Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Abrir fiestras nos encerados
Levamos moitos anos os ensinantes a ver como a sociedade, animada pola clase gobernante, desprestixia o nosos traballo...

Levamos moito tempo a aturar críticas moi malintencionadas que o único que agachan é baleirar de contido o noso cometido no mundo para facer ver á sociedade que somos tan prescindíbeis que se nos pode recortar o salario até que non poidamos nin respirar...

Levamos moito tempo a traballar en circunstancias cada vez máis difíciles para acadar un mínimo de éxito...

Pero sigo a pensar que somos quen de abrir fiestras nos encerados para que o noso alumnado poida pensar e poida ver máis aló das paredes das aulas...

Somos mestres...

en ver a través dos muros

Por iso facemos o que facemos sen descanso

con ilusión

e a moita honra!
Comentarios (0) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 28-01-2014 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
De Malala Yusufzai
Que pode levar a alguén a disparar contra unha rapaza de catorce anos por defender o seu dereito de ir á escola?

Malala Yusufzai subía ao autobús que había levala de regreso a casa á saída da súa escola en Mingora. (A bala cruzou a súa cabeza e está moi grave)

Malala Yusufzai escribía decote un blog dende o ano 2008 no que,coa súa visión dunha nena de 11 anos, retrataba a súa vida nunha zona de Pakistán baixo control dos talibáns, que foron os que pecharon as escolas e prohibiron a música, e o baile e mil cousas máis... ademais de executar a todo aquel e, sobre todo a toda aquela, que non respectaba a lei islámica que impuxeron con toda a dureza de que eran capaces.

Malala quería estudar medicina cando fose maior..

Velaquí o seu pecado: querer, con catorce anos, ser unha muller libre nun país onde as mulleres deben camiñar polo mundo agachadas da sociedade e submisas aos homes.

Unah sociedade medieval que non debería ter cabida no mundo en pleno século XXI.

Vaia dende aquí o meu desexo e que Malala se recupere a pesares da gravidade das feridas provocadas polo balazo dese monstro que lle disparou.

Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 12-10-2012 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Alepo no corazón

Hoxe o xornal traía esta horrenda fotografía da cidade siria de Alepo, unha fotografía que esperta os meus mais baixos instintos, unha fotografía que atragoa, unha fotografía que abafa, unha fotografía que pon un nó no pensamento...

É tan inxusta a vida, ás veces!

Hai uns días, non moitos, neses edificios esmagados polo peso da violencia había fogares de verdade onde vivían familias de verdade, onde se facían xantares de verdade e ceas de verdade, onde as persoas, nenos, nenas, homes, mulleres, espertaban polas mañás coas mentes cheas de plans (ou non, tanto ten), ou marchaban pola noite a durmir cos corpos cheos de cansazo (ou non, tanto ten tamén)...

Había fogares con ulidos de verdade, malos ou bos, cheiros ou arrecendos, que máis dá, ulidos de vida á fin e ao cabo.

Agora nada hai

Nada.

Desolación, soedade, tristura, amargor...

A fetidez da pólvora pasou pola cidade...

A miseria...

Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 04-10-2012 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
E outra cita de Salvador Allende
Logo de citar onte a Thomas Jefferson hoxe é o turno de Salvador Allende, presidente de Chile entre 1970 e 1973, ano en que foi derrocado polo golpe de estado de Pinochet.

A cita que achego pertence ao discurso que pronunciou ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas o día 4 de decembro de 1972. (Se queredes o texto íntegro do discurso podedes lelo aquí.)

Non lle falta nada de razón.
Velaí a cita, moi acaída para os tempos que corren:

Estamos ante un verdadeiro conflito frontal entre as grandes corporacións e os Estados. Estes aparecen interferidos nas súas decisións fundamentais -políticas, económicas e militares- por organizacións globais que non dependen de ningún Estado e que na suma das súas actividades non responden nin están fiscalizadas por ningún Parlamento, por ningunha institución representativa doi interese colectivo. Nunha palabra, é toda a estrutura política do mundo a que está a ser socavada...

Vaia un grolo por Salvador Allende!
Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 09-01-2012 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Unha cita de Thomas Jefferson
Por medio de Eva Lozano chegoume esta brillante cita de Thomas Jefferson, redactor da Declaración de Independencia dos Estados Unidos e terceiro presidente dos mesmos entre os anos 1801 e 1809, moi acaída para estes tempos que estamos a vivir e coa que decidín retomar a miña actividade blogueira neste ano 2012 que vos desexo feliz.

Velaí vai o pensamento de Jefferson:

Penso que as institucións bancarias son máis perigosas para as nosas liberdades que exércitos enteiros listos para o combate.
Se o pobo americano permite un día que os bancos privados controlen a súa moeda, os bancos e todas as institucións que agromarán arredor dos bancos privarán a xente de toda posesión, primeiro por medio da inflación e deseguido pola recesión, até o día en que os seus fillos espertarán sen casa e sen teito, sobre a terra que os seus pais conquistaran...


De certo que estamos en medio da crise do propio sistema!
Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 08-01-2012 14:37
# Ligazón permanente a este artigo
Da Frota da liberdade II

Se queredes informarvos e achegardes as vosas sinaturas para apoiardes a Frota da Liberdade II, que en xuño zarpará rumbo a Gaza con axuda humanitaria para a castigada populación da Faixa e co propósito de romper o bloqueo israelí podedes facelo dende aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 31-05-2011 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
Évos o mesmo en todas partes
Évos o mesmo en todas partes.

Ollade este video que me enviou hoxe a Nena do paraugas porque non ten desperdicio.

Vaia unha morea de caraduras!

Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 23-05-2011 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chámanlle democracia e non o é!
Achégovos a lectura do manifesto dos concentrados na Porta do Sol de Madrid, un manifesto co que estou totalmente de acordo.

A Xunta Eleitoral vén de prohibir esta concentración.

Que se dicía en Europa cando a policía disolvía os manifestantes de Exipto e a Tunisia?

Chámanlle democracia e non o é!

Comentarios (1) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 18-05-2011 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Fonda indignación coa Xustiza Española
Ando estes días fondamente indignado.

Indignado coa Xustiza Española, que vén de impedir que unha coalición de partidos bascois, Bildu, que inclúe persoeiros de fonda e innegábel tradición democrática (xa alcaldes e concelleiros na actualidade por Eusko Alkartasuna e por Alternatiba) se presente ás vindeiras eleccións municipais por "estar contaminadas as listas por Batasuna".

Indignado porque iso supón que en realidade en España só se pode prsentar ás elecciuóns aqueles que teñan o beneplácito absoluto dos dous grandes partidos maioritarios (PP e PSOE), xa que os que votan este tipo de sentencias son os seus representantes no Tribunal Supremo, integrado por "Conservadores" (PP) e "Progresistas" (PSOE).

Se a cousa é asi: VOTEMOS TODOS AOS XUICES DO TRIBUNAL SUPREMO!

Outra de Tribunais: Lede esta noticia que hoxe trae o xornal EL País: O PP usa unha lei contra Batasuna para excluir das urnas a un alcalde galego.

Si. Lestes ben. É unah historia longa e retorta para que o alcalde nacionalista de Arzúa non poda presentarse ás vindeiras eleccións.

E iso acontece mentres o presidente de Valencia, Francisco Camps, si pode encabezar as listas do PP pola súa comunidade malia estar metido até as orellas nun grave caso de corrupción coma é o caso Gürtel!

Por certo, que os dous únicos personaxes xulgados até o momento pola Xustiza Española polo caso Gürtel foron o denunciante da cadea de corrupción e o xuiz que investigou o caso.

Pero non pasa nada!

Non.

Non pasa nada!

O PP sabe que andar a enlear a política nos tribunais (ou os tribunais na política) pode resultarlle electoralmente beneficioso.

Vaia se o saben!

Que clase de Xustiza democrática é esta?

Parecemos unha república bananeira!


Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 04-05-2011 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Dos horrores de Guantánamo
Sabiamos milleiros de cousas, todas horrendas, acerca da Prisión que o Goberno norteamericano montou na súa base militar de Guantánamo para encerrar sen garantías xurídicas de ningunha caste a un enorme grupo de presos acusados de pertenceren a Al Qaeda.

Sabiamos que iso máis ca unha prisión era un campo de concentración con todas as da lei onde os presos eran sometidos a torturas varias ao longo de interminábeis interrogatorios.

Agora resulta que coas filtracións feitas públicas por Wikileaks as atrocidades sorpréndennos cada día con horror.

A saber:
Hoxe soubemos que os Estados Unidos encarceraron adolescentes!

Onte soubemos que fixo o mesmo con enfermos mentais...

Non vai xulgar a ninguén o Tribunal de Xustiuza Internacional?

Non imos ver a ninguén acusado por crimes contra a humanidade?

Nin sequera a George W. Bush, impulsor da atrocidade?
Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 27-04-2011 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal