Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Proxecto acerca de Alexandre Bóveda
Un interesante proxecto acerca de Alexandre Bóveda: nha banda deseñada, que coincidirá co 110 aniversario do seu nacemento no 2013.

Se queredes máis información seguide este enlace.
Comentarios (1) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 24-12-2012 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
Proposta para vermos de evitar outra derrota sen paliativos

O de onte, as eleccións ao Parlamento de Galicia, foi unha derrota sen paliativos para a esquerda deste país, ou quizais para o país completo...

Non me corresponde a min, nin o pretendo, facer unha análise pormenorizada dos motivos que levaron a esta derrota.

Pero quixera puntualizar unhas cantas cousiñas que nacen desa rabia que teño no corpo e porque se calo van acabar por dar unhas punzadas inaturábeis no meu estómago.

Velaí van:

1.- A dereita española foi quen de montar co paso dos anos un partido xigante capaz de acabar con todo aquilo que non lle interesa para os seus obxectivos económicos, porque a economía, que non a cultura (non lles interesa nin o máis mínimo) é a base de toda a súa visión do mundo.

2.- Ese partido omnipotente e tamén omnipresente traballa día a día, hora a hora, para ver de levar a cabo eses obxectivos, e estou a falar, por poñer só un exemplo, de militantes que nunca deixan de captar afiliados e facer campaña alá onde van, colexios, asociacións e comunidades veciñais, postos de traballo variados, bares, tabernas... onde sentan cátedra acotío. Velaí a súa verdadeira maquinaria electoral perfectamente engraxada.

3.- Dentro desa maquinaria electoral está, non podía ser doutro xeito, unha rede que semella imbatíbel de medios de comunicación que corean a cada momento as consignas ditadas dende os seus laboratorios de ideas, onde un gran grupo de asalariados escriben decote os guións para espallar a súa visión do mundo.

4.- A maquinaria semella (é) tan eficiente que para calquera votante de dereitas deste país (dende o estremo até iso que chaman "centro") non hai dúbida ningunha no intre de acudir ao seu colexio electoral e escoller unha opción que votar (iso se a tal maquinaria non o leva ao lugar coa papeleta xa pechada no sobre e o carné de identidade na man).

5.- E logo está a esquerda (dende iso que chaman "centro" até os estremos), que en realidade é (somos) maioría neste país.

6.- Esa esquerda non foi quen de construír en todos estes anos de democracia nin a máis mínima maquinaria electoral que puidese combater os excesos da dereita, que son (e serán) moitos, o qie leva á descorazonada poboación aq pensar que David nunca vai poder vencer a Goliat, o cal non é certo.

7.- O votante de esquerda adoita ter toda unha colección de papeletas que poder introducir na urna do colexio electoral. E aquí comeza o problema, porque non importa o número de votos. Segundo a lei electoral vixente o que interesa é obter unhas porcentaxes determinadas para acadar un número determinado de deputados.

8.- E aínda por riba todos os partidos son tan puristas e tan protectores do recuncho ideolóxico no que se moven que semella non haber puntos de encontro posíbeis. En troques de defender o galiñeiro os galos pelean entre eles! Así nunca chegaremos a ningures!

9.- Propoño unha reflexión colectiva que leve a reflexionar (valga a a redundancia) aos dirixentes da(s) esquerda(s) da necesidade verdadeira e urxente de procurar puntos de encontro que non nos fagan dubidar no intre de concorrermos aos colexios electorais, para que poidamos facer coma esa gran dereita fagocitadora de todo canto a rodea... unir forzas para unir votos, así de sinxelo.

10.- Non é momento de laios: cómpre unha sesión de autocrítica por parte dos dirixentes da esquerda e cómpre que nos poñamos todos a tarballar XA! Ou iso ou depedirmos de todo canto levamos tantos anos a soñar!

Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 22-10-2012 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación en Pontevedra da sidra do lagar de Ribela
O Ateneo de Pontevedra convoca un acto o vindeiro venres ás 20 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (rúa de Don Filiberto, 9-11, Pontevedra) para presentar a sidra ecolóxica Ribela baixo o título:

O REXURDIR DA BEBIDA DA GALICIA HISTÓRICA. A SIDRA

Vou participar nese acto na compaña de Anselmo López Carreira, profesor de Historia Medieval), Álvaro Novegil, gaiteiro, e Jesús Armenteros sidricultor de ‘Ribela’.

Quedades todos convidados!
Comentarios (0) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 23-05-2012 19:31
# Ligazón permanente a este artigo
Lanzamento da Sidra de Ribela
Onte na miña casa en Poio abrimos (e bebemos) as primeiras botellas da sidra de Ribela, de produción eolóxica por métodos absolutamente artesáns e tradicionais.

Esta sidra está fabricada con mazás autóctonas da Estrada e o día 25 de maio vai presentarse en Pontevedra nun acto no que vou ter o pracer de participar.

Quero de todo corazón desexarlles aos meus amigos Jesús Armenteros e Isaura Arca que a súa deliciosa sidra teña a boa acollida que merece.

Saúde, amigos!
Comentarios (1) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 12-05-2012 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Os marcianos chegaron XA!
Logo dos terroríficos resultados electorais de onte só me queda achegarvos este vídeo (por recomendación de Abe Rábade):

Comentarios (0) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 21-11-2011 13:26
# Ligazón permanente a este artigo
Do non financiamento da cultura de base

Velaquí uns "interesantes" datos da actual Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (PP):

Orzamento: 133,2 millóns de euros (dos que 34,4 foron para a Cidade da Cultura de Santiago)

O ano que vén o diñeiro destinado a tal "Cidade" vai ser de 23,5 millóns.

Pois ben.

Esa mesma Consellería vai recortar os 300.000 euros que destinaba afinanciamento de entidades culturais de base, léase:
- grupos de baile tradicional
- asociacións culturais
- agrupacións musicais e corais
- compañías teatrais non profesionais
- colectivos de historia e patrimonio

Ou sexa: a meirande parte do tecido cultural deste país noso.

Iso é o que lle importamos ao Señor Conselleiriño!

Reparade nestes datos antes de meter os vosos votos nas urnas.






Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 14-11-2011 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Algunhas preguntas no aniversario da catástrofe do Prestige
Hoxe hai nove anos que por primeira vez oímos falar do Prestige.

Hoxe hai nove anos que a costa nosa empezou a coñecer a terríbel chegada das toneladas de chapapote en gran parte pola inoperancia absoluta dos gobernantes de entón (Mariano Rajoy entre eles).

Quen deu a orde de que o barco maldito pasease por diante da costa nosa de arriba para abaixo e de abaixo para arriba?

Por que o goberno Aznar condecorou algún tempo despois da catástrofe provocada (en parte) polo seu mal facer ao señor Francisco Vázquez, daquela alcalde d'A Coruña?

Por que o presidente do Goberno Español, José María Aznar (o que dixo que andabamos "a ladrar o noso rancor polas esquinas") nunca veu visitar as zonas afectadas e só se achegou por aquí moito tempo despois para un consello de ministros extraordinario no Concello d'A Coruña?

Por que xa non se fala da máis que desastrosa xestión de todo o acontecido por don Mariano Rajoy, daquela ministro ds Presidencia e "coordinador da acción de goberno para paliar a traxedia" (e "señor de los hilillos" por comparar a densa e estensa masa de chapapote que saía das adegas do barco afundido con (hilillos de plastilina en desplazamiento vertical")

Por que ese señor continua aínda na política española (e aínda por riba a piques de se converter en presidente) se por activa e por pasiva ten demostrado unha inaptitude total en resolución de problemas?

É el quen vai ter que coordinar un consello de ministros para afrontar a crise que padecemos?

Non dirá outra vez este cabaleiro (que habita no país da súa fantasía) que a crise, o paro e a ruína económica de moitas persoas son "hilillos de plastilina en desplazamiento vertical" e a solución (como dicían nos días do Prestige) vai vir por si soa?

Fai falla ser mentireiro!

Fai falla ser demagogo!
Comentarios (1) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 13-11-2011 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Da manifestación polo ensino público
Hoxe unha vez máis as rúas de santiago enchéronse de ensinantes indignados coa política educativa da Xunta de Galicia:

- aumento da carga lectiva do profesorado

- aumento do número de alumnos por clase

- disminución do profesorado

- aumento de profesorado con asignaturas nas que non é especialista

- instauración de gardas de transporte (?)

- e un longo etcétera...

E aínda por riba temos unhas autoridades educativas que desprezan o noso traballo nos medos día si e día tamén...

E hai dirixentes de partidos que mesmo falan de suprimir a gratuidade do ensino!

Non podemos permitir isto de ningún xeito!

NIN UN PASO ATRÁS!

*A fotografía fíxena hoxe en Santiago ao remate da manifestación.
Comentarios (2) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 27-09-2011 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Do peche de A Nosa Terra
Ao final, o que Franco non logrou si que o fixo o antigaleguismo de Feijóo, o presidentiño da Xunta de Galicia.

Son palabras de Alfonso Eiré, presidente e conselleiro delegado de Promocións Culturais Galegas ao anunciar o peche da edición dixital de A Nosa Terra despois de que hai apenas un ano notificase o remate de máis de 100 anos de presenza nos quioscos.

Malos tempos!

Malos!

Vaia as miñas apertas para todos cantos ao longo de todo este tempo fixeron posíbel o periódico.
Comentarios (4) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 24-09-2011 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Para opinar
Estamos a comezar o curso escolar máis conflictivo de todos cantos eu lembro.

recortes, despidos, masificación nas aulas...

e parece que se levantase a veda contra os ensinantes: calquera pode dicir a burrada que considere no medio que máis lle praza. Xornais, radios e televisións entraron nunha competición para ver quen pode denigrar mellor o noso traballo. Chámannos de todo!

Non quero entrar a facer comentarios acerca das animaladas que levo escoitadas estes días .

Pero lembrei esta fotografía que fixen co meu móbil o pasado mes de abril nunha rúa de Lisboa.

Moi acaída para todos os ignorantes que vomitan as súas opinións sen nin sequera pensar o dano que se lle está a facer ao ensino público deste país noso.

Vou transformar un pouco a frase:
PARA OPINAR É PRECISO APRENDER!
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 22-09-2011 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal