 Aproveitando un convenio da Secretaría Xeral de Política Lingüística coa editorial A Nosa Terra para a realización de proxectos de fomento da lectura, os alumnos/as de 2º ESO asistiron o día 4 de novembro a un encontró co escritor e ilustrador Anxo Fariña. A charla-coloquio tivo lugar na casa da cultura da Cachada. Previamente á visita do autor os alumnos/as leron un libro que se lles regalou, A espeda esmeralda, da colección Megatoxos para que a interrelación lector-autor fose máis efectiva.
Na charla-debate , Anxo Fariña compartiu as súas experiencias cos alumnos/as sobre a creación da obra; unha conversa amena onde o escritor explicou como utiliza as novas tecnoloxías na creación das ilustracións, ao mesmo tempo que fixo demostracións de debuxo directo e explicou os procesos mentais da creación. |
Aínda que non constituído formalmente o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES para o presente curso 2009 -10, ao faltar o nomeamento de profesores/as, alumnos/as e persoal non docente, iniciamos a andaina desta nova singradura co ánimo de contribuír, aínda que sexa modestamente, a que a normalización da lingua galega sexa un feito o máis rápido posible. Non nos poden abater os feros embates que a nosa lingua segue a recibir despois de cinco séculos de opresión e agresións. Para alentarvos convídovos a que leades o seguinte texto dun discurso de Ferro Ruibal. Se o inglés o conseguiu, ¿ porque non pode acadar tamén o galego a súa plena normalización?¡ Sexamos os novos “lolardos” da nosa lingua!
Manuel Román Ramos
Coordinador de ENDL
|
O 14 de outubro do ano 1066 os normandos derrotaron aos ingleses na batalla de Hastings. Alí nese día perderon os ingleses o seu rei, o seu reino e, en menos de 20 anos , gran parte da súa identidade como pobo. En vinte anos a lingua dos documentos, dos tribunais, da igrexa e da vida civil pasou a ser o francés; o rei Guillelme I entraba no mosteiro de Peterborough con 160 arqueiros, puxo un abade e varios monxes francófonos, unha ducia de cabaleiros, e outra ducia de homes, repartiulles as terras e aos nativos ingleses convertiunos en servos do abade e dos tenentes libres normandos.
Aos ingleses non lles quedou máis remedio que afrancesarse e iso revélao con toda claridade a análise das cicatrices da lingua inglesa: todos os nomes ingleses dos oficios que traballaban para os mosteiros e os castelos desapareceron e foron substituídos polos nomes que esas profesións tiñan na lingua francesa dos novos donos de Inglaterra. O canteiro que se chamaba heardhewer pasou a chamarse mason (como o maçon francés); o carpinteiro, que se chamaba wyrhta pasou a chamarse carpenter; e o pintor, que se chamaba, limner pasou a chamarse painter … O inglés quedou convertido na lingua das aldeas, dos irredentos. Por iso só resistiron en inglés os nomes das profesións que os normandos non querían para eles: o muiñeiro seguiu sendo miller; o ferreiro, smith; e o labrego, plowman. Queren examinar máis cicatrices? O porco, animal inmundo, conserva o seu nome inglés, pig, pero a sabedoira carne do porco ten fino nome francés pork; proba evidente de que os que o criaban falaban inglés, pero tamén de que os que o podían comer falaban francés.
Douscentos anos despois da conquista francesa condo nós xa temos o Pórtico da Gloria e na corte real en Toledo se compoñen en galego as Cantigas de Santa María, a cousa en Inglaterra ía a peor: os frades beneditinos de Westminster e de Whiby impóñense a prohibición de predicaren en inglés e mesmo de falaren entre eles o inglés. A situación da lingua inglesa era desesperada.
Trescentos anos máis tarde, a escola obrigaba aos nenos ingleses a abandonaren a súa lingua inglesa e a aprenderen todo en francés; e os fillos dos nobres xa só oían o francés dende o berce.
Pero algo se movía, porque en 1362 o Parlamento inglés ten que aprobar unha lei que admitía o uso do inglés nos xuízos, porque moita xente aínda non entende nin sabe expresarse en francés. Por esa época John Wyclif, teólogo e profesor da Universidade de Oxford, inicia a tradución da Biblia ao inglés; créase entón un movemento, os lolardos, que percorren as aldeas, facendo seráns bíblicos nos que len, comentan e memorizan textos biblícos. Moitos labregos e labregas inglesas aprenden a ler naquela bíblica en inglés e, aínda que aquel movemento biblista laico inicialmente á Igrexa pareceulle ben, acabouno combatendo, porque suplantaba a autoridade interpretadora do clero e acabou dicindo que poñer a palabra de Deus en inglés era botarlle as margaridas aos porcos; que falar de Deus en inglés era faltarlle ao respecto a Deus. 340 anos despois da batalla de Hastings, ler a biblia en inglés, defender a normalización do inglés era ser sospeitoso de heterodoxia.
Se lles contei estas cousiñas do inglés, que nunca se contan, é porque aqueles anglófonos, pobres, humillados e ameazados, resistiron numantinamente seiscentos anos pero no século XVII, por fin, viron a súa lingua inglesa plenamente normalizada
(Fragmento dun discurso de Xesús Ferro Ruibal) |