Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Apanhar o trevo nas manhãs de São João
Só unhas palabriñas para lle desexar a todo o mundo unha moi boa noite de San Xoan.

E mañá xa sabedes: a "Apanhar o trevo!"

Veña un grolo polo lume das fogueiras e polas ceas de amizade!

E polas queimadas!

Apanhar o trevo,
E o trevo no chão,
Apanhar o trevo,
Nas manhãs de São João.

D'sanda, d'sanda à roda
Eu também quero casari,
Sou rapariga nova,
Não me posso demorari.

Apanhar o trevo
Ó Maria, não te encolhas,
Apanhar o trevo
O trevo de quatro folhas.
Quem está bem deixa-se estar
E eu não posso estar melhor;
Estou à beira de quem amo
Não há regalo maior

Apanhar o trevo
Não te encolhas, ó Maria
Apanhar o trevo
Até ao romper do dia.
Apanhar o trevo
O trevo do chão.
Apanhar o trevo
Na manhã de S. João.


Comentarios (4) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 23-06-2011 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Hora de voltar
Xa era hora de voltar con todos vós logo dun mes ateigado de experiencias inesquecíbeis e, por suposto, non podía ser doutro xeito, de tempo de lecer.

Houbo momentos, gratos todos eles, para todo, para tomar o sol na praia, para gozar do mar, este verán moito máis fresco do que é habitual, para facer lecturas que deixaron un pouso marabilloso na mente disipada, para compartir xantares e ceas cos amigos, mesmo para atopar un xabarín a pasear polos montes de Trabadela, no Concello de A Estrada, nunha xornada chea de amizade polos catro cantos, para presenciar a pelexa dos aloitadores cos cabalos salvaxes no Curro de Sabucedo, para botar un agardábel baile nalgunha festa nocturna...

Para iso é o verán.

Pero xa estou de volta neste noso recuncho virtual, neste punto de encontro ao que sempre se retorna.

E traio debaixo do brazo un caderno cheo de anotacións tomadas na illa de Bali, onde descubrín un mundo lonxano do que non é difícil ficar, polo menos, en parte, namorado.

Mañá mesmo, con moitas ganas, comezarei a verquer aquí as miñas anotacións. Achégovos hoxe unha primeira fotografía do templo (Pura en balinés) de Ulun Danun , construído dentro do lago de Beratan, para ir abrindo boca.

Quedades convidados a compartilas e comentalas, amigos.

Veña unha boa aperta de reencontro!

Só agardo que este verán fose fermoso para todos!
Comentarios (6) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 15-08-2010 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Pechado por vacacións
Unhas palabras só para comunicar ás miñas visitas que o Tiñádelo que ver vai estar pechado por vacacións até o vindeiro día catro de agosto, día en que volveremos vernos de novo.

Quixera dar as grazas de todo corazón a todos cantos tivestes a amabilidade de facer unha visita a este punto de encontro virtual ao longo de todo este ano.

Vémonos (e falámonos) á volta.

Feliz lecer!
Comentarios (12) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 16-07-2010 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Desta chuvia que caeu
Desta chuvia que caeu onte coma unha paréntese na calor quería falar.

Desta chuvia que espertou a herba aletargada e sedenta.

Desta chuvia esvaradía e fugaz.

Desta chuvia que regou os corpos e quizais tamén, como non, os pensamentos.

(Non podía ser doutro xeito)

Poucas veces acontece nestes lares nosos, onde os temporais adoitan golpearnos con fereza, que a chuvia sexa só un recordatorio de que a humidade existe, de que no fondo nós mesmos somos humidade, humidade a nos mesturar coa auga do mar cheos os ósos, os músculos, o sangue, do sabor das algas e dos arevesados e labirínticos significados das escumas (cal será asúa mensaxe oculta?).

Humidades somos a nos desprazar pola vida, humidades errantes que apenas deixamos un ronsel de diminutas pegadas efémeras nas areas da praia.

Benvida foi esta chuvia.

E boa é tamén a súa despedida.

Até logo, entón, chuvia!

Até logo!
Comentarios (6) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 03-07-2010 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
Herbas de San Xoan
Antes da fogueira de San Xoan, que cada ano celebramos un bo grupo de amigos, sempre imos dar un paseo polo monte para recollermos as herbas de san Xoan.

Este ano fomos a unha charla informal da asociación ecoloxista Vaipolorío de Pontevedra, onde de acordo coa información proporcionada pola señora Carmen Estonllo Fontán, de 100 anos!, veciña do Marco, no Concello de Pontevedra, explicáronnnos cales son exactamente as herbas que se teñen que coller de acordo coa tradición.

E son as seguintes:
1.- herba luísa
2.- alecrín ou romeu
3.- árnica.
4.- mentrasto (un tipo de menta, o máis abundante)
5.- carrasquiña ("tomillo" en castelán)
6.- folla de laranxeira
7.- folla de limoeiro
8.- chuchamel ou madresilva
9.- poexo ("menta poleo" en castelán)
10.- macela brava
11.- té bravo
12.- folla de figueira
13.- nébeda
14.- malvarrosa

Hai que deixalas en auga á intemperie pola noite dentro dunha tina ou unha ola de barro sen tapar e á mañá seguinte lavar a cara (ou o corpo todo) con esa auga.

O corpo queda limpo, entón.

Non sei se limpo e todo. Pero asegúrovos que cun aroma impresionante a natureza.
Comentarios (5) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 26-06-2010 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
Polo San Xoan 2010
Vaian dende este recuncho virtual os meus maiores desexos para todo o mundo de que as lapas das fogueiras de San Xoan quenten as friaxes dos corazóns.

Que este verán que comeza sexa tempo de lecer e de desexos cumpridos.

Que o lume das fogueiras sexa motivo de encontro e de amizade que dure moito tempo, desa verdadeira que nunca pide nada pero ten desexos de ofrecelo todo.

(Xa sabedes iso de que o lume a queimar cousas vellas e símbolo do nacemento de novidades.)

E quen hoxe non vaia acender unha fogueira que saiba que outros xa a acenderemos polos demais

Veña entón un grolo por nós todos!
Comentarios (4) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 23-06-2010 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
A Feira Franca de Pontevedra
Comeza hoxe a Feira Franca de Pontevedra e acidade toda mergullarase no ambiente do século XV.

Poucas celebracións populares coñezo que acadasen en tan pouco tempo (leva dez a nos a celebrarse) un éxito de público de tan grandes magnitudes. Dis que o ano pasado había máis de cen mil persoas na rúa!

E todo é froito da vontade popular de que as cousas saian ben. Véstese con roupas medievais a meirande parte da poboación (familias completas), celébranse xantares e ceas na rúa de xeito que vaias por onde vaias hai grupos de xente a celebrar a Feira.

E por detrás de todo está a iniciativa do Concello, que vela por que todo saia ben.

Así dá gusto celebrar as cousas!

Veña un grolo pola Feira Franca de Pontevedra!
Comentarios (3) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 04-09-2009 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
Novos días de ausencia
De novo vou abandonar o Tiñádelo que ver ao longo dos vindeiros sete días porque vou pasalos na cidade de Marrakech.

Vémonos á miña volta para comezar de novo a rutina que sempre segue ao verán.

Deica logo!
Comentarios (2) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 22-08-2009 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Escapada ao sol
Xa estou farto deste verán chuviñento, grisallo e tristeiro.

Escapo ao sol.

Mañá marcho á República Dominicana.

Intentarei continuar achegando cousas ao blog dende aquelas terras onde por fin vou poder gozar da calor que este verán está a negarnos.

Vémonos logo, se podemos, debaixo dunha palmeira cun zume de froitas na man.

Veña un grolo polo Caribe!


Comentarios (6) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 29-07-2009 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chove a mares

É un verán moi estraño este que estamos a vivir.
Xa non pode chover máis.

É unha tristura a chuvia no verán.

A chuvia do verán pon a xente de mal humor.

A chuvia do verán baleira as praias, e as terrazas, e as rúas.

A chuvia do verán fainos ficar na casa a facer actividades de inverno.

Pero ten un arrecendo realmente agradábel, a chuvia do verán.

Aínda así non me gusta.

Veña un grolo polo sol!
Comentarios (5) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 22-07-2009 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal