasileiro
Faço, capina, chumbo a cravina, quero alegria, quero alegrare-e
E-e-e e-e-e e-e-e e-e-e e e-e-e e-e-e e-e-e
A vida fervi na cuia do tempo, quem espera a dor não viaja no vento
Ranguei a hora do chão do momento, nasci de manhá, e o sol veio olhar
Brilhou meu setembro, fiquei no lugar, mais cedo que a vida, fui trabalhar e-




Comentarios (5) - Categoría: Sala de música - Publicado o 29-11-2010 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Coidado: Somos hipoteca!
Naceu da man do capitalismo un novo xeito de escravitude.

Somos hipoteca!

Os bancos e as entidades crediticias todas, da man dos gobernos que o toleraron, concederon cartos e máis cartos a calquera que os pedise para teren a poboación amarrada a eles de por vida.

Somos hipoteca!

Pero chegou a crise maldita.

Somos hipoteca!

E caeron os empregos...

E a poboación continúa encadeada a esta economía agresiva coa que nos tocou convivir.

Somos hipoteca!

Hai familias nas que todos os membros perderon o traballo pero continuan ligados de por vida aos bancos que lles concederon os cartos para comprar unha vivenda que tamén perderon.

Somos hipoteca!

Isto funciona así: Se non lle pagamos ao banco o diñeiro que nos prestou ten dereito a embargarnos. E logo subasta a propiedade embargada. E se na tal subasta non saca a cantidade que nos prestou (que é o normal dada a sobretaxación ocasionada pola famosa burbulla inmobiliaria) estamos obrigados a seguir pagando e pagando e pagando...

Somos hipoteca!

Na Roma clásica o amo podía liberar o seu escravo.

Neste capitalismo feroz que estamos a vivir os escravos nunca poderán ser liberados!

Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 25-11-2010 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Da caída da economía irlandesa
Dá medo ver o que vén de pasar coa economía de Irlanda.

Pon os pelos de punta, por iso daquel refrán que dicía o de cando as barbas do teu veciño vexas cortar pon as túas a remollar!

Case vinte e cinco mil funcionarios á rúa. (Hai 361.000 nun país de 4,5 millóns de habitantes)

Baixada das pensións.

IVE do 23 por cento...

Non asusta?

Non corren bos tempos para o optimismo, dicía hoxe alguén na radio.
Comentarios (6) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 24-11-2010 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
Tomasz Bagiński: Fallen Art
Achégovos unha alfaia do director polaco Tomasz Bagiński.

Trátase da película de animación Sztuka spadania, Fallen Art na súa versión internacional.

Nunha base militar do Pacífico conviven oficiais e soldados coa mente ferida por accións do pasado.

O Xeneral A, afeccionado á arte, utiliza para as súas creacións unha técnica de estampado moi persoal.

Coma ben poderedes ver trátase dunha película cargada de simbolismos.



Comentarios (4) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 22-11-2010 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
De Galaxia e o premio da cultura
Coa lingua non valen medias tintas.

Ou nos definimos ou non nos definimos.

Logo do xesto de Agustín Fernández Paz a Editorial Galaxia vén de aceptar o premio da Cultura Galega 2010 no apartado de Promoción Cultural concedido pola mesma Xunta de Galicia contra a que os escritores galegos nos manifestamos varias veces en Compostela ao longo desta triste lexislatura para a nosa lingua.

Quixera lembrar que foi o Conselleiro de Cultura do actual goberno galego, o mesmo que concede eses premios, quen dixo que a cultura galega é unha cultura acomplexada.

Di Galaxia na súa defensa que acepta o premio por tratarse de algo "institucional".

Recoméndovos o artigo que hoxe publica Xurxo Borrazás no xornal El País acerca deste tema baixo o magnífico título de A estrela e os galácticos.

Quixera destacar tres citas sacadas dese artigo porque representan dun xeito pefecto a miña opinión acerca deste tema dos premios da Cultura Galega 2010:

Galaxia toma a súa decisión aparcando as súas conviccións e representándose a si mesma como sociedade anónima: a censura máis efectiva, e ao tempo elegante, non é a que reprime senón a que acada a dependencia dos censurados.

A Real Academia Galega, da que o presidente de Galaxia é membro, non colaborou na patomima destes Premios-parodia de normalidade. A Asociación de Escritores amosou o seu apoio a Fernández Paz, e non fixo o mesmo coa decisión da editorial. O que as diversas posturas reflicten é que, hoxe máis que hai dous anos, existe unha fenda entre parte dos creadores e parte dos xestores do traballo deses creadores.

felicitamos a Agustín Fernández Paz, máis grande que nunca, e agradecémoslle que nos retratase a todos, sen focos, nin cámaras, nin excesiva acción.

Moi ben expresado Xurxo!

Grazas por poñeres voz ás miñas opinións!







Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 19-11-2010 18:18
# Ligazón permanente a este artigo
Do gran xesto de Agustín Fernández Paz
Propoño un brinde polo gran Agustín Fernández Paz, gran escritor e mellor persoa, que non só achegou e achega día tras día novos lectores á nosa literatura senón que vén de rexeitar a aceptación do Premio da Cultura das Letras concedido pola Xunta de Galicia por mor do acoso desa institución á lingua de nós, á materia prima coa que Agustín dende sempre expresou os seus soños en moreas de libros moi ben escritos.

Xestos coma este de Agustín son motivo de honra para todos aqueles que cremos na lingua e a utilizamos para a nosa producción literaria.

Un gran xesto para a literatura de nós!

Veña un grolo por Agustín!
Comentarios (10) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 17-11-2010 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
Os Americanos de Berlanga

Non podo evitar achegar hoxe ao Tiñádelo que ver a nunca esquecíbel canción Americanos da película Bienvenido Míster Marshall de Luís García Berlanga a xeito de homenaxe o día que soubemos da súa morte.

Un día destes achegarei tamén algunha parte d'O Verdugo, unha das miñas películas favoritas en toda a historia do cinema, un luxo de guión cheo de sarcasmo e de crítica.

Vaia un grolo polo director e por unhas películas boas onde as haxa!

Comentarios (3) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 13-11-2010 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
Da represión no Sahara

Ollade a demoledora imaxe que vén hoxe na prensa.

Así quedou o campamento de Gdeim Izik tras a entrada das forzas marroquinas.

O Polisario fala de 11 mortos, 723 feridos e 159 desaparecidos.

David e Goliath!

Vaia unha inxustiza!

Viva o Sahara libre!

Comentarios (10) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 09-11-2010 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
De volta
Logo dunha semaniña sen aparecer polo Tiñádelo que ver xa estou de novo por aquí.

Foivos unha semaniña de traballo intenso para ver de dar un necesario pulo á novela na que estou a traballar e que, por certo, aínda non ten título.

Cando nos vimos por última vez era o tempo do samaín e dende aquela pasaron moitas cousas.

Quizais a máis rechamante sexa a visita do Papa a Santiago, que parece que non tivo a afluencia de público que as autoridades agardaban (aquí unhas risas, non?)

Que me dicides das cousas que ese home soltou pola boca?

Que vos parece esa xoia de frase acerca das mulleres: "que a muller encontre no fogar e no traballo a súa plena realización"

Pero en que século vive este personaxe?

Mais por detrás da visita do Papa hai outra noticia que parece non dar moito que falar na prensa a pesares da súa gravidade: a situación de estrema violencia que está a vivir o pobo saharaui nos seus campamentos ante a pasividade do mundo enteiro.

Falaremos máis deste tema porque é algo que me quita o sono.







Comentarios (5) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 08-11-2010 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal