FESTIVALEIR@S DENDE O ANO 2000.

xentetitiriteira
fitredondela@hotmail.com
 FIT REDONDELA
  FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA
 TÍTERECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

18 FESTIVAL INTERNACIONAL DE TITERES DE REDONDELA .Memorial Juanjo Amoedo do 15 ao 21 de maio do 2017

O XVIII FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA CONVIDARÁ A 25 COMPAÑÍAS DO 15 AO 21 DE MAIO


Compañías de Brasil, Arxentina, Italia, Dinamarca, Reino Unido, Estados Unidos, Madrid, Andalucía, Cataluña e, por suposto, de Galicia, compoñen o cartel da 18º edición

A programación inclúe actividades escolares, representacións en sala, unha exposición de autómatas e propostas de rúa o Día das Letras Galegas e na fin de semana

Redondela, 07/04/2017. A XVIII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela desenvolverase entre o 15 e o 21 de maio. Un total de 25 compañías de diversas procedencias: Brasil, Italia, Estados Unidos, Dinamarca, Arxentina e Galicia entre outras,encherán a vila de espectáculos para todos os públicos.

A programación comezará coa campaña escolar en Chapela e Redondela, a cargo das compañías Tato Criaçao Cênica do Brasil, El Chonchón de Arxentina e os galegos de Tanxarina, cun total de oito funcións.

Programación de sala

O martes 16 arrancará a programación de sala co espectáculo para adultos ‘Circus Funestus’ da danesa Sofie Krog, unha proposta incluída no programa do ano pasado pero que, por un desgraciado accidente, tivo que ser substituída. Tanxarina e Tato Criaçao Cênica serán os protagonistas o Día das Letras Galegas, mentres que La Canela, de Andalucía, e os arxentinos de El Chonchón, representarán os seus espectáculos o xoves e venres, respectivamente. Xa na fin de semana, Títeres sin Cabeza de Aragón, Didi Rodan de Madrid e Huber Marionetas de EEUU completarán a programación no Multiúsos da Xunqueira, e o domingo tamén se realizará unha representación no Centro Recreativo Cultural cos galegos de Monifate Teatro.

Rúa días 17, 20 e 21

Un ano máis, o Festival coincide co día grande da lingua e cultura galegas. Para celebralo, as prazas e rúas da vila encheranse de teatro de títeres e música. Máis de 40 representacións teatrais, actuacións musicais de The Turres Band, espectáculos itinerantes e un espazo de xogos pensado para os máis pequenos.

Ademais da programación oficial, tamén haberá por diversos puntos da vila os míticos Títeres pola Gorra e na Alameda instalarase o tradicional Mercadiño Titiriteiro, que abrirá o prazo de reserva o día 17 de abril (as bases xa se poden consultar no Facebook o na web do Festival).



Exposición de autómatas e paseo polo Río Maceiras

O programa de actividades compleméntase coa exposición ’40 años de La Tartana’, unha mostra interactiva onde é o propio espectador o que articula o mecanismo para que funcionen os diversos autómatas que a conforman.

Na mañá do domingo, e debido ao grande éxito obtido nas anteriores edicións, desenvolverase a ruada participativa ‘Eu paseo, eu pastoreo’ protagonizada pola compañía catalana Xip-Xap Teatre. Este ano as ovellas serán os animais convidados, e o Paseo do Río Maceiras o percorrido. A rapazada e os pais e nais poderán vir disfrazados de ovellas para gozar desta actividade ao mesmo tempo que descubren un dos máis bonitos recunchos de Redondela.

A Asociación
Asociación Xente Titiriteira é un colectivo sen ánimo de lucro e que durante meses, e en maior medida as semanas do festival, traballan e se esforzan nun evento coma é o Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo.
Como en calquera asociación baseada na autoxestión hai unha Xunta Directiva e uns asociados que designan e delegan nun equipo ou comisión a xestión do mesmo; tanto os temas de loxística e as necesidades técnicas como a liña artística e de programación.
Xa son 18 anos de festival e podemos dicir sen medo a equivocarnos que o Festival de Títeres de Redondela é na actualidade o evento cultural máis importante da vila, tanto polo número de asistentes como polo retorno económico que deixa e sobre todo polo impacto publicitario e de visualización nos medios e nas redes sociais. E todo iso conseguiuse dende o asociacionismo, a voluntariedade, o traballo desinteresado e o amor á nosa vila dun grupo de persoas diversas que cren no poder transformador da cultura, a través do teatro como punto de encontro. Confiamos en que as administracións se comprometan con este evento cultural e as súas necesidades.
Máis información e programación completa:
www.festivaltiteresredondela.es
https://www.facebook.com/FestivalDeTiteresDeRedondela
fitcomunicacion@gmail.com // fitredondela@hotmail.com
Comentarios (0) - Categoría: 18 FESTIVAL INTERNACIONAL DE TITERES DE REDONDELA - Publicado o 06-05-2017 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
festivaltiteresredondela.es