Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Seán Clárach Mac Domhnaill: Mo Ghile Mear (O meu valente amor)
Seán Clárach Mac Domhnail (1691-1754) foi un poeta irlandés que escribiu un fermosísimo poema de amor titulado Mo Ghile Mear (O meu valente amor), un referente da literatura en lingua irlandesa.

Tiven a inmensa sorte de visitar Irlanda en moitas ocasións e a sorte aínda maior de contar con grandes amigos por esas terras coas que tantas cousas compartimos.

Este mesmo verán que acaba de rematar pasou uns inesquecíbeis días na miña casa de Poio o meu admirado amigo Ger Wolfe coa súa familia e un día falamos deste marabilloso poema escrito para ser cantado e non recitado dentro da tradición aisling.

Na poesía aisling, Irlanda aparécese ao poeta con forma de muller nova ou vella, fermosa ou non. En xeral esta muller chámase Spéirbhean (muller celestial) e fala co poeta para se laiar do estado no que se atopa o pobo irlandés e para predicir que os tempos van cambiar para mellor.

Mo Ghile Mear (O meu valente amor) fala dun lamento da deusa Eire polo pretendente ó trono de Gran Bretaña Charles Edward Stuart, que daquela estaba no exilio.

Velaí vai a estribillo:

Sé mo laoch mo Ghile Mear
‘Sé mo Shaesar, Ghile Mear,
Suan ná séan ní bhfuaireas féin
Ó chuaigh i gcéin mo Ghile Mear.


e unha tradución ao galego (que non é da miña autoría):

El é o meu campión o meu Valente Amor,
É o meu César, un Valente Amor
Non teño descanso nin fortuna
Dende que o meu Valente Amor marchou moi lonxe.
Unha vez fun doncela solteira
Mais agora son unha viúva acabada
O meu consorte está arando nas ondas
Moi lonxe sobre os outeiros.
Cada día estou aturando a constante dor
Chorando amargamente e agromando bágoas,
Porque o meu home deixoume
E non hai novas del, mágoa.
O cuco xa non canta ledo despois do mediodía,
E os ladridos dos cans non se oen nos nogueirais,
Ningunha mañá de verán no neboento val
Dende que o meu home se foi de cabo min.
Valente Amor por un tempo na tristura,
E Irlanda enteira baixo capas negras;
Non teño descanso nin fortuna
Dende que o meu Valente Amor marchou moi lonxe.


Achégovos un video cunha versión de Mary Black, Mary Ann Kennedy, Karan Casey, Karen Matheson, Ailean Dòmhnullach e Iarla Ó Lionáird

Pechade os ollos e deixádevos engaiolar pola música...

Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 03-10-2012 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
De Maria Aurèlia Capmany: Cant de l'enyor

Unha amiga laiábase un destes días no seu Facebook de que tras da recente morte de seu pai tiña o corazón esnaquizado e aínda había de pasar un tempo antes de que se lle recompuxese (polo menos un pouco).

Os seus laios leváronme a lembrar un máis que fermoso poema da poeta/novelista/actriz/tradutora (abraiante muller polifacética) Maria Aurèlia Capmany: Cant de l'enyor (Canto da saudade), para o meu gusto o máis fermoso que se escribiu acerca da perda e da saudade tras da morte dunha persoa querida, e que coñecín a través dunha versión fascinante de Lluís llach na que canta acompañado por Maria del mar Bonet e Marina Rosell.

Velaí vos vai en catalán:

Ni que només fos
per veure't la claror dels ulls mirant el mar.
Ni que només fos
per sentir el frec d'una presència.
Ni que només fos
poder-nos dir un altre adéu serenament.
Ni que només fos
pel suau lliscar d'un temps perdut al teu costat.
Ni que només fos
recórrer junts el bell jardí del teu passat.
Ni que només fos
perqué sentissis com t'enyoro.
Ni que només fos
per riure junts la mort.
Ni que només fos
poder-nos dir un altre adéu serenament.
Ni que només fos
perquè sentissis com t'enyoro.
Ni que només fos
per riure junts la mort.


E unha tradución miña ao galego:

Aínda que só fose
para ver a claridade dos teus ollos a mirar o mar.
Aínda que só fose
para sentir o roce dunha presenza.
Aínda que só fose
podernos dicir outro adeus serenamente.
Aínda que só fose
polo lene esvarar dun tempo perdido á túa beira.
Aínda que só fose
percorrer xuntos o fermoso xardín do teu pasado.
Aínda que só fose
para que sentises vomo te añoro.
Aínda que só fose
para rirnos xuntos da morte.
Aínda que só fose
podernos dicir outro adeus serenamente.
Aínda que só fose
para que sentises vomo te añoro.
Aínda que só fose
para rirnos xuntos da morte.


Sen máis comentarios (penso que non cómpren), velaquí vai a versión de Lluís Llach da que falaba:



Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 01-10-2012 16:58
# Ligazón permanente a este artigo
Un retrato de Anxo Cabada en Castro Candaz

Este retrato que me fixo Anxo Cabada en setembro de 2011 no cumio das ruínas do que foi o Castro Candaz (hoxe debaixo das augas do encoro de Belesar) vén que nin pintado para ilustrar esta pasaxe da miña novela 15.724:

Unha vez que sentiu recuperadas as forzas botouse a correr de novo outros cantos metros máis para ver de subir a un outarelo dende o que por vez primeira, non sen dificultade, albiscou na lonxanía os muros da Patria, que tal como contaban as lendas semellaban inmensos e infranqueábeis.

Grazas, Anxo!
Comentarios (3) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 30-09-2012 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
De Celso Emilio Ferreiro: Eu son un rei
Dende que fun á presentación do libro (magnífico) Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais 2012) de Ramón Nicolás o pasado venres 28 en Vigo e gocei da actuación de Labregos no tempo dos sputniks teño na cabeza este poema, Eu son un rei (de Longa noite de pedra)

Eu son o rei de min mesmo;
goberno o corazón
na libertá do vento e dos camiños.
Eu obedezo ás miñas propias leises
i os meus decretos sigo ao pé da letra.
Un cetro de solpores,
unha croa de nubes viaxeiras,
un manto avermellado
de soños i esperanzas
no limpo alborexar de cada día,
dame o poder lexítimo do pobo.
Represento aos calados,
interpreto aos que foron
voces da terra nai
nos antergos concellos da saudade.
Eu son un rei.
Un labrego do tempo dos sputniks.


Grazas Celso Emilio!
Grazas Ramón Nicolás!
Grazas Labregos no tempo dos sputniks!

Achégovos, por certo, xa de paso, un video do grupo, Estarei:

Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 30-09-2012 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
www.xesusconstela.com
Convídovos a visitar a miña nova páxina web, que con autoría e deseño do meu fillo Raúl, está en funcionamento dende o pasado día 27 de setembro, data da presentación da miña novela 15.724 en Pontevedra.

http://www.xesusconstela.com/
(Pódese acceder a ela dende un enlace permanentena parte esquerda desta páxina.)

Nesa web poderedes atopar as seguintes seccións: Obra, biografía, textos, novas, galería de fotos, críticas e entrevistas, ademais de poder mercar os meus libros on line.

Grazas polas vosas visitas!
Comentarios (1) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 29-09-2012 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
As tres BBB ou La casa de los novios
hai portas que son coma o túnel do tempo

fóra chove, dentro vai calor

ou ao contrario, choverá no interior mentres suamos no exterior?

cantos pasos atrás darán as agullas dos reloxos cando crucemos esa reixa estea aberta e poidamos internarnos no escuro bandullo do pasado?

hai lugares que se resisten a esmorecer (se non naceron xa esmorecidos)

Onte, na cidade de Vigo, co gran Anxo Cabada (a quen agradezo o roteiro que me fixo polas ruínas e tamén polas belezas da cidade) estivemos a nos deixar levar polo maxín ás portas desta tenda da rúa Policarpo Sanz.

Las tres BBB ou tamén La casa de los novios...

Dos noivos cadáver quizais?

Ai do tempo, que caprichoso!

(Por certo, que a foto é de Anxo Cabada)
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 29-09-2012 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de 15.724 en Pontevedra
Velaquí unha magnífica presentación de fotografías realizada por Anxos Rial para o blog Os Trasnos dos Libros da biblioteca do IES de POIO.

Podedes ver o artigo completo aquí.

Nada mellor que estas imaxes para comezar unha nova tempada que comeza neste Tiñádelo que ver que ten un "new look".

Grazas de todo corazón a Anxos Rial, ao alumnado e mais ao profesorado do IES de POIO que arroupou coa súa presenza unha presentación que xamais esquecerei.

GRAZAS!



Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 29-09-2012 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
Pechado por vacacións


FELIZ VERÁN (dentro do que cabe!)
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-07-2012 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
Peixes na praia de Botafogo
Ollade esta fotografía duns peixes xigantes na praia de Botafogo en Rio de Janeiro, no Brasil.

Están feitos con botellas de plástico recollidas do lixo.

Descoñezo o autor, os autores, a autora, as autoras...

Descoñezo quen tivo a magnífica iniciativa de converter as botellas de auga de plástico en peixes...

Pero si sei que este mundo noso non pode acoller a inxente cantidade, a monstruosa cantidade, de plástico que se utiliza cada día para mil e unha cousas que se poderían facer con outros materiais.

Unha mágoa que sexan tan fermosos estes peixes.

Unha mágoa non poder acabar con este pesadelo de plásticos!

De seguir así isto os únicos peixes que verán os nosos descendentes serán coma estes...
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 22-06-2012 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
De Fran Alonso: Os aforros da vella
Un relato breve (ou un conto para quen prefira) de Fran Alonso que vén moi a conto (valga a redundancia) do que está a pasar cos bancos (e os seus roubos).

Falemos entón un intre de Os aforros da vella, incluído no seu magnífico libro Males de cabeza.

Era teimuda, a vella. Ós fillos custoulles ferro e fariña convencela para que metese os cartos na Caixa de Aforros...

Así comeza.

O que vén deseguido é algo coma a realidade que vivimos.

Á pobre da velliña non lle venderon preferentes.

Non foi necesario...

Lédeo, que paga ben a pena.
Comentarios (1) - Categoría: De literatura - Publicado o 20-06-2012 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [79]
© by Abertal