Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Bali 8: De cremacións
Para os balineses a alma non morre, vai pasando de corpo en corpo até que chega un intre en que se evapora logo de moitas reencarnacións.

Pero para iso ten que pasar moito tempo.

Cando unha persoa morre hai que queimar o seu corpo, a envoltura da alma, para liberala por completo.

Por iso unha cremación, lonxe do que acontece en occidente, é unha gran festa comunitaria, a cerimonia máis grande e a que máis xente convoca.

Explícovos como funciona.

Cando un morre convértese nunha especie de criado dos deuses e ten que traballar para eles sen descanso.

Pero isto só acontece mentres o corpo non se queima como é debido.

Se a familia do morto ten cartos (unha cremación é carísima porque supón unha festa coma unha voda para nós) o cadáver do finado quéimase un día ou dous logo do pasamento.

Pero se a familia non ten cartos cómpre enterralo nun lugar sagrado (non pensedes nun camposanto coma os nosos) coma pode ser a entrada dun templo a Shivá, o deus destrutor.

Entón haberá que agardar para aforrar o diñeiro que sufrague a gran festa ou participar nunha cremación comunitaria, que son as máis habituais e se celebrará o día que un sacerdote decida segundo o calendario balinés, as fases da lúa, e iso.

Eu tiven a gran sorte de estar na illa o día vinte e tres de xullo e puiden ser testemuña de dúas ou tres cremacións colectivas (coma a do video que vos achego) e asegúrovos que son como mínimo impactantes. Un día mesmo chegamos a estar parados ao longo de dúas horas nunha estrada por mor do atasco provocado por unha destas cremacións colectivas.

Varis días antes da cremación a familia vai ao cemiterio para desenterrar o cadáver do seu parente.

(Todo acontece segundo conto no meu relato Lily, incluído n'As humanas proporcións)

Lévano a casa familiar e entre todos vano limpando pouco a pouco até que non queda nada de carne pegada aos ósos. Deseguido envólvenos nunha tea branca inmaculada e xa está todo preparado para a gran festa.

O desfile da cremación ten varias partes importantes: a torre funeraria, que leva os cadáveres que van ser queimados, o cortexo de mulleres con ofrendas na cabeza, a orquestra de gamelán (a percusión balinesa) e a gran torre que porta o sarcófago que vai ser incinerado e ten forma de touro ou león aladode grandes dimensións e por iso todo é tan caro.

Escenifícase entón un ritual sobre a maldade, a bondade, a purificación e a liberación e procédese a prender o lume en medio da alegría colectiva.

Ninguén chora, xa volo dixen.

É un momento de felicidade total.

A alma, por fin, vai ser liberada do traballo para os deuses.

Xa pode voar na procura doutro corpo.

A cerimonia péchase cun gran banquete en comunidade, xeralmente a base de porco asado.

Entendedes por que son tan caras?

Canta máis xente haxa mellor.

Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 24-08-2010 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 Encántame a idea da rencarnación, como algo positivo, como unha evolución da alma. É desas crenzas nas que si me gustaría ter fe, para afrontar a morte con esa alegría e#blgtk08# esperanza que amosa esta xente. O funeral feliz, sen choros, sen ese sentimento de perda absoluta que nos invade, é a idea perfecta para poñer fin a esta vida, non si?
Comentario por Eva Lozano (25-08-2010 11:17)
2 Quando passamos a conhecer outras culturas, conseguimos ver as diferenças impressionantes entre elas. É tudo muito diferente do que eu conheço! Desenterrar os mortos e limpá-los é uma sensação estranha, não consigo me imaginar, passando por e#blgtk08#sta situação.
É dificil, pra mim, entender que a festa seja esta enormidade, quando se morre alguém, mas quando se acredita, ela tem o seu devido mérito! Gostaria sinceramente, que todas a mortes fossem consagrada por uma enorme festa!
Comentario por Solange Villamar Couto (25-08-2010 14:11)
3 abraioume a alegría das cremacións, esa idea da liberación total da alma. Si que ten o se#blgtk08#u aquel a rencarnación como algo positivo. Quen sabe o que poderiamois ter chegado a ser?
Comentario por Xesús Constela (26-08-2010 11:58)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal