Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Da presentación de Shakespeare destilado en Rianxo
Onte Rianxo era un mar de chuvias.
Chuvia pola auga que caía a caldeiros á miña chegada á vila.
Chuvia de amizade no auditorio mentres presentabamos a novela ante un público verdadeiramente acolledor.
Un amigo: Víctor Freixanes e outro amigo: Antón Riveiro Coello.
Víctor é un verdadeiro artesán da palabra. Remodela o discurso unha e outra vez e sabe transmitir o que quere. Sempre son de agardecer as cousas que di de un!
Antón é unha persoa boa mírese por onde se mire, ademais dun escritor que goza de toda a miña admiración. Que dous bos compoñentes para crear un gran personaxe!
Con eles dous todo tiña que ir como foi: rodado.
Na presentación tocaron catro rapaces rianxeiros: piano, marimba e trompetas. Un luxazo para os oídos.
O auditorio de Rianxo, que ten coma un mes de andaina, é un deses edificios que de seguro que vai dar unha máis que interesante vida cultural á vila. Por certo, que a escultura que hai na parte de atrás, feita segundo boceto de Isaac Díaz pardo, é unha marabilla.
Aínda que quen vai levar o máis grande agradecemento pola miña parte é a Asociación Cultural Barbantia, de quen admiro, de verdade, o seu traballo.
Tiven o grande placer de cear con algúns dos seus socios nunha desas ceas onde se esquecen os reloxos e non se para de falar. Outro luxo!
Longa vida a Barbantia!
Comentarios (5) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 31-01-2009 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
Do clube de lectura do IES de Poio

Hoxe tiven a honra de conversar coas rapazas que forman parte do clube de lectura do IES de Poio acerca do meu Libro das alquimias.
Grazas mil polas súas preguntas e comentarios e grazas á profesora Anxos Rial, que me convidou a participar nas actividades da biblioteca.
Veña un grolo por elas todas!
Comentarios (7) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 29-01-2009 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
Dos meniños soldado 2
Velaí deixo unha arrepiante nova publicada hoxe por El País.
Hai cousas duras que apenas ocupan un escaso espazo nos xornais, arrecunchadas nese lugar onde as barbaridades case pasan desapercibidas.

Volverán falar de ti, meu neno?

Serás noticia?
Comentarios (0) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 29-01-2009 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
De Rianxo
O día trinta deste mes, venres, vou estar en Rianxo para presentar o meu Shakespeare destilado con Víctor Freixanes e con Antón Riveiro Coello, ás oito e media, no Auditorio, nunha presentación organizada pola Asociación Cultural Barbantia.
Falarei de como Shakespeare, William, se me apareceu unha noite calquera ás portas do meu propio cuarto de baño e de como intercambiei con el interesantes opinións acerca de como a literatura nace da cerna mesma de un mesmo, de como non hai barreiras posíbeis para a creación literaria, de como toda obra literaria ten multitude de lecturas, porque dende o momento mesmo en que nace deixa de ser propiedade do autor para selo do público que a le, que a vende, que a consume, que empaqueta con ela as últimas compras que fixo no mercado.
Veña un grolo, logo, por Antón Riveiro Coello e pola Asociación que preside!
Veña un grolo por Rianxo!
Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 29-01-2009 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
Dos meniños soldados
Dóeme África dende que perdín a inocencia das películas de Tarzán.
Dóeme e sinto a punzada no máis fondo de min. Nótoo nese regueiro de xente que intenta fuxir dela acotío polos medios maís diversos na procura dun soño que non existe.
Dóeme esa África das guerras infinitas onde moitas veces os soldados son meniños.

Unha cita de Ébano, de Ryszard Kapuscinski:

"En África os cativos levan anos, moitos, moito tempo, matando a outros, en masa. A dicir verdade, as guerras que se libran neste continente son guerras de nenos"

Arrepíame pensar que poida existir un meniño obrigado a empuñar unha arma nunha guerra que non comprende nin vai comprender nunca, se é que sobrevive.

Outra cita do mesmo libro:

"Son guerras de choque directo, de contacto físico (...) os pequenos dispáranse a queimarroupa, a un paso uns dos outros. Os efectos son aterradores. Morren os que caen fulminados no campo de batalla e axiña acaban morrendo tamén os feridos: de hemorraxias, de infeccións e por falla de medicinas.”

Non son capaz de concibir un pesadelo desas características, un mal soño tan arrepiante.

O mundo non vale para nada!
Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 28-01-2009 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
Interesantes preguntas
Na súa bitácora Ferradura en tránsito formula X.M. Eyré varias interesantes preguntas:
Que é a literatura galega?
Que é a literatura?
Esta última arranca dun parágrafo do meu Shakespaare destilado:

"Todo apunta a que as letras, meu, as palabras, non están escritas senón vomitadas. Vomitadas?, pregunteille eu ao Willy. Como que vomitadas? Si señor. Vomitadas, devoltas, trousadas. Chámalle como queiras." (páx 113)

É a literatura unha vomitona?
Poderá ser a literatura unha borracheira?





Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 28-01-2009 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de John Updike
Acabo de saber da morte de John Updike.
Marcha un dos grandes.
Veña un grolo por el!
Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-01-2009 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
LÉOPOLD SENGHOR. Os meus pés en África
Hoxe quixen sentir os meus pés pousados en África.
Vou deixar caer, así coma quen non quere a cousa, unha manchea de versos do poeta senegalés Léopold Sédar Senghor, tal como caen as follas das árbores cando brúa o temporal.

"Falabamos de África.
Un vento quente traía a súa esencia máis cálida de femia negra...
"

Senghor foi o gran poeta da negritude, da rebeldía contra a colonización e a escravitude, da loita contra o sentimento de exilio e desamparo, do canto á herdanza dos devanceiros e ás tradicións ancestrais.

Loados sexades, meus pais, loados sexades!
Vós que permitistes desprezos e burlas, as ofensas corteses, as alusións discretas
e as prohibicións e as segregació
ns”,

Ollade como morre a África dos Imperios – é a agonía dunha princesa que dá mágoa

Ulide África. Saboreádea.
África é terra, “sabana de horizontes purísimos, sabana estremecida nas caricias ferventes do vento de levante...”.
África é a terra dos ocres amarelentos das areas do Sahel, a terra dos ríos e dos manglares, a das montañas e os baobabs, a dos bosques de caoba, teca e bambú, a da música e os rabaños... “Escoitemos o seu cántico, escoitemos como latexa o seu sangue sombrío, escoitemos / como latexa o pulso profundo de África / en medio da bruma dos poboados perdidos”.
Pero tamén é xente.
África é “o son oloroso, o perfume afroitado, o ulido agridoce do fogar abandonado”).

Hoxe quixen sentir os meus pés en África.
Grazas, Léopold Senghor.
Moitas grazas pola viaxe!
Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 27-01-2009 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Poemario de Carlos Fontes
UTOPÍA e poesía
riman máis alá
do significante
.”


O amigo Carlos Fontes presenta este vindeiro venres 30 de xaneiro ás 20:30 horas o seu poemario Quero colo, editado por Espiral Maior, na cafetería da Fundación Caixa Galicia (antigo Café Moderno) de Pontevedra.
Organiza o acto o Ateneo de pontevedra e participarán, ademais de Carlos, Miguel Anxo Fernán-Vello, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo e o amigo Francisco Castro. E como remate da presentación terá lugar unha actuación do grupo de música tradicional Tanxedoras.

Deséxolles a Carlos e aos seus poemas a mellor das singladuras!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 27-01-2009 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
Textos e gramática en MURIEL BARBERY

Na "Idea Profunda nº 10" do libro A elegancia do ourizo de Muriel Barbery aparecen dúas reflexións que comparto ao cen por cen.
A protagonista fala da súa profesora de lingua:
"Con ela, parece que un texto se escribise para que se poidan identificar os personaxes, o narrador, os lugares, as peripecias, os tempos da narración, etc. Coido que non lle pasou nunca pola cabeza que, ante todo, un texto escríbese para ser lido e para provocar emocións no lector. Para que vos fagades unha idea, nunca nos preguntou: “Gustouvos este texto/ este libro?"
Un alumno da clase pregúntalle máis adiante á profesora para que serve a gramática. Ela contéstalle que “para falar e escribir ben”.
A protagonista reflexiona: “Dicir a uns adolescentes que xa saben ler e escribir que a gramática serve para iso é como dicirlle a alguén que ten que ler unha historia dos cuartos de baño a través dos séculos para facer pis e caca.”
Non son dúas reflexións magníficas?
Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-01-2009 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal