Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Cinco días de ausencia
O Tiñádelo que ver queda pechado por unha viaxe a Burdeos até o vindeiro martes 1 de febreiro.

Vémonos á volta!
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2011 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Leonard Cohen: Take This Waltz
Hoxe marcho para a cidade de Burdeos e déixovos como despedida esta canción de Leonard Cohen titulada Take This Waltz, que é unha adaptación dun fermosísimo poema de Poeta en Nueva York de Federico García Lorca titulado Pequeño vals vienés e que comeza así:

En Viena hay diez muchachas,
un hombro donde solloza la muerte
y un bosque de palomas disecadas.
Hay un fragmento de la mañana
en el museo de la escarcha.
Hay un salón con mil ventanas.
¡Ay, ay, ay, ay!
Toma este vals con la boca cerrada.
Este vals, este vals, este vals, este vals,
de sí, de muerte y de coñac
que moja su cola en el mar.
Te quiero, te quiero, te quiero,
con la butaca y el libro muerto,
por el melancólico pasillo,
en el oscuro desván del lirio,
en nuestra cama de la luna
y en la danza que sueña la tortuga.
¡Ay, ay, ay, ay!
Toma este vals de quebrada cintura.


Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 25-01-2011 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
As cortidorías de Marrakech (Marrocos)
Este que vos achego é un dos recunchos do mundo que puiden visitar e me deixou realmente impactado.

Para chegar a estas cortidorías da cidade de Marrakech cómpre primeiro saír dos lindeiros da cidade, achegarse a esa parte que ninguén quere visitar, onde ninguén desexa vivir.

Tal é o cheiro que se respira!

(Un dos ingredientes utilizados no proceso é ácido sulfúrico)

Para entrar cómpre levar debaixo do nariz algo que poida contrarrestar o ulido que desprenden as peles metidas en líquidos que semellan putrefactos.

É un traballo que ninguén quere: estar metido todos os días neses líquidos nauseabundos até os xeonllos.

E comer nunha casa que ten o mesmo cheiro...

E durmir nela...

Por un salario tan malo como o propio ar que se respira.

Chamáronme a atención uns nenos a bañarse nunha poza de auga porcallenta completamente alleos á miseria do lugar onde se atopaban. Estábano a pasar moi ben, parecía.

Son pequenos traballadores das cortidorías, fillos á súa vez de familias que traballan alí...

E non precisamente por desexo.

Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 24-01-2011 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
Simón subido á columna
Simón (ou Simeón) o Estilita (de stylé, columna en grego), viviu entre os anos 390 e 459 nun lugar coñecido como Cilicia no que é a actual Siria.

Coma ben puidestes quizais adiviñar foi o inventor do cilicio.

Mais non o traio aquí por iso.

Non.

Tráioo porque pasou trinta e sete anos da súa vida subido a unha columna de entre tres e dezasete metros de altura (hai disparidade de opinións), da que se conserva unha parte da base nun templo de Siria, para levar unha vida de oración sometido ás inclemencias do tempo.

Un día subiu e non volveu baixar até que morreu.

Pola noite suxeitábase a unha enorme cadea para non caer.

Subiu porque non quería que a xente o molestase mentres meditaba.

Máis singular ca iso non hai nada, non credes?

Por certo, que hai unha película moi boa de 1965 de Luis Buñuel titulada Simón do deserto unha parodia da vida deste home tan curioso. É unha xoia e achégovos unha escena ao tempo que vos recomendo vela enteira.





Comentarios (7) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 23-01-2011 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
O non nariz de Gaston Julia
Propón Eva Lozano que falemos de Gaston Julia (Sidi Bel Abes, Alxeria, 1893 - París, 1978).

E falarmos de Julia é falarmos de fractais.

Un fractal é un obxecto semixeométrico que ten unha estrutura básica, fragmentada ou irregular que se repite a diferentes escalas.

Un fractal pode ser unha folla dunha árbore e pode ser tamén un diamante. Un fento do monte évos un fermoso fractal.

Un fractal pode ser unha molécula de xeo e pode ser o cristal roto dun vaso da lacena da cociña, ese que tanto nois gustaba no intre de beber un groliño de auga.

Será a molécula de auga un fractal tamén?

Falou deles por vez primeira o amigo Gaston Julia, o persoeiro singular que hoxe nos ocupa.

Pero tivo mala sorte, coma moitos outros xenios.

Non lle fixeron caso.

Non interesaban os fractais no seu tempo. Non estaban de moda!

Con vinte anos Gaston tivo que ir á maldita primeira guerra mundial.

E perdeu o nariz.

E operárono moitas veces pero nunca puideron reconstruíla.

Gaston Julia tivo dende entón un non nariz.

Ao longo da vida enteira Gaston Julia utilizou unha máscara.

Mais non por iso deixou de ver fractais por todas partes.

Se fosemos nenos pequenos de seguro que nos daba medo.

Se fosemos pequenos curiosos non deixariamos de miralo ao cruzarnos con el pola rúa.

E el ollaríanos cunha mirada xélida, conxelada. Unha mirada cargada de fríos fractais.
Comentarios (5) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 21-01-2011 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
francohamuerto.com
Acaba de nacer francohamuerto. com, unha plataforma en apoio de Baltasar Garzón, expulsado da carreira xudicial española logo de intentar investigar os crimes do franquismo.

Un dos impulsores da plataforma é o actor e cómico Leo Bassi, que onte en Madrid fixo unha presentación sobre un Valle de los caídos inflábel como eses que os nenos usan nas festas para saltar.

Chamoulle "Francolandia" e convidou o público a saltar.

Dixo que se trataba dun exorcismo.
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 20-01-2011 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrol para os chineses

Veño de saber que a miña cidade, Ferrol, para o Google dos chineses segue a chamarse El Ferrol del Caudillo!

Manda truco coas novas tecnoloxías!
Comentarios (5) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 20-01-2011 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
As teorías de Kurt Gödel
Inauguro categoría: Persoeiros singulares.

Falaremos nela deses personaxes que por algún motivo merecen a consideración de "persoas gratas" pola súa vida, polo seu traballo ou... polo que sexa.

Por suposto admítense suxestións.

Comezarei con Kurt Gödel (Brno 1906-Princeton 1978), o home da fotografía.

De profesión lóxico (que xa é), matemático e filósofo.

Naceu no que hoxe é a República Checa e morreu nos Estados Unidos cando era profesor na Universidade de Princeton.

Era amigo íntimo de Albert Einstein, quen o visitaba sempre que podía. Dicía Einstein que era un pracer camiñar con el dende a universidade até a súa casa. Intentade imaxinar unha conversa entre ambos os dous, vaia un nivel, non?

E morreu de fame!

E morreu coa meirande parte do mundo científico a darlle as costas!

Por que?

Pois por culpa dunha súa hipótese, que, resumida, vén dicir algo así como que "nada de todo canto está demostrado pode realmente demostrarse", dito doutro xeito: ningún teorema pode realmente demostrar a súa veracidade absoluta, o que bota por terra todo canto se ten teorizado até agora!

Nos seus últimos días sufriu a obsesión paranoica de que podía ser envelenado, e non comía a menos que a súa esposa Adele probase a comida antes ca el. A finais de 1977 Adele foi hospitalizada durante seis meses e non puido continuar a probar a comida de Kurt.

Kurt negouse entón a comer... e morreu de inanición!

Singular, non si?
Comentarios (7) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 19-01-2011 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
Baby Doc: o único que lle faltaba a Haití!
Este home da fotografía, Jean-Claude Duvalier, Baby Doc, fillo de François Duvalier, Papa Doc, foi presidente de Haití ao longo de quince anos e regresou ao país logo de vinte e cinco anos de exilio en Francia (xa lles vale tamén aos franceses!)

Human Rights Watch e outras ONG pediron a súa detención polas violacións de dereitos humanos cometidos durante os seus anos no goberno.

Estes son os estarrecedores datos:

- Entre baby Doc e seu pai Papa Doc, autoproclamado emperador, fixeron matar entre vinte ou trinta mil haitianos!

- Crearon e mantiveron unha forza paramilitar chamada "Tontons Macoutes" para manter a poboación sometida aos seus antollos.

- Fixeron de Haití o seu couto privado e Baby Doc fuxiu do país cunha cantidade de diñeiro que duplicaba o produto interior bruto.

Por que volveu a Haití agora este depravado?

Sobre ese país non deixan de caer desgrazas!

Comentarios (6) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 18-01-2011 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de X. M. Eyré sobre a Cidade da CUltura
Recoméndovos a lectura dun artigo colgado por X. M. Eyré no seu blog Ferradura en tránsito acerca da recente inauguracíon de dous edificios da Cidade da Cultrura no Monte Gaiás de Santiago.

Non podo estar máis de acordo.
Comentarios (5) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 17-01-2011 14:25
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal