Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

aquela cidade perdida

Esta foto, feita nun taboleiro de cortiza nunha clase do IES de POIO na mañá do día de hoxe, 16 de decembro de 2014, inspirou este texto:

aquela cidade perdida

moito perderamos o tempo
na procura da cidade
que non dabamos atopado

vacilabamos

pero que camiño tiñamos que coller?

só encontrabamos paisaxes
onde o millo era amarelo,
a terra era redonda
e o mar cheiraba a salitre.

a cidade eramos nós
simplemente nós

e nese noso recuncho
a terra resultou ser un cadrado perfecto
o millo sempre tivera o cheiro do salitre
e o mar era un estoupido de reflexos amarelos
Comentarios (2) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 16-12-2014 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
aquel alumno aplicado
Esta foto é do escaparate dunha tenda do casco antigo da cidade de Coimbra. Fíxena o día 2 de marzo de 2014 e inspirou este texto:

aquel alumno aplicado

en medio do rebumbio
os profesores puxeron en venda aquel alumno aplicado (quen dá máis?) pero ninguén poxou

colgáronlle o letreiro de alúgase
pero tampouco ninguén o alugou

nin unha bágoa abrollou dos seus ollos (tan traballadores tan estudosos)

desterrárono ao recuncho máis perdido do almacén agachado entre batas, vestidos, pixamas e pantalóns

(os ollos sempre abertos nunca deixou de mirar cara un futuro
que endexamais acadou)
Comentarios (0) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 30-11-2014 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
De vagar
No verán de 2013 na cidade portuguesa de Viana do Castelo fixen esta foto no interior do barco Gil Eanes e a partires dela naceu o texto que vos presento, titulado De vagar.

pouquiño a pouco
paseniño
de vagar
así foi como descubrimos que as palabras nosas eran (quizais) as mesmas
a mesma cor
o mesmo son
que as mans nosas eran quen de se entrelazar
(dedo a dedo)
unha morea de veces máis
que a respiración nosa era canto acompasado
anuncio de moitos abrentes que (aínda) habían de chegar
foi así
pouquiño a pouco
paseniño
de vagar
Comentarios (3) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 26-11-2014 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
meeting point

Na praia d’A Lanzada, no concello d’O Grove, un 5 de marzo de 2011 soleado e con marea baixa, descubrín o meu meeting point particular, ese lugar segredo onde poder fuxir para reencontrarme comigo mesmo:

meeting point

pedra
rocha
area
son illa agachada en algas
letra que navega
emancipada das escravitudes da ortografía
(velaquí o meu espazo máis privado e máis íntimo
o paraíso para me adurmiñar despois da singradura)
son gamela
caiuco que foxe do lento ronsel das despedidas
parágrafo maldito
no mar interminábel das frases feitas
(velaquí o meu corazón que latexa
aurículas de area
ventrículos de salitre)
serei onda cando canse
mergullareime
silandeiro
no mar máis fondo
no océano máis infindo
son pedra
son rocha
son illa
(velaquí o meu acubillo máis prezado
o meu punto de encontro
o meu paraíso)
Comentarios (1) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 19-09-2014 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Xarope para unha sociedade aparentemente feliz
O 21 de agosto de 2013 na vila de Cardona, na provincia de Barcelona, comarca de Bages, atopei esta caixa chea de cascos á entrada do Parc Cultural de la Muntanya de Sal. Non puiden deixar de pensar que dentro había cerebros e decidín escribir esta receita de

Xarope para unha sociedade aparentemente feliz


Ingredientes:
- unha boa cantidade de cerebros humanos de machos e de femias a partes iguais
- unhas grandes dose de demagoxia
- auga en abundancia
- varios paus moi enérxicos
- unha chea de ignorancia

Lávense ben os cerebros e póñanse a cocer en auga fría até que as ideas empecen a se desprender, momento no que se deben retirar para volvelos lavar. Esta operación pode realizarse todas as veces que se considere oportuno até que non quede nos cerebros nin a máis mínima pegada de imaxinación.

Para facer o xarope, engádanselles unhas boas doses de demagoxia e de paus para despois deixalos macerar en ignorancia un bo anaco de tempo. (Este proceso deberá realizarse coa máis grande das lentitudes e coa máxima das discrecións.)

En caso de non querer utilizar os paus, esta receita tamén se pode elaborar cunha boa e contundente malleira.
Comentarios (0) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 17-09-2014 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Rapaza de auga
Mentres paseaba polas rúas de Coimbra o tres de marzo deste ano descubrín nunha parede esta faciana de muller que me miraba...

como non sucumbir a ese teu ollar tan líquido
como non deter a camiñada
como non querer gozar do frescor do teu corpo
todo
como non devecer por esluírme en ti
como non desexar esvarar contigo pola rúa costa abaixo
ás carreiras
enchoupar o mundo
ser pucharca
chorro
pingueira
como non querer mollar contigo as lousas todas
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 16-09-2014 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
O futuro non está escrito!

Con esta fotografía que fixen nunha rúa da cidade de Nápoles no verán pasado quixera desexar a todas as persoas que visitan este blog que teñan un bo nadal e un feliz aninovo 2013 (dentro do posíbel, claro).

E que todo o mundo lembre que:

O FUTURO NON ESTÁ ESCRITO!
Comentarios (1) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 23-12-2012 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
O Hotel do Parque en Caldas do Gêres

Só agardo que isto non sexa un símbolo deste Portugal de hoxe esganado polo gran capital (un símbolo de todos nós, quizais, á fin e ao cabo)

Onte tiven o pracer inmenso de pasear pola Vila de Caldas do Gêres, no interior do Parque Nacional da Peneda-Gêres no norde de Portugal.

E din de bruzos con este hotel ruinoso á beira da estrada que serve de entrada á vila: O Hotel do Parque, símbolo dun antigo esplendor de ricachos que acudían ás termas para beberen as augas, descansar e intercambiar conversa.

Hoxe polos seus cuartos camiñan pantasmas (e ratas, supoño). Supoño que se pegamos ben as orellas ás portas para sempre fechadas poderemos oír milleiros de confidencias que haberían deixarnos coa bocas abertas de par en par.

Cantas historias non se poderían escribir de sermos quen de escoitar esas converas!

Cantas!

Como en medio dun neboeiro abriría de novo as súas portas o Hotel de Parque, achegaríase ao noso taxi un conserxe perfeitamente uniformado e collería as nosas equipaxes coa chave do cuarto xa preparada na man...

Pero ao pouco de entrarmos veriamos como ese conserxe non era maís ca unha morea de pó que se iría esluíndo no ar a medida que camiñabamos polo corredor...

Decatariamonos entón de que estabamos atrapados para sempre

pola forza inesgotábel das lembranzas...
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 07-10-2012 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Unha xuntanza en Pontevedra
A cita foi en Pontevedra o día tres de marzo.

Reunímonos para xantar e tamén para falar do divino e o humano.

Na fotografía que vos achego estamos, de esquerda a dereita, Armando Requeixo, Adolfo Caamaño, Xesús Constela (un servidor), Antón Riveiro Coello, Xosé Monteagudo e Anxos Sumai.

Apenas houbo temas que non tocaramos: a literatura e os literatos, a crítica, os críticos (e os criticados), a penosa situación política deste país noso, a fotografía da filla de Rosalía, o aroma da colonia Varón Dandy, as pirámides de Exipto, un home que se cría gran de millo, o fermosa que está a cidade de Pontevedra, a telefonía móbil...

O ano que vén citarémonos en Boiro!

Comentarios (1) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 04-03-2012 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Deste Porto que cae
Máis fotos feitas co móbil: esta corresponde á cidade portuguesa de Porto.

Un día de paseo cuns amigos pola zona antiga da cidade foi como facer un percorrido pola saudade do pasado.

O Porto vello esmorece coma unha cidade a piques de morrer...

Por que? preguntámonos unha e outra vez.

Por que unha cidade tan fermosa e sempre tan viva está agora deshabitada e ruinosa?

Contestounos un portuense: A cidade antiga non atura a desaparición dos compradores que escaparon en masa cara aos xigantescos centros comerciais construídos nos arrabaldes.

A xente marchou e as tendas pecharon: resulta case imposíbel atopar un lugar onde facer a compra diaria na zona antiga. Xa non hai tendas nin supermercados.

E logo pecharon os demais comercios.

E a xente marchou á procura doutras zonas da cidade máis modernas e máis cómodas para vivir.

Poderá este Porto antigo (neste Portugal tan empobrecido pola crise actual) sobrevivir á presión dos grandes centros comerciais e os novos núcleos urbáns?

Nesta casa da fotografía "habitantes" de cartón piden auxilio dende as fiestras...

Haberá alguén que corra na súa axuda?
Comentarios (3) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 15-01-2012 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal