Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Dun Aladino e la lampada meravigliosa de 1951
Nell'antica capitale dell'Impero Cinese viveva in altri tempi un bravo sarto chiamato Nang-Fho.
Quando meno se lo aspettava, la Morte si portò via Nang-Fho, lasciando sua moglie e suo figlio Aladino sull'orlo della miseria...


Estas son as primeiras palabras desta versión italiana de Aladino e la lampada meravigliosa que gardo coma un tesouro na miña biblioteca.

Chegou ás miñas mans a través dun libreiro de vello da cidade de Barcelona alá polo ano 1987 máis ou menos.

Trátase dunha edición española (da Sociedad anónima de ediciones de Barcelona) do ano 1951 para o público italiano.

E que ten de interesante esta edición ademais da historia de tan exótica Aladino e a súa tan famosa lámpada que agachaba un xenio no seu interior?

Pois ten de interesante que é un libro da coleccióin Teatrini, ou sexa un libro que se pode ler e tamén ver coma se cada dúas páxinas se convertesen no escenario dun pequeno teatro.

Raccomandazione per una vivace visione (dise na primeira páxina):
E opportuno orientare il libro in modo che la luce naturale od artificiale entre nella escena dall'alto.

Cada vez que abro esta pequena xoia dou en imaxinar os ollos dunha morea de nenos e nenas (que nunca coñecerei) a deixarse abraiar polas escenas da historia de Aladino deste inusual teatro que se agacha nas follas do libro... e síntome na súa compaña.

Vaia un grolo por Aladino!

Comentarios (0) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 02-06-2012 19:56
# Ligazón permanente a este artigo
Do Atlas-Géographie da Librairie Catholique de Lyon
Vouvos falar dun libro que merquei hai moitos anos nun mercado de vello de Barcelona, quizais nalgún posto do Mercat de Sant antoni, onde os domingos os libreiros de vello ocupan os postos onde por semana se venden produtos frescos.

Trátase do Atlas-Géographie da Librairie Catholique de Lyon, un curso elemental de xeografía editado na cidade de Lyon no ano 1920.

É unha xoia.

E é unha xoia porque do mundo que reflicte xa non queda nada.
Europa (agás Iugoslavia e a Checoslovaquia) as Américas e Australia eran xa o mesmo que son agora…

Pero África e Asia non se parecen en nada ao que hoxendía aparece nos mapas.

Persia, o Imperio das Indias, Indochina, Siam…

Río de Oro, o Congo Belga, Rhodesia, o Sudán Francés…

Están cheos os mapas de cicatrices que deixaron as grandes colonizacións!

O libro é unha lección de historia e unha verdadeira gozada!
Comentarios (2) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 22-05-2012 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
O sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz
Os libros poden chegar a unha biblioteca polos máis diversos camiños.

O Nuevo sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz chegou ás miñas mans por herdanza familiar.

De feito non sei nin sequera cantos anos ten porque non consta en ningures a data de edición nin, por suposto, o momento en que algún devanceiro meu (quen sabe quen?) puido telo adquirido.

Só sei que alguén o mercou na "Librería Académica" do Paseo do Prado, 11, en Madrid.

O Nuevo sistema de curación natural do Doutor F. E. Bilz consta de sous tomos ben grosos de arredor de oitocentas páxinas cada un e contén unha boa morea de ilustracións.

E quen era o tal Doutor F. E. Bilz?

Pois era, segundo di o libro, o director (propietario quizais?) do "Establecemento terápico-naturalista de Dresde-Radebeul, en Alemaña, anunciado como "Sanatorio de primeiro rango", que nas súas instalacións tiña un comedor ao luxoso estilo dos vellos balnearios, un baño de señoras, unha sala de envoltura e masaxe para señores, unha sala de ximnasia e un estanque de natación e recreo (todos eles ilustrados no libro con todo luxo de detalles).

A obra contén 18 láminas (16 delas "alumeadas", supoño que quere dicir que son a cor), preto de 600 figuras intercaladas no texto (refírese a debuxos en branco e negro) e Modelos "alumeados" e desmontábeis. Estes modelos veñen nun sobre que por fóra di que non se debe deixar ao alacnce dos menores porque descreben con debuxos os "aparellos xénito-urinarios masculino e feminino" e mesmo a estrutura interna dunha teta!)

A obra contén, por orde alfabética, os sistemas de curación dunha boa morea de doenzas, dende as máis leves, coma o coidado da dentadura até algunhas máis graves, coma a "morte", pasando por algunhas tan curiosas coma a "masturbación", enfermidade da que o Doutor F. E. Bilz di que "é máis propia do médico de alamas ca do de corpos" (a descrición desta doenza e a súa curación non ten desperdicio).

O tal Doutor F. E. Bilz debía de ser un tipo bastante singular, pois durmía xunto coa súa dona e os seus fillos nun balcón da súa clínica de Dresde tanto no inverno coma no verán.

Dicía que o facía para sempre respiraren aire fresco das montañas!

Fose coma fose nin imaxinades a de bos momentos que teño pasado a ler e a ollar as ilustracións neste libro tan singular.

Unha anécdota: o libro é tan vello que despide un ulido moi característico, polo que hai moitos anos, cando viviamos en Barcelona, un can que tiñamos, chamado Louro, quixo destrozalo a trabadas.

Menos mal que conseguín rescatalo!



Comentarios (3) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 06-07-2011 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
O libro dos xogos, de Carola Soler
Unha das cousas que máis adoro na vida é andar a remexer entre os libros da miña biblioteca.

Por que?

Porque quizais cada libro me leva a unha época da miña vida que lembro con veradeiro luxo de detalles.

Onte din con este libro dos xogos do que escaneei a portada para volo ensinar: El libro de los juegos de Carola Soler (procurei información acerca dela no Google e atopei isto de 1966 na hemeroteca do xornal ABC) con ilustracións de Maríaa Jesús Lampreave (e terá algo que ver con Chus Lampreave, a actriz, chi lo sá!)

Non lembro moi ben como chegou ás miñas mans cando eu era pequeno. Está editado por Aguilar no ano 1965 e eu nacín no 63. Quizais un agasallo. Supoño que si.

Non imaxinades a cantidade de tardes que botei a xogar con este libriño (en parte inspirador do que aparece no meu Libro das alquimias, ese que tiña as follas amareladas polo paso do tempo e tiña a capacidade de voar).

O libro dos xogos non voa. Asegúrovolo.

Pero ten contidos abondo como para facer soñar.

Velaí vai un exemplo do capítulo de "Xogar en broma":

Ía eu para Guadalaxara e atopei un carro de xitanos.
Pregunteille ao xefe:
- Cantos son vostedes?
E o xefe contestou:
- Eu e máis sete mulleres, e máis os sete nenos de cada unha das sete mulleres, e máis os sete gatiños de cada un dos sete nenos de cada unha das sete mulleres.
Seguimos todos camiñando.
E eu pregunto agora:
- Cantos chegamos a Guadalaxara?
(e non cómpre que mires na páxina 83)


Na páxina 83 estaba a solución.

Que bos momentos pasei na compaña deste libro!
Comentarios (8) - Categoría: Libros antigos da miña biblioteca - Publicado o 19-06-2011 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal