Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Xerónimo, o xefe dos Apaches
Xerónimo, o nome que os Estados Unidos puxeron á operación para matar a Bin Laden, era un xefe guerreiro apache, o derradeiro gran xefe da tribo dos apaches chiricahuas.

E foi tamén un dos máis decididos opositores ao dominio dos brancos.

No ano 1874 asumiu o mando da tribo deportada á reserva de Fort Sill, Arizona.

A partires de 1880, morto o xefe Victorio, púxose á fronte dun grupo de guerreiros e comezou o ataque ás forzas do xeneral George F. Crook para evitar a cesión do seu territorio.

En 1884 foi apreixado, pero escapou e continuou a súa encarnizada resistencia ao longo de dous anos.

Unha vez que quedou sen recursos, decidiu entregarse voluntariamente ao xeneral Miles, coa condición de ser reintegrado a Arizona.

Pero foi considerado coma un criminal e condenado a varios años de traballos forzados.

Cando conseguiu a liberdade en 1894 instalouse en Oklahoma coa súa familia e dedicouse a traballar no campo e a vender fotografías súas en exposicións.

Converteuse ao cristianismo no ano 1903 e ditou a súa autobiografía pouco antes de morrer.

Por que demo as autoridades americanas cometeron a inxustiza de poñerlle o seu nome á caza e captura de Bin Laden?

Comentarios (2) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 05-05-2011 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
De Sócrates
Non deixou ningunha obra escrita pero sabemos todo canto pensaba e dicía.

Sócrates (470–399 a.C.)

Morreu envelenado con cicuta logo de ser xulgado por non recoñecer os deuses de Atenas e "corromper a mocidade".

Chegou onda nós a súa pegada da man de todos cantos tiveron o inmenso pracer de compartir conversas con el, gran mestre de mestres.

Polos seus amigos, polos seus discípulos, sabemos da súa fina ironía (o gran heroe da retranca).

Que grande un home que co seu saber atraeu ao seu redor a personaxes como Platón, Euclides, Fedón, Antístenes ou Arístipo!

Que grande Sócrates, que coma moitos outros grandes morreu asasinado polo poder do momento, políticou ou relixioso, que tanto ten.

Que grande!
Comentarios (3) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 16-03-2011 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
Acerca de Antonio Francisco Lisboa, o Aleijadinho
A proposta de Solange falaremos hoxe dun home chamado Antonio Francisco Lisboa (1730-1814) pero coñecido como o Aleijadinho ("deformadiño"), que foi un famoso escultor brasileiro de imaxinería autor de máis de 400 obras espalladas polo estado de Minas Gerais e que recibíu ese nome poque padeceu unha doenza que o deixou totalmente transformado (mans, pés e boca).

Ollade esta descrición do escultor feita por Rodrigo José Ferreira Bretas, un historiador da arte do Brasil e biógrafo do Aleijadinho:
Era pardo-escuro, tinha voz forte, a fala arrebatada, e o gênio agastado: a estatura era baixa, o corpo cheio e mal configurado, o rosto e a cabeça redondos, e esta volumosa, o cabelo preto e anelado, o da barba cerrado e basto, a testa larga, o nariz regular e algum tanto pontiagudo, os beiços grossos, as orelhas grandes, e o pescoço curto

O Aleijadinho é sempre un asunto polémico no Brasil porque non existen datos concretos acerca da súa enfermidade, polo que a súa vida está envolta nunha atmosfera de ditos, historias e lendas contadas (e logo transformadas) por varias xeracións.

Mesmo hai especialistas que afirman que as súas obras teñen trazos de deformidades. Non se sabe o motivo, mas hai hipóteses de que intentou plasmar nas súas esculturas as súas propias deformidades.

Lepra, escorbuto, sífilis... Descoñécense as orixes desa doenza que causou tanto estrago na súa vida.

Vaia un grolo polo Aleijadinho!
Comentarios (6) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 07-02-2011 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Simón subido á columna
Simón (ou Simeón) o Estilita (de stylé, columna en grego), viviu entre os anos 390 e 459 nun lugar coñecido como Cilicia no que é a actual Siria.

Coma ben puidestes quizais adiviñar foi o inventor do cilicio.

Mais non o traio aquí por iso.

Non.

Tráioo porque pasou trinta e sete anos da súa vida subido a unha columna de entre tres e dezasete metros de altura (hai disparidade de opinións), da que se conserva unha parte da base nun templo de Siria, para levar unha vida de oración sometido ás inclemencias do tempo.

Un día subiu e non volveu baixar até que morreu.

Pola noite suxeitábase a unha enorme cadea para non caer.

Subiu porque non quería que a xente o molestase mentres meditaba.

Máis singular ca iso non hai nada, non credes?

Por certo, que hai unha película moi boa de 1965 de Luis Buñuel titulada Simón do deserto unha parodia da vida deste home tan curioso. É unha xoia e achégovos unha escena ao tempo que vos recomendo vela enteira.





Comentarios (7) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 23-01-2011 19:09
# Ligazón permanente a este artigo
O non nariz de Gaston Julia
Propón Eva Lozano que falemos de Gaston Julia (Sidi Bel Abes, Alxeria, 1893 - París, 1978).

E falarmos de Julia é falarmos de fractais.

Un fractal é un obxecto semixeométrico que ten unha estrutura básica, fragmentada ou irregular que se repite a diferentes escalas.

Un fractal pode ser unha folla dunha árbore e pode ser tamén un diamante. Un fento do monte évos un fermoso fractal.

Un fractal pode ser unha molécula de xeo e pode ser o cristal roto dun vaso da lacena da cociña, ese que tanto nois gustaba no intre de beber un groliño de auga.

Será a molécula de auga un fractal tamén?

Falou deles por vez primeira o amigo Gaston Julia, o persoeiro singular que hoxe nos ocupa.

Pero tivo mala sorte, coma moitos outros xenios.

Non lle fixeron caso.

Non interesaban os fractais no seu tempo. Non estaban de moda!

Con vinte anos Gaston tivo que ir á maldita primeira guerra mundial.

E perdeu o nariz.

E operárono moitas veces pero nunca puideron reconstruíla.

Gaston Julia tivo dende entón un non nariz.

Ao longo da vida enteira Gaston Julia utilizou unha máscara.

Mais non por iso deixou de ver fractais por todas partes.

Se fosemos nenos pequenos de seguro que nos daba medo.

Se fosemos pequenos curiosos non deixariamos de miralo ao cruzarnos con el pola rúa.

E el ollaríanos cunha mirada xélida, conxelada. Unha mirada cargada de fríos fractais.
Comentarios (5) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 21-01-2011 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
As teorías de Kurt Gödel
Inauguro categoría: Persoeiros singulares.

Falaremos nela deses personaxes que por algún motivo merecen a consideración de "persoas gratas" pola súa vida, polo seu traballo ou... polo que sexa.

Por suposto admítense suxestións.

Comezarei con Kurt Gödel (Brno 1906-Princeton 1978), o home da fotografía.

De profesión lóxico (que xa é), matemático e filósofo.

Naceu no que hoxe é a República Checa e morreu nos Estados Unidos cando era profesor na Universidade de Princeton.

Era amigo íntimo de Albert Einstein, quen o visitaba sempre que podía. Dicía Einstein que era un pracer camiñar con el dende a universidade até a súa casa. Intentade imaxinar unha conversa entre ambos os dous, vaia un nivel, non?

E morreu de fame!

E morreu coa meirande parte do mundo científico a darlle as costas!

Por que?

Pois por culpa dunha súa hipótese, que, resumida, vén dicir algo así como que "nada de todo canto está demostrado pode realmente demostrarse", dito doutro xeito: ningún teorema pode realmente demostrar a súa veracidade absoluta, o que bota por terra todo canto se ten teorizado até agora!

Nos seus últimos días sufriu a obsesión paranoica de que podía ser envelenado, e non comía a menos que a súa esposa Adele probase a comida antes ca el. A finais de 1977 Adele foi hospitalizada durante seis meses e non puido continuar a probar a comida de Kurt.

Kurt negouse entón a comer... e morreu de inanición!

Singular, non si?
Comentarios (7) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 19-01-2011 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal