Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Salvador Dalí: Dalí aos 6 anos cuando cría ser unha nena, a erguer a pel da agua para ver a un can a durmir baixo a sombra do mar

Escollo hoxe este cadro de Salvador Dalí (1904-1989) porque sempre me deu a sensación de que representaba un soño xa moitas veces vivido.

Titúlase Dalí aos 6 anos cuando cría ser unha nena, a erguer a pel da agua para ver a un can a durmir baixo a sombra do mar e está pintado no ano 1950.

Cantos cans ahenerá a durmir baixo a sombra do mar agachados na pel da auga?

Que non dariamos por atoparmos eses cans?

Cantas cousas agacha a pel da auga?
Cantas cousas que non daremos visto por moitos paseos que fagamos a rentes da beiramar?
Cantas cousas que nunca van chegar coas mareas?

Estarán as súas voces ocultas no sempre indescifrábel son das buguinas que achegamos á orella para vermos de escoitar o son do mar?

Que non dariamos por podermos erguer ese manto de auga quedo coma un espello?
Que non dariamos por espertar o can que durme debaixo do mar?
Que non dariamos?
Comentarios (1) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 03-12-2012 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
O mergullador da cidade de Paestum

Velaquí a mellor imaxe que trouxen na memoria logo da miña recente viaxe ao sul de Italia, concretamente á rexión de Campania.

Gustoume tanto que agora é o fondo de escritorio do meu computador e tamén a pantalla de inicio do meu móbil!

Nas ruínas do que foi a cidade de Paestum, a antiga Posidonia (onde por certo se ergue o templo mellor conservado do que foi a arquitectura grega clásica) atopei esta fermosa imaxe dun home que se mergulla dende un trampolín nas augas do que podería ser unha lagoa.

Vaia unha imaxe moderna a deste saltador que lembra os atletas dos últimos xogos olímpicos, non si?

Até hai relativamente ben pouco nada (ou case nada) se coñecía da pintura grega porque nada (ou case nada) sobrevivira. Desapareceran os frescos que decoraban os templos, os santuarios ou os palacios. Pero no ano 1968 un grupo de arqueólogos descubriu unha tumba completamente pechada na cidade de Paestum que tiña o seu interior fermosamente decorado.

Ao estar illadas da luz, da humidade e doutras inclemencias (e tamén dos "bárbaros") as pinturas interiores estaban nun estado case perfecto.

E entre elas estaba esta imaxe deste mergullador, que forma parte de toda unha historia que se "narra" nas catro paredes da tumba.

O que máis chamou a miña atención neste fresco do mergullador de Paestum foi a harmonía e a precisión das pinceladas, así como a gran pureza no debuxo deste home que salta quizais cara á eternidade, porque disque a pintura fai alusión á viaxe cara ao Alén.

Consérvase a tumba enteira no Museo Arqueolóxico Nacional de Paestum, que está moi preto do xacemento e paga realmente a pena visitar.
Comentarios (3) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 17-11-2012 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
De Gustave Caillebotte: Os acoiteladores do parqué

Grazas á miña amiga Julia coñecín este cadro realista do Museo d'Orsay de París.

Abraiante, non si?

Trátase dunha obra de Gustave Caillebotte (París, 1848-Gennevilliers,1894)titulada Os acoiteladores do parqué (Les raboteurs de parquet) pintada no ano 1.875.

(por certo que Caillebotte morreu con só 45 anos!)

Trátase dunha das primeiras representacións do proletariado urbán. Do mesmo xeito que Millet se interesara polos labregos Caillebotte ollou para os traballadores da cidade e as súas condicións de vida. POr iso nos presenta esta escena de obreiros a acoitelaren o parqué dunha casa aparentemente rica.

Nos seus tempos o cadro foi rexeitado pola crítica por presentar un tema tan "vulgar".

Caillebotte virou cara ao impresionismo.

Que estarán a falar eses dous homes da dereita mentres acoitelan o parqué?

Cando pararán por fin para descansar e botar un grolo de viño da botella da que teñen á súa beira?
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 12-11-2012 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
De Marteen van Heemskerck: O faro de Alexandría
Non podo deixar pasar máis tempo sen incluír ao holandés Marteen van Heemskerck (1498–1574) nesta categoría que titulei de "Casa Van Gogh".

Marteen van Heemskerck dedicou parte da súa produción artística a pintar ou a facer gravados das sete marabillas do mundo antigo, entre elas o Faro de Alexandría que vos achego, e que ten unha gran relevancia na miña novela Libro das alquimias (Galaxia, Vigo 2007)

Marteen van Heemskerck mesmo se converteu nun personaxe máis da novela grazas a este gravado.

Velaquí vos achego o momento en que o pintor aparece na vida do protagonista:

Todo no lenzo semellaba tan real que eu non tardara en escoitar o bater das ondas a amasaren aquelas areas tan suaves e tan brancas, e os chíos das gaivotas que proxectaban a ledicia das súas pequenas sombras pola praia.
O pintor suspirara emocionado.
Oíches algunha vez falar de Paul Gauguin, rapaz?...
Volvera baixar a ollada.
Gauguin, Paul. (París 1848- Autona, Illas Marquesas 1903) Pintor. A súa obra representou a superación do impresionismo. Encheu as súas derradeiras obras con todo o colorido das paisaxes e as mulleres de Tahití, cos seus vestidos cheos de flores, os cabelos morenos e os corpos bronceados...
Eu tamén son amante das cores intensas e quero reflectir a quietude do mar. Quero pintar unha homenaxe á serenidade...
Cheo de orgullo e satisfacción, botárase un pouco cara atrás para poder contemplar a pintura en toda a súa plenitude, en todo o seu esplendor, en toda a súa grandeza.
Retrato de home na praia... Velaquí tes o último cadro do Marteen van Heemskerck! Mar-teen-van-Heems-kerck, recalcara con petulancia.


Non imaxinades canto lle debo a este pintor menor que dalqún xeito intentei rescatar dun inmerecido esquecemento e a quen puxen a falar de novo en pleno século XXI, un pintor a quen a miña ficción narrativa levou a retratar a Hypatia de Alexandría:

Tirou do peto da bata un lapis de carbón e púxose a sacarlle punta coa axuda dunha navalla. Logo pintou varios trazos para encaixar o que había de ser unha nova figura humana. O artista non dixo nada de nada en todo este tempo, gran amante como era da solemnidade do silencio. Tampouco non articulamos palabra nin o vello nin eu. Dedicámonos a observar, sentados nas nosas cadeiras, como a súa man adestrada ía debuxando encol do lenzo os primeiros trazos da faciana dunha muller moi atractiva, unha moza de fermoso nariz, de cabelo moreno moi curto, recatado peiteado, e unha absoluta ausencia de enfeites que puidesen disfrazar a cara, apenas dúas diminutas perlas nos lóbulos das orellas e máis nada. A beleza daquel rostro completábase coa franqueza que reflectían dúas pupilas de negro acibeche que transmitían sinceridade e firmeza na ollada.
Unha vez rematado o retrato Marteen van Heemskerck xirou o corpo e dirixiuse ao vello para comezar a recitar o que semellaban ser os versos dun poema coa suavidade da súa voz máis cándida... Rosa vermella, Rosa orgullosa, triste Rosa dos meus días!... que provocaron que ao ancián se lle alumease a cara cunha ledicia desbordada antes de continuar dicindo... Rosa amada e admirada... Rosa dos máis fondos laídos... Rosa da chuvia de bágoas... Rosa das noites de desvelo... resplandecente Rosa dos meus libros... agachada baixo unha toga de punxentes espiñas... coroada de tenruras... de amores... de orgullo... de sabedoría... Hypatia!... miña querida Hypatia!... miña máis fermosa Rosa de Alexandría!...



Velaquí, para rematar, a descrición do gravado que vos achego en Libro das alquimias:

Colgado ao fondo do estudo tamén estaba o cadro do faro de Alexandría, o gravado que estampara alá polo século dezaseis segundo unha vez o vello me contara, aquela illa coa torre enraizada nos seus penedos, co porto do Heptastadium deitado aos seus pés, ateigado de barcos, pletórico de actividade, e coa cidade detrás, adiviñándose alá ao lonxe, na distancia...

Grazas, Marteen van Heemskerck, por todo canto temos viaxado xuntos a través deste gravado!
Comentarios (0) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 11-11-2012 14:12
# Ligazón permanente a este artigo
De Ramon Casas: Patio da antiga cadea de Barcelona
Remexendo no googleartproject descubrín este cadro de Ramon Casas, impresionista catalán e impulsor do modernismo (Barcelona, 1866-1932), titulado Patio da antiga cadea de Barcelona, que forma parte da colección do Museu Nacional d'Art de Catalunya, MNAC.

Viñeron á miña mente moitas preguntas acerca da soidade que se respira nese patio, que supoño cheo de presos (tristes) noutros momentos do día...

Abraiáronme as tonalidades que usou o artista para plasmar esa soidade e tamén esa sensación de tristura e de friaxe, as árbores espidas de follas, as casas que pechan o escenario pola parte de atrás (unha delas coa cheminea a botar fume para nos lembrar que estamos no inverno e non vai nada de calor), o muro grisallo e sucio da cadea, a terra completamente desprovista de herba, mesmo esa garita de vixiancia que se intúe na parte esquerda do cadro...

Non puiden quitar da mente a prisión da miña novela 15.724 no momento en que Samuel R. a abandina derrotado tras da primeira visita a seu irmán:

Unha vez fóra do sinistro edificio respirou fondamente na procura do aire que lle faltara dende o momento da entrada. Cun terríbel sentimento de derrota, a mente ocupada por aqueles berros de Gordo, e na procura dunha explicación a todo canto viña de acontecer, volveu ler o lema das penitenciarías da Patria: PROFESIONALIDADE, EXCELENCIA, HONRADEZ, esculpido na parede gris da fachada.

Veña un grolo, logo, por Ramon Casas!

Por certo, que hai outro cadro de Ramon Casas no que aparece o mesmo patio pero no día da execución dun preso polo garrote vil, pero a obra xa é demoledora! Podedes velo aquí.

O patio retratado tamén se coñecía co nome de Patio dos cordeiros.
Comentarios (3) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 08-11-2012 14:13
# Ligazón permanente a este artigo
De Max Klinger: The Walker

Hoxe faloume un compañeiro, Luis, de Max Klinger (Leipzig, 1857 - Großjena, 1920), artista simbolista alemán.

E atopei este cadro fantástico, The Walker, que tanto contido ten en http://www.googleartproject.com.

Decididamente unha desas grandes obras de arte que gardan no seu interior toda a trama dunha historia moi longa, do mesmo xeito que acontecía con aquel cadro que comentei de Edward Hopper, Falcóns nocturnos.

Ollade The Walker por uns instantes.

Parados nun momento case imposíbel entre a realidade e a fantasía, perdidos nunha paisaxe dende logo nada acolledora, un home vese acosado por unha banda e desenfunda unha pistola...

Que hai detrás do muro de ladrillos onde a escena se desenvolve?
Que hai na cabeza de cada un dos homes retratados?
Que vai dicir o primeiro deles que abra a boca para falar?
Que dixo o último que falou?

Que inquedanza!

Veña un grolo por Klinger!

Por certo, que o cadro está no Staatliche Museen de Berlín.

Comentarios (2) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 06-11-2012 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Peixes na praia de Botafogo
Ollade esta fotografía duns peixes xigantes na praia de Botafogo en Rio de Janeiro, no Brasil.

Están feitos con botellas de plástico recollidas do lixo.

Descoñezo o autor, os autores, a autora, as autoras...

Descoñezo quen tivo a magnífica iniciativa de converter as botellas de auga de plástico en peixes...

Pero si sei que este mundo noso non pode acoller a inxente cantidade, a monstruosa cantidade, de plástico que se utiliza cada día para mil e unha cousas que se poderían facer con outros materiais.

Unha mágoa que sexan tan fermosos estes peixes.

Unha mágoa non poder acabar con este pesadelo de plásticos!

De seguir así isto os únicos peixes que verán os nosos descendentes serán coma estes...
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 22-06-2012 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
De Edward Hopper: Falcóns nocturnos

Velaquí os Falcóns nocturnos de Edward Hopper , un máis que abraiante cadro de 1942 que ten unha capacidade única para convidar a quen o observe a se meter no seu interior...

para escoitar as conversas das persoas que toman unha copa no Phillies pola noite,
para saborear tamén unha copa, como non?
para sentir o son dos coches que pasan pola rúa
para escoitar unha música lonxana a soar
para deixarse hipnotizar polo ulido do tabaco (agora imposíbel) no interior do local
para...

que estará a facer ese home que nos dá as costas?
Que conversa manteñen o camareiro e o home que está acompañado por unha muller?

É noite

As rúas están empezando a ficar desertas

É hora para tomarmos unha copa antes de marchar...

Grazas, Edward Hopper, por convidarnos a soñar!

Comentarios (2) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 11-06-2012 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Alberto Giacometti e o seu camiñante
Quero ser este home de Alberto Giacometti.

Quero ser ese home que debuxa a súa silueta no horizonte.

Quero ser ese home que olla cara adiante,
ese que ten os pés unidos ao chan.

Quero ser este home que se estira cara ao ceo e ocupa un lugar de seu mentres camiña.

Quero ser ese home de grandes e seguras alancadas, de paso certo, de convencido andar.

Quero ser este home que nunca deixa de avanzar.


Comentarios (0) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 15-05-2012 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
Pieter Brueghel o Vello: Xogos de Nenos

Se alguén me preguntase por que adoro este cadro e tivese que respostar axiña probabelmente diría que polo caos que reflicte.

Trátase de Xogos de nenos de Pieter Brueghel o Vello, pintor flamengo do século XVI (Brueghel, preto de Brée, c. 1525 - Bruxelas, 1569) Morreu noviño, non si?

A obra foi pintada no ano 1560 e está no Kunsthistorisches Museum de Viena.

Pieter Brueghel quería facer unha homenaxe a todos os xogos infantís que coñecía e pintou unha praciña, ou unha rúa, ateigada de nenos e nenas a xogar...

Nada máis lonxe destas rúas nosas de hoxendía tomadas polos coches... e os nosos raparigos "tomados" polos videoxogos!

Comentarios (1) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 13-12-2011 19:43
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal