Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Entrevista para a revista Qué leer
Velaquí a entrevista que me fixo Ramón Nicolás para a revista Qué leer, nº 191:

XESÚS CONSTELA: NADA MORRERÁ XAMÁIS SE ESTÁ DENTRO DUN LIBRO

XESÚS CONSTELA, TRAS PUBLICAR ESTE ANO 15.724, ANUNCIA A TRADUCIÓN AO CASTELÁN DA SÚA NOVELA SHAKESPEARE DESTILADO. FALAMOS SOBRE ESTES TÍTULOS E SOBRE A SÚA TRAXECTORIA LITERARIA.

Xesús Constela (Ferrol, 1963), licenciado en Filoloxía Inglesa e profesor nun instituto de secundaria en Poio, onde vive, conseguiu a XV edición do Premio Torrente Ballester, e o recoñecemento da Asociación Española de Críticos Literarios na modalidade de narrativa en galego, co libro As humanas proporcións (2004). A este título seguiu a novela Libro das alquimias (2007) e en 2008 vería a luz Shakespeare destilado (próximamente traducido ao castelán en Pulp Books), unha proposta narrativa coa que alcanzou no seu día o premio de Novela Manuel García Barros. A súa última novela é 15.724.

-Que permanece en vostede, como autor, desde os primeiros pasos naquela revista artesanal salmantina dos oitenta até hoxe?
-Permanecen inalterables as miñas ganas de (re)interpretar a realidade e o meu desexo de plasmar esa (re)interpretación sobre un papel. Actúo como unha especie de filtro, permítaseme a comparación: capto a realidade, ou quizais a absorbo, que sei eu, para despois transformala, ou procesala, ao meu xeito, e finalmente liberala en forma de palabras escritas, de literatura, á fin e ao cabo.

-Os premios outorgados o seu primeiro libro, supuxeron o apoio necesario para seguir?
-Os relatos que conforman ese libro non só foron capaces de abrirme o camiño; tamén me indicaron dun xeito moi claro e moi concisa o camiño polo que debía seguir. Gozaron dunha importancia radical na miña vida.

- No seu Libro das alquimias hai moito de metaliteratura?
-Libro das alquimias está habitado por libros que están vivos e bibliotecas que se viron obrigadas a aprender a sobrevivir. Da man dos dous protagonistas, ese neno e ese vello anónimos a conciencia, ao lector convídaselle a camiñar entre libros e bibliotecas, a convivir cos seus inimigos e os seus defensores, e iso é posible por obra e graza das palabras escritas. Nada morrerá xamais se está dentro dun libro que un lector pode coller entre as súas mans?

-A fonte das súas creacións é sempre a realidade procesada? Tamén en Shakespeare destilado?
-É precisamente en Shakespeare destilado onde dun modo máis consciente intentei plasmar a miña visión da creación literaria: Willy, o protagonista alcohólico e admirador dos sonetos de Shakespeare que (re)interpreta, coma min, ao seu xeito, constrúe unha maqueta (o escenario) no salón da súa casa e sobre ela ve aparecer a uns personaxes (Susanna, o Inspector?), que se verán inmersos nunha trama de intriga (e sexo e amor e desamor) que ocupa a segunda parte da novela; todo iso condimentado con grandes doses de ironía e de gin tonics. Neste libro, un longo monólogo que zumega humor polos catro custados, a literatura bébese, procésase estomacalmente e vomítase.

-De 15.724, a súa última novela, destaco persoalmente ese alegato contra a pena de morte e a reflexión sobre as fronteiras entre a cordura e a tolemia?
-A pena de morte é algo que me repugna no máis fondo porque de ningún xeito podo compartir a idea de que unha institución poida ser quen decida cando debe finalizar a vida dun ser humano, independientemente do delito que poida cometer, e 15.724 responde a un desexo de expresar esa repugnancia. E aínda me repugna máis cando o condenado é unha persoa que vive nun mundo propio que ninguén intentou comprender xamais, unha persoa a quen a sociedade deixou de lado? Resultoume duro facelo pero? tiña que dicilo!

Ramón Nicolás
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 13-10-2013 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0