Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Do libro O soño galego de Julio Cortázar
Acaba de chegar ás miñas mans o libro O soño galego de Julio Cortázar de Francisco X. Fernández Naval, publicado por Edicións Linteo, un moi interesante estudo sobre a presenza do grande Cortázar na literatura galega contemporánea agora que se celebra o centenario do seu nacemento.

Quixera agradecer de corazón as páxinas dedicadas polo autor á miña obra, en especial aos meus libros As humanas proporcións e Shakespeare destilado.

Di Fernández Naval que neles atopa "pegadas de Julio en acción", especialmente no relato "Non escoites a Giovanna", e pregúntase "que vínculos, casualidades, encontros a deshora ou botellas ao mar da nube dixital, non tería provocado Cortázar".

Unha dobre honra para min como escritor: a presenza de pegada de Cortázar na miña escrita e o feito de aparecer nun libro, o de Fernández Naval, que de verdade recomendo.
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 19-11-2014 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Das miñas respostas no Cuestionario Proust
Convídovos a ler as miñas respostas ao Cuestionario Proust do Caderno da Crítica do grande Ramón Nicolás:

Cuestionario Proust: Xesús Constela
Comentarios (1) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 26-02-2014 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista para a revista Qué leer
Velaquí a entrevista que me fixo Ramón Nicolás para a revista Qué leer, nº 191:

XESÚS CONSTELA: NADA MORRERÁ XAMÁIS SE ESTÁ DENTRO DUN LIBRO

XESÚS CONSTELA, TRAS PUBLICAR ESTE ANO 15.724, ANUNCIA A TRADUCIÓN AO CASTELÁN DA SÚA NOVELA SHAKESPEARE DESTILADO. FALAMOS SOBRE ESTES TÍTULOS E SOBRE A SÚA TRAXECTORIA LITERARIA.

Xesús Constela (Ferrol, 1963), licenciado en Filoloxía Inglesa e profesor nun instituto de secundaria en Poio, onde vive, conseguiu a XV edición do Premio Torrente Ballester, e o recoñecemento da Asociación Española de Críticos Literarios na modalidade de narrativa en galego, co libro As humanas proporcións (2004). A este título seguiu a novela Libro das alquimias (2007) e en 2008 vería a luz Shakespeare destilado (próximamente traducido ao castelán en Pulp Books), unha proposta narrativa coa que alcanzou no seu día o premio de Novela Manuel García Barros. A súa última novela é 15.724.

-Que permanece en vostede, como autor, desde os primeiros pasos naquela revista artesanal salmantina dos oitenta até hoxe?
-Permanecen inalterables as miñas ganas de (re)interpretar a realidade e o meu desexo de plasmar esa (re)interpretación sobre un papel. Actúo como unha especie de filtro, permítaseme a comparación: capto a realidade, ou quizais a absorbo, que sei eu, para despois transformala, ou procesala, ao meu xeito, e finalmente liberala en forma de palabras escritas, de literatura, á fin e ao cabo.

-Os premios outorgados o seu primeiro libro, supuxeron o apoio necesario para seguir?
-Os relatos que conforman ese libro non só foron capaces de abrirme o camiño; tamén me indicaron dun xeito moi claro e moi concisa o camiño polo que debía seguir. Gozaron dunha importancia radical na miña vida.

- No seu Libro das alquimias hai moito de metaliteratura…
-Libro das alquimias está habitado por libros que están vivos e bibliotecas que se viron obrigadas a aprender a sobrevivir. Da man dos dous protagonistas, ese neno e ese vello anónimos a conciencia, ao lector convídaselle a camiñar entre libros e bibliotecas, a convivir cos seus inimigos e os seus defensores, e iso é posible por obra e graza das palabras escritas. Nada morrerá xamais se está dentro dun libro que un lector pode coller entre as súas mans…

-A fonte das súas creacións é sempre a realidade procesada… Tamén en Shakespeare destilado?
-É precisamente en Shakespeare destilado onde dun modo máis consciente intentei plasmar a miña visión da creación literaria: Willy, o protagonista alcohólico e admirador dos sonetos de Shakespeare que (re)interpreta, coma min, ao seu xeito, constrúe unha maqueta (o escenario) no salón da súa casa e sobre ela ve aparecer a uns personaxes (Susanna, o Inspector…), que se verán inmersos nunha trama de intriga (e sexo e amor e desamor) que ocupa a segunda parte da novela; todo iso condimentado con grandes doses de ironía e de gin tonics. Neste libro, un longo monólogo que zumega humor polos catro custados, a literatura bébese, procésase estomacalmente e vomítase.

-De 15.724, a súa última novela, destaco persoalmente ese alegato contra a pena de morte e a reflexión sobre as fronteiras entre a cordura e a tolemia…
-A pena de morte é algo que me repugna no máis fondo porque de ningún xeito podo compartir a idea de que unha institución poida ser quen decida cando debe finalizar a vida dun ser humano, independientemente do delito que poida cometer, e 15.724 responde a un desexo de expresar esa repugnancia. E aínda me repugna máis cando o condenado é unha persoa que vive nun mundo propio que ninguén intentou comprender xamais, unha persoa a quen a sociedade deixou de lado… Resultoume duro facelo pero… tiña que dicilo!

Ramón Nicolás
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 13-10-2013 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Cita no IES de Valadares
Desexo dar as miñas grazas de corazón aos lectores e lectoras do IES de Valadares, en Vigo, que onte me convidaron a compartir con eles unha fermosa velada no seu Club de Lectura para falarmos de todo canto se agacha detrás ada miña novela 15.724.

Nada máis fermoso no mundo que poder conversar cos lectores da túa obra.

Grazas de xeito especial a Ramón Nicolás, que tan ben dirixe ese club de lectura, que mesmo ten unha acolledora e fermosa sala de reunións cunha videreira artesá na fiestra, e ao meu gran amigo Anxo Cabada pola foto que vos achego.

Grazas a todos e todas de corazón!

Foi un pracer!

Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 04-06-2013 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
Agasallo do meu alumnado
No blog Os trasnos dos libros da Biblioteca do IES de Poio, o meu alumnado de 2º de bacharelato fíxome o fermoso agasallo de gravar comentarios acerca de 15.724.

Desexo dar as grazas de corazón aos participantes na elaboración deste agasallo sorpresa e á súa profesora de galego Anxos Rial.

Grazas!
Comentarios (3) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 26-01-2013 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
Grazas aos lectores
Dende o máis fondo do meu corazón desexo dar as grazas a todos os lectores que confiastes en min para a lectura da miña novela 15.724.

Grazas tamén por todos os comentarios acerca dela.

Grazas aos críticos que analizaron o seu contido.

E grazas especialmente a todos os que a propuxestes como mellor libro de narrativa para adultos de xeito que quedou como a segunda máis recomendada na Tabela das letras do blog Criticalia de Armando Requeixo no pasado mes de outubro...

e a todos cantos a votastes como mellor novela do ano 2012 de xeito que quedou no sétimo lugar da categoría no blog Fervenzas literarias.

Nada máis grande que a confianza dos lectores!

Grazas, grazas e grazas!

Comentarios (1) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 18-01-2013 11:11
# Ligazón permanente a este artigo
Da "Conversa" de onte no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra
Onte tiven o inmenso pracer de compartir unha longa conversa co alumnado dos ciclos formativos de "Guía información e asistencia turísticas " e "Xestión de aloxamentos turísticos" do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra convidado polo Equipo de Normalización Lingüística do Centro, que tan ben leva a profesora de francés Consuelo Vercher.

Falamos (van ser guías turísticos) de como se debe potenciar o noso gran tesouro literario entre a xente que nos visita porque é unha das cousas máis grandes que temos e debemos sentirnos moi orgullosos.

Falamos de como comecei a escribir e por que e dos moitos proxectos de futuro que teño.

Falamos tamén dos sindicalistas que están en folga de fame en Pontevedra en fronte da Audiencia Provincial por defenderen os dereitos dos traballadores neste país na actualidade tan hostil contra o labor sindical.

Falamos do vello e o neno protagonistas de Libro das alquimias e de Lily a d'As humanas proporcións, e de Willy o de Shakespeare destilado, e, como non, de Gordo e Samuel R., que habitan as páxinas de 15.724.

E tamén falamos da pena de morte no mundo, da inxustiza de nacer en Mali na pobreza máis absoluta e viaxar cara a Europa a bordo dunha lanchiña na procura dun soño que non existe.

E tamén da Illa de Sable, que só existe nos mapas...

Foi unha tarde marabillosa!

Grazas a todos os que estabades alí.

Grazas de verdade!
Comentarios (0) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 27-11-2012 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
Un retrato de Anxo Cabada en Castro Candaz

Este retrato que me fixo Anxo Cabada en setembro de 2011 no cumio das ruínas do que foi o Castro Candaz (hoxe debaixo das augas do encoro de Belesar) vén que nin pintado para ilustrar esta pasaxe da miña novela 15.724:

Unha vez que sentiu recuperadas as forzas botouse a correr de novo outros cantos metros máis para ver de subir a un outarelo dende o que por vez primeira, non sen dificultade, albiscou na lonxanía os muros da Patria, que tal como contaban as lendas semellaban inmensos e infranqueábeis.

Grazas, Anxo!
Comentarios (3) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 30-09-2012 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
www.xesusconstela.com
Convídovos a visitar a miña nova páxina web, que con autoría e deseño do meu fillo Raúl, está en funcionamento dende o pasado día 27 de setembro, data da presentación da miña novela 15.724 en Pontevedra.

http://www.xesusconstela.com/
(Pódese acceder a ela dende un enlace permanentena parte esquerda desta páxina.)

Nesa web poderedes atopar as seguintes seccións: Obra, biografía, textos, novas, galería de fotos, críticas e entrevistas, ademais de poder mercar os meus libros on line.

Grazas polas vosas visitas!
Comentarios (1) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 29-09-2012 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de 15.724 en Pontevedra
Velaquí unha magnífica presentación de fotografías realizada por Anxos Rial para o blog Os Trasnos dos Libros da biblioteca do IES de POIO.

Podedes ver o artigo completo aquí.

Nada mellor que estas imaxes para comezar unha nova tempada que comeza neste Tiñádelo que ver que ten un "new look".

Grazas de todo corazón a Anxos Rial, ao alumnado e mais ao profesorado do IES de POIO que arroupou coa súa presenza unha presentación que xamais esquecerei.

GRAZAS!



Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 29-09-2012 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal