Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

E entón chegou decembro
E entón chegou decembro.
E fíxoo cunha proposta para salvar o legado de Manfred Gnadinger, o alemán, en Camelle, abandonado á súa sorte polas mediocres institucións políticas deste país noso a pesares do diñeiro que o artista deixou para o coidado da súa obra.
Despois Paulo Lins fíxonos reflexionar acerca do Brasil.
E Mike Stern coa súa Distraxion nos convidou a pensar na música que escoitamos mentres estamos a traballar.
A Fundación Mapfre levounos de visita virtual pola súa exposición madrileña acerca do Impresionismo e Marcello Mastroianni nos explicaba en que consistía o Divorzio all’italiana.
Fomos cear á Estrada para celebrarmos a concesión do premio García Barros a Antón Lopo pola súa novela Obediencia (queda como testemuño unha fotografía feita coa c´mara de Manuel Forcadela) e escoitamos a María Gadú, que nos ensinou unha fermosísima palabra india, Shimbalaié, que significa unión de paz e forzas positivas como xeito de estar a ben coa natureza.
E entón irrompeu neste lugar o espírito do noso admirado Edgar Allan Poe logo da lectura d’O escarabello de ouro e do poema Annabel Lee:
Pero o noso amor era máis forte có amor
daqueles que eran maiores ca nós—
de moitos máis sabios ca nós—
e nin os anxos do Paraíso de enriba
nin os demos de debaixo do mar
afastarán xamais a miña alma da alma
da fermosa Annabel Lee...

Pero todo isto ficou roto pola horrenda e funesta lembranza do terror vivido en Kosovo nos tempos da guerra dos Balcáns.
E entón morreu Blake Edwards.
E falamos das grandiosas embalaxes de Christo Javacheff.
E fixemos balance do ano da man do New York Times.
E nos indignamos coa árbore de nadal de 11 millóns de dólares do hotel Emirate Palace de Abu Dhabi.
E admiramos a Historia do Natal Digital da empresa portuguesa excentric e as marabillas graffiteiras de Banksy, que converte a rúa nun xigantesco museo.
E así transcorreu un ano completo.
Que veñan moitos máis!
Comentarios (6) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 08-01-2011 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado novembro
Novembro foi un mes moi curtiño no Tiñádelo que ver porque tiven que ausentarme do mundo virtual ao longo duns días para ver de rematar unha novela, que por certo xa está rematada.
Sorprendeunos o grao de violencia intolerábel que se viviu no Sahara ocupado por Marrocos...
E tañén nos sorprendeu a morte de Luís García Berlanga, polo que xuntos vimos esa oparte de Bienvenido Mister Marshall onde cantan o de Americanos os recibimos con alegría.
E aplaudimos o gran xesto de Agustín Fernández Paz ao rexeitar o Premio da Cultura Galega outorgado poloa mesma Xunta que teima en esmagar todo o que nos une e nos identifica como pobo.
O mesmo premio que si aceptou, por certo, a Editorial Galaxia.
Xuntos contemplamos a curtametraxe Fallen Art de Tomasz Baginski, asustámonos coa caída da economía irlandesa, que nos levou a reflexionar que Somos hipoteca, e comentamos a escultura neosumeria do Gudea de Lagash.
E deixamos o mes escoitando Coraçao brasileiro de Milton Nascimento:
No meu coração brasileiro, plantei um terreiro, colhi um caminho
Armei arapuca, fui pra tocaia, fui guerrear

Comentarios (6) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 07-01-2011 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado outubro
Arrincou outubro cun bispo que xustificaba os abusos sexuais, nada máis e nada menos que o voceiro da Conferencia Episcopal Española.
E coa dobre moral do Partido Popular.
E coa morte de Tony Curtis.
E para borrar iso todo da mente demos en comentar un fascinante debuxo de José de Ribera titulado Cabeza de home con pequenas figuras.
E coma me senmtín moi identificado con ese home que levaba xente a pasear pola súa cabeza comentamos o proceso de creación dos personaxes dos meus libros.
Quizais por iso retomei aquel relato en construcción comezado no ano 2009 que non para de medrar e se enqriquece coas vosas aportacións. Tartaruga, Monarca, Onofre, Folerpa e Emperatriz volveron camiñar polas páxinas do Tiñádelo que ver.
E volverán facelo, que un relato leva moito tempo.
Entón déronlle o Nobel a Vargas Llosa, a quen , en palabras de Mario Benedetti, hai que ler pero non escoitar!
E abraiounos o mar una vezmáis.
E tamén nos abraiou Joan Sutherland, que morreu este mes, coa súa Casta Diva:
Casta Deusa, que alumeas
estas antigas e sagradas prantas,
a nós volve a túa fermosa faciana
sen nube e sen veo...

E tamén escoitamos La mala reputación de Paco Ibáñez,
e The Nobodies de Marylin Manson,
Somos os ninguén
Queremos ser alguén
Estamos mortos, só sabemos quen somos
Somos os ninguén...

e Os vampiros de José Afonso:
Eles comem tudo Eles comem tudo
Eles comem tudo E não deixam nada

E cabreámonos moito cando a Manuel Fraga lle deron o premio Otero Pedrayo por suxestión de Rafael Louzán!
E comentamos una pintada singular que atopei un día nun muro en pleno centro d’A illa de Arousa: Os marinheiros tamén xojan ao tenis.
E Solange preguntou de onde saían os nomes dos meus personaxes e eu intentei explicalo.
E houbo censura para un número da revista Retranca de Kiko da Silva e para un artigo do xornalista Fran P. Lorenzo por causa da visita do papa a Santiago. Con la iglesia hemos topado!
Quizais por iso dedicamos uns minutos ao Pesadelo antes do nadal de Tim Burton con música de Marylin Manson.
E da man de Halloween chegou o mes de novembro.
Comentarios (4) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 07-01-2011 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado setembro
En setembro continuamos falando de Bali, que aínda deu para moito tempo.
Falamos dos milleiros de templos espallados pola illa, cada un deles dotado dunha personalidade que o fai singular e do mar abraiante, bravo no sul pero maino no norde. Iso si, sempre impactante e sempre fermoso.
Antes de abandonarmos a illa falamos da receita do nasi goreng, para chupar os dedos!
E como a cousa ía de regreso á normalidade reflexionamos acerca de que somos camiño, camiño que avanza e nunca se detén, sempre a agasallarnos con milleiros de arrecendos agarimosa a terra.
Entón inauguramos categoría, Casa Van Gogh, onde decidimos comentar obras de arte de todos os tempos. E comezamos, como non, coa casa onde o gran pintor vivía na vila de Arles. Despois falamos das cartas que lle escribiu a seu irmán Théo e descubrimos que todos admiramos a súa obra e a súa personalidade arrevesada e retorta. E tamén compartimos opinión acerca d’Os amantes de Magritte, que nos levou a comentar o poema Destruiçao, de Carlos Drummond de Andrade:
Os amantes se amam cruelmente
e com se amarem tanto não se vêem.
Um se beija no outro, refletido.
Dois amantes que são? Dois inimigos
.
E falamos tamén d’O bico de Roy Lichtenstein mentres escpoitabamos As rosas nao falam de Beth Carvalho e liamos o poema Caen as follas, caen de Emily Brönte:
Caen, as follas, caen; morren, as flores, para sempre;
Alóngase a noite e acórtase o día;
Fala cada folla de felicidade
mentres voa dende a árbore outonal.

E cabreámonos moito porque morreu José Antonio Labordeta!
Somos
como esos viejos árboles
batidos por el viento
que azota desde el mar.

Entrementres a sempiterna Gloria Lago (mal raio a parta) denunciou a ideoloxización nacionalista dos colexios públicos. Manda carallo! E como o curso estaba a piques de comezar denunciamos una vez maís a mala calidade do ensino do país. E farémolo vinte mil veces máis se é necesario. Como non?
Tamén seguimos as marchas dos mineiros do Bierzo e de Asturias, que se botaron ás estradas para impedir que as súas minas pechasen por orde da Unión Europea.
E polo medio chegou o outono e colleunos un pouco sorprendidos.
E alguén instalou una cadeira xigante nun monte de Moaña.
E houbo unha folga xeral.
E morreu o gran Arthur Penn.
E tivemos que dicir adeus á Praia de Laño porque o mal tempo comezaba.
Comentarios (4) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 07-01-2011 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado agosto
Agosto tivo un nome no Tiñádelo que ver, e ese nome foi Bali. Ademais de comentar a novela Só no mundo de Hisham Matar (lida no avión de regreso), botei o tempo a baleirar na rede unha serie de anotacións balinesas que comezaron cunha danza legong e nos levaron por Pura Luhur Uluwatu, polo Monkey Forest da cidade de Ubud e polos arrozais do interior da illa.
Tamén asistimos a unha sesión de wayang kulit, a unha danza kecak, a unha cremación e ao relato de como se reencarnou a nai de Wayan Ariana ao tempo que falabamos de deuses, templos e cerimonias.
Comentarios (6) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 04-01-2011 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado xullo
Xullo anunciou vacacións e viaxes.
Despedinme con Rude Rich and the Highnotes: Hey senorita, con todo o sabor do reggae de última xeración, e con Tom Jobim e Vinícius de Moraes a cantar a Garota de Ipanema. Iso só podía augurar un bo verán!
Un bo verán que comezou coa condena a morte de Sakineh Mohammadi Ashtiani por adulterio en pleno século XXI!
Este mundo non dá avanzado.
A Xunta de Galicia anunciou a destrución de 192.000 libros de texto pola prohibición de impartir en galego as asignaturas de matemáticas, física e química e tecnoloxías!
Celebramos as frescas choivas do verán e lemos a Milena Agus.
Comentarios (4) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 04-01-2011 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado xuño
Xuño de 2010 foi o mes que lembraremos sempre coma o da morte de José Saramago! Grazas, mestre, polos monumentos literarios que non deixaches! Entre eles o guión da película A flor máis grande do mundo, á que tamén prestaches a túa voz viva para sempre!
Na ilha por vezes habitada do que somos, há noites, manhãs e madrugadas em que não precisamos de morrer.
Então sabemos tudo do que foi e será.

Arrincou o mes coa viaxe do conselleiro Varela á Expo de Shanghai en primeira clase e polo “módico” prezo de máis de catorce mil euros: non temos parea pan e mercamos estampiñas. Xa o dicía o refrán chinés: un can con diñeiro é un señor can! Por suposto pedimos a súa dimisión.
A gran Helene Hanff deunos material para o debate literario coa súa magnífica novela 84, Charing Cross Road e do gran Miquel Martì i Pol lemos o poema Agora mesmo (Ara mateix), do mesmo xeito que admiramos a versión de 1933 d’O mago de Oz en debuxos animados realizada por Ted Eshbaugh. Unha alfaia!
Intentamos ver voar os pingüíns nunha animación de Fabrice Senia e Alban Lelièvre e Kazuo Ohno engaioloounos cunha abraiante coreografía cando soubemos da súa morte.
E ficamos horrorizados coa nova que Solange nos fixo chegar dende o Brasil: a terríbel matanza de golfiños na Amazonia. 100 ou 200 cada mes! O mundo está cheo de bárbaros! Tamén nos deixou estarrecidos sabermos que en Nixeria, no estado norteño de Zamfara máis de 100 nenos morreron envelenados logo de que residentes empezaran a excavar ilegalmente minas de ouro que posúen altas concentracións de chumbo. Maldita usura!
O ínclito Núñez Feijóo (que paciencia temos que ter!) asegurou nunha entrevista a V televisión que «O problema de Galicia non é o galego ou o castelán, é o inglés»! Manda carallo!
Quizais para esquecer todas estas cousas viaxamos á illa de Stromboli para pasmarmos cose u volcán, que inspirou unha película moi boa de Roberto Rossellini protagonizada por Ingrid Bergman.
Amantes das cousas pequeñas comentamos Unha folla de herba de Walt Whitman:
Creo que unha folla de herba, non é menos
que a xornada laboral das estrelas,
e que unha formiga é perfecta,
e un gran de area,
e o ovo dun paxaro,
son igualmente perfectos
,
Annie Lennox puxo banda sonora á película Drácula de Tod Browning e Bela Lugosi e deunos pé para falarmos de vampiros.
E chegou San Xoán e fixemos fogueiras e intercambiamos receitas para nos lavar coas herbas á mañá seguinte.
Unai Elorriaga agasallounos coa súa novela Londres é de cartón e pechamos o mres con banda sonora de Gal Costa:
Venho do sol
A vida inteira no sol
Sou filha da terra do sol


Comentarios (7) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 03-01-2011 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado maio
Maio foi un mes que rematou ateigado de controversia. E foi polo ataque do exército de Israel á chamada flota da liberdade que dende Turquía pretendía chegar á franxa de Gaza. Colguei no blog a canción Imagine de John Lennon interpretada por Noa e Khaled e apareceron nada menos que dezaoito comentarios que continuaron no mes de xuño!
Amamos a paz!
Comezaramos falando da inxustiza do burka, do día Internacional da liberdade de prensa e da lagoa Frouxeira de Valdoviño, que quedou seca polo mal facer da Xunta.
Pero tamén homenaxamos a Novoneyra:
LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando
.
E a Fernando Pessoa:
Quando vier a Primavera,
Se eu já estiver morto,
As flores florirâo da mesma maneira
E as árvores nâo serâo menos verdes que na Primavera passada.
A realidade nâo precisa de mim.

Mentres escoitabamos a Dulce Pontes.
O mes trouxo ao anuncio dos recortes aos soldos do funcionariado e o procesamento de Baltasar Garzón por investigar os crimes do franquismo!
E para ilustrar estas tormentas vimos o vídeo The Storm, de Lottie Kingslake. Brillante!
Manifestámonos en Compostela o Día das Letras e botamos a tarde n’O Xirimbao para debater se debe o día ser festivo ou non. A auga era unha festa.
Ah! Si.
E tamén recomendei a lectura d’Un tipo listo do meu amigo Xosé Monteagudo.
Comentarios (3) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 30-12-2010 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado abril
Comezou abril co noso abraio (ou horror?) perante un neno mexicano a predicar cunhas argumentacións que de verdade puñan medo, un neno predicador que demos en comparar cun moniño de Xibraltar fotografado co meu móbil.
Un móbil que tamén trouxo almacenada na memoria a fotografía dunha vaca á beira do mar na praia de Zahara de los Atunes.
De literatura falamos da miña visita ao IES de Meaño para falar cos rapaces do meu Libro das alquimias e da visita que fixen á Fundación Rafael Alberti en Puerto de Santa María. Todos ueremos a Alberti! Tamén houbo lugar para A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson, que provocou moitos soños de nenez. Ron, ron, ron, a botella do ron! Iván García Campos gañou o premio Blanco amor na súa edición número 18, na que tiven a honra de participar coma membro do xurado. E tamén visitei a Librería de Marín para comentar As humanas proporcións cos membros do seu club de lectura.
E en medio disto todo houbo tempo para reflexionar acerca da maxia das cousas pequenas.
E sorprendémonos coa morte de Malcolm MacLaren, aquel mozo rebelde que fora manager dos Sex Pistols e impulsor do movemento punk.
A primavera chegounos da man de Pina Bausch, cunha coreografía para Stravinsky e tamén da man de Cecília Meireles co seu poema Primavera.
De Brasil, chegounos unha magnífica fotografía dun grupo de indios enviada por Solange. Eu propuxen ao día seguinte un poema de Pablo Neruda acerca da Amazonía. Sube a nacer conmigo, hermano…
E vimos unha película, Domecku Var, de Jirì Barta, e asistimos a un concerto de Edith Piaf no París de 1962 a proposta de Eva Carpente, Non! Rien de rien ... Non! Je ne regrette rien
E abandonounos Allan Sillitoe, que deixa para o mundo o gran legado d’A soidade do corredor de fondo.
Eva Lozano enviounos o gran poema de Brian Patten A confesión do pequeño Johnny:
Esta mañá
sendo máis ben novo e parvo
collín prestada unha metralleta que meu pai
deixara agachada dende a guerra, saín
e eliminei un bo número de pequenos inimigos
.
Reflexionamos acerca dos editores galegos e falamos do "abandono" de Suso de Toro.
Da lingua falamos dun gran festival de Queremos Galego contra o decretazo e da perda de falantes coma una hemorraxia que non cesa.
Rematamos o mes cunha poliña de xesta na man.
Comentarios (3) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 30-12-2010 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado marzo
En marzo sorprendeunos outro terremoto, desta volta en Chile, o que nos levou a falar do Canto General de Pablo Neruda.
Empezamos tamén a falar de laicismo a conto da anunciada visita de Bieito XVI con motivo do Xacobeo. Núñez Feijoo teimaba en referirse a el como Santo Pai. Tamén falamos dos conselleiros disfrazados, de touros maltratados e de touradas de dereitas (Coma podedes observar a “dereitada” vai toda neste parágrafo). Tamén pedimos a dimisión do conselleiro de educación por hipócrita, por mentirán e por manipulador!
Pola contra admiramos unha vez máis a Aung San Suu Kyi, por fin xa liberada e lle dedicamos No Woman No Cry de Bob Marley.
En medio disto todo compartimos unha fermosa película de Constantinos Pilavios e fixen unha loubanza das miñas magnolias.
E deixounos Miguel Delibes!
Viaxamos ás minas a ceo aberto de Corta Atalaya en España e de Serra Pelada no Brasil.
Comentamos o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, grazas aos seus autores por escribilo, laiámonos da ruína de Ferrol Vello e escoitamos a Manu Dibango.
Rematamos o mes cunha canción de Jacques Brel, Jef
E cun graffitti impresionante que fotografei co meu móbil nunha rúa de Gant (Bélxica): Gustaríame que o meu cerebro tivese un mapa que me dixese por onde ten que ir o meu corazón.
Comentarios (3) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 29-12-2010 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal