Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

O sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz
Os libros poden chegar a unha biblioteca polos máis diversos camiños.

O Nuevo sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz chegou ás miñas mans por herdanza familiar.

De feito non sei nin sequera cantos anos ten porque non consta en ningures a data de edición nin, por suposto, o momento en que algún devanceiro meu (quen sabe quen?) puido telo adquirido.

Só sei que alguén o mercou na "Librería Académica" do Paseo do Prado, 11, en Madrid.

O Nuevo sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz consta de sous tomos ben grosos de arredor de oitocentas páxinas cada un e contén unha boa morea de ilustracións.

E quen era o tal Doutor F. E. Bilz?

Pois era, segundo di o libro, o director (propietario quizais?) do "Establecemento terápico-naturalista de Dresde-Radebeul, en Alemaña, anunciado como "Sanatorio de primeiro rango", que nas súas instalacións tiña un comedor ao luxoso estilo dos vellos balnearios, un baño de señoras, unha sala de envoltura e masaxe para señores, unha sala de ximnasia e un estanque de natación e recreo (todos eles ilustrados no libro con todo luxo de detalles).

A obra contén 18 láminas (16 delas "alumeadas", supoño que quere dicir que son a cor), preto de 600 figuras intercaladas no texto (refírese a debuxos en branco e negro) e Modelos "alumeados" e desmontábeis. Estes modelos veñen nun sobre que por fóra di que non se debe deixar ao alacnce dos menores porque descreben con debuxos os "aparellos xénito-urinarios masculino e feminino" e mesmo a estrutura interna dunha teta!)

A obra contén, por orde alfabética, os sistemas de curación dunha boa morea de doenzas, dende as máis leves, coma o coidado da dentadura até algunhas máis graves, coma a "morte", pasando por algunhas tan curiosas coma a "masturbación", enfermidade da que o Doutor F. E. Bilz di que "é máis propia do médico de alamas ca do de corpos" (a descrición desta doenza e a súa curación non ten desperdicio).

O tal Doutor F. E. Bilz debía de ser un tipo bastante singular, pois durmía xunto coa súa dona e os seus fillos nun balcón da súa clínica de Dresde tanto no inverno coma no verán.

Dicía que o facía para sempre respiraren aire fresco das montañas!

Fose coma fose nin imaxinades a de bos momentos que teño pasado a ler e a ollar as ilustracións neste libro tan singular.

Unha anécdota: o libro é tan vello que despide un ulido moi característico, polo que hai moitos anos, cando viviamos en Barcelona, un can que tiñamos, chamado Louro, quixo destrozalo a trabadas.

Menos mal que conseguín rescatalo!



Comentarios (3) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 06-07-2011 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 Que boa pinta!!! Estes libros vellos son unha pasada. Coñeces aqueles dos anos 60 de #blgtk08#como facerse maior, para homes e para mulleres? Cantas risas pasei tamén con eles...
Comentario por Eva Lozano (07-07-2011 10:33)
2 Sen leelo podo dicir que ese tal Bilz está, alomenos, nun erro: A morte non é unha doenza, é unha cura, un tanto radical, #blgtk08#pero unha cura a fin de contas. O de bos momentos co libro creocho, estes libros antigos dende logo son un pozo sen fondo.
Comentario por A cruz da Campá (07-07-2011 12:30)
3 Tampouco é unha enfermidade a masturbación! O libro (os dous libros) é unha antoloxía do sispar#blgtk08#ate en canto a enfermidades se refire. E as ilustracións non teñen desperdicio ningún.
Comentario por Xesús Constela (08-07-2011 17:51)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal