Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Caza: as cousas reviran ás veces
Non me gusta a caza.

Non me gusta nada.

E non cansarei de dicilo.

Aquel a quen lle guste disparar que o faga contra unha botella, unha lata ou un prtao en movemento.

Matar animais nunca pode ser unha diversión.

Enviome Eva Carpente este vídeo que amosa como as cousas reviran ás veces en temas de caza.

E se isto fose o comezo de algo?

Comentarios (4) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 20-02-2011 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Matanza de Golfiños no Brasil
Envíame Solange unha noticia terríbel acerca da matanza de golfiños na Amazonía Brasileira.

Se queredes ler a noticia na prensa do país podedes facelo dende este enlace:
Botos (golfiños) são alvo de matadores de aluguel na Amazônia

Matan preto de 100 ou 200 cada mes!

O golfiño amazónico, por certo, é unha especie protexida.

Mátanos para comerciar cos ollos e outros órganos, porque a carne só se usa como carnada para pescar outras especies.

O mundo está cheo de bárbaros!
Comentarios (13) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 08-06-2010 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
De touros maltratados e touradas de dereitas
Volven estar de actualidade as touradas pola iniciativa do Parlament de Catalunya de pór sobre a mesa a posibilidade da súa prohibición, cousa que me agradaría de verdade, dito sexa de paso. (Estanse a escoitar nese foro magníficas explicacións por parte de famados persoeiros de por que cómpre acabar coa barbarie das touradas)

Na cidade de Pontevedra hai touros tres ou catro sábados cada verán e non hai cousa que máis me desagrade que ver que tal macabro espectáculo está incluído dentro da programación das festas.

E sabedes que é o peor?

Que é unha "festa" rancia de xente rancia de dereitas para xente rancia de dereitas.

E así o está a demostrar o feito de que a Comunidade de Madrid, aGeneralitat Valenciana e o Goberno da Rexión de Murcia, os tres do Partido Popular, veñan de nomear esta barbarie "Ben de interese Cultural"!

Se iso é cultura que o demo me leve!
Comentarios (8) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 05-03-2010 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Non ás touradas!
Hoxe o Parlamento de cataluña admitiu a trámite unha iniciativa popular para a prohibición das touradas en todo o territorio catalán.

Veña un grolo polos impulsores da iniciativa e polos parlamentarios que apoiaron a súa admisión a trámite!

Un dos primeiros que saiu en defensa da mal chamada "festa" nacional española foi o noso amado presidente Alberto Núñez Feijóo, dedicado dende que saiu elixido por unha marxe mínima de votos a acabar con todo canto lle soe a galego.

Dixo unhas barbaridades que nin imaxinades.

Quizais habería que facer unha corrida pero para tourealo a el e non a eses animais que levan á praza para torturalos até a morte en medio dos vítores entusiastas dunha panda de descerebrados a fumar puros e beber viño barateiro!

Pontevedra é a única vila de galicia que conserva unha praza.

Que se use para concertos e que nunca máis se permitan as touradas!
Comentarios (6) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 18-12-2009 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
Dos cans dos meus veciños
Preto da miña casa vive unha familia nunha desas horrendas construcións a ladrillo vista por iso de non ter que declarar nunca a fin de obra e pagar menos impostos, rodeadas de galpóns de plástico negro polos catro costados e con toda caste de ferralla aínda esparexida polo terreo. Quizais estean a agardar a que acabe enterrada para non ter que retirala. Tanto ten. A paisaxe xa está afeita a unhas doses tan altas de feísmo que unha barbaridade máis non vai importarlle a ninguén.

A finca onde construíron esta marabilla da arquitectura popular é longa e moi estreita, tanto que tiveron que negociar cos veciños dos lindeiros para que o Concello lles permitise edificar.

Un día trouxeron dous bidóns deses de aceite de coche ou de gasolina, ou de petróleo, que sei eu o que podía gardarse neles, e deitáronos ao fondo da leira, o máis lonxe da casa que lles foi posíbel.

E alí ficaron.

Pouco tempo despois trouxeron dous cans, encadeáronos a un par de ferros cravados no chan e os animais xa non volveron moverse de alí. Pasaron a formar parte da desolada paisaxe familiar.

Non sei como poden chamarse, non teño nin idea.

Reflexión 1ª: Para que pode alguén no seu san xuízo querer dous cans para telos permanentemente atados diante duns bidóns que lles serven de casa?

Reflexión 2ª: Canto tempo van sobrevivir nas condicións en que viven?

Hai uns días vin un documental na televisión no que dicían que algunha vez a raíña de Inglaterra chegou a facerse acompañar de dez cadelos nunha viaxe de estado. Viaxaron con ela e co seu séquito nun avión especial de British Airways ao que se lle retiraran algúns asentos para a maior comodidade das mascotas.

Reflexión 3ª: E terán bidóns de gasolina para todos eles nas leiras do palacio de Buckingham?
Comentarios (2) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 20-09-2009 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Rosa Montero sobre os touros
O xornal El País publica hoxe un artigo de Rosa Montero acerca da mal chamada "fiesta taurina" co que concordo ao cen por cen.

Podedes lelo aquí.

Que desaparezan as touradas das festas dos pobos!
Basta xa de maltrato aos touros!
Comentarios (3) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 01-09-2009 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
Xabaríns desnutridos nun centro da Deputación de Lugo
Unha verdadeira vergoña:

A Sociedade Protectora de animais de Lugo vén de denunciar o estado de desnutrición en que se atopan os xabaríns acollidos no Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, no Concello de Monforte de Lemos e dependente da Deputación de Lugo e da Consellería de Medio Ambiente!

Polo visto tamén morreron de fame varias galiñas e varios coellos!

Maltratar un animal non é só pegarlle cun pau!
Comentarios (3) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 22-04-2009 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
De baleas que van morrer ás praias

Aconteceu na illa de King, en Tasmania.

Preto de 200 baleas piloto que ficaron varadas ao longo da pasada mañanciña puideron ser rescatadas, pero 130 morreron afogadas.

Empezaron a chegar á praia perante o abraio dalgúns residentes.

Dende finais de novembro, unhas 200 baleas morreron asfixiadas na illa de Tasmania e noutras praias do sur de Australia.

Os científicos atribúen o fenómeno a que se senten atraídas polo sónar de grandes buques ou porque van detrás dun líder enfermo desorientado.

Non quero sinalar, por respecto aos animais, os símiles que me veñen á cabeza coas recentes eleccións galegas...
Comentarios (1) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 02-03-2009 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
De cans abandonados
Vén na Voz de galicia de onte:

Abandonados 90 cans de caza en Lugo unha vez ramatada a tempada de caza.

Sen comentarios!
Comentarios (0) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 21-02-2009 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Sabotaxe ao Torneo de Caza do Raposo
Este vindeiro sábado 24 de xaneiro, na localidade de Rodeiro (Pontevedra) terá lugar unha nova proba do Torneo de Caza do Raposo que vén celebrándose dende hai anos.
A organización Equanimal convoca unha sabotaxe que consistirá nunha acción pacífica e perfectamente legal, consistente en pasear polos camiños dos montes, detrás das cuadrillas de caza, facendo todo o ruído posíbel para afastar os raposos das escopetas dos cazadores.
Equanimal solicitou a semana pasada á Consellería de Medio Ambiente a suspensión de todos os torneos de caza do raposo previstos para este mes de xaneiro. A postura da Xunta é de neutralidade aínda que di entender que é normal que haxa rexeitamento a estes torneos. (?)

Podedes enviar un correo electrónico de protesta ao propio conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez Fernández: mvazquezf@xunta.es

SALVEMOS OS RAPOSOS!
Comentarios (2) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 22-01-2009 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal