|
|
|
|
| 200 |
|
| Se non me saen mal as contas este é o artigo 200 do meu blog. Hai que celebralo. Por iso marcho unha semaniña a Taizé. Xa vos contarei. |
|
|
|
|
| Kun Fu Panda |
|
Estiven a ver o outro día a película Kun Fu Panda.
A min gústanme as películas de debuxos e recoñezo que hai algunhas realmente sensacionais. Fun vela animado polo xénero, polo trailer e porque estamos no verán e non lle podes pedir moito ao cine. Ademais a última película que fora ver foi "a voda da miña noiva" polo cal o listón estaba a rentes do chan.
A película déixase ver sen embargo creo que cae no tópico. O panda gordo que loita por ser mestre do Kun Fu. Os chistes non son moi logrados e se cadra peca de moitas escenas de artes marciais. Tamén parece sorprendente o parecido entre o mestre que aparece na película e o señor Miyagui de "karate kid".
En fin, se non buscas moito a peli non é mala de todo pero hainas mellores no mesmo xénero. |
|
|
|
|
| Firmastes? |
|
Firmastes o manifesto da federación de escritores Galeusca? Eu xa o fixen.
Entra aquí |
|
|
|
|
| Ons |
|
Veño de pasar uns días nas Illas Ons. Estiven durmindo nunha habitación que alugan a un prezo razoable e dende logo non entendo o motivo polo cal non estamos todos alí. As illas Ons é un lugar de paisaxe incrible onde se poden dar uns paseos inolvidables e se tedes a sorte do tempo que tiven eu podedes gozar das mellores praias do mundo.
É coma se a media hora de barco da nosa casa tivesemos un lugar mellor có Caribe. Creo que paga a pena ir ata alá. Non o perdades. |
|
|
|
|
| De nenos con pixamas |
|
Acabo de rematar o libro “O neno do pixama a raias” máis que nada para estar ao tanto de tan soada novidade editorial. Ademais tamén un pouco por militancia xa que o merquei en galego (factoríaK)
O primeiro que teño que dicir que o pretexto de non dicir de que trata o libro é máis ben un pretexto de marketing coma outro calquera. Estou convencido de que se un conta o argumento do libro non o compraría endexamais. Para os que non leron o libro habería que dicirlles o de Mayra Gómez Kemp (“y hasta aquí puedo leer”) Se ti es dos que liches o libro podes continuar a ver se compartes comigo a miña visión.
O tema está demasiado traballado. Todo é moi, moi predecible. Dende que lin a palabra Berlín souben de que ía tratar. Creo que o libro ten un problema de definición. Demasiado infantil para o público adulto e demasiado adulto para os nenos. Para adolescentes? Se cadra si. Xa vos direi.
A favor do libro unha pregunta e unha reflexión. Quen decide a que lado do aramado estás? Unha provocación para un mundo cheo de valados. O final, aínda que tan predecible coma o resto non podía ser doutro xeito. En fin, lédea. Rara vez vou dicir a alguén que non lea algo. É unha lectura fácil.
|
|
|
|
|
| Volver ou aínda non marchei |
|
Supoño que irá por temporadas. Supoño que hai momentos mellores e peores... por iso levo tempo sen actualizar este blog. Non é que non teña nada que escribir... teño moito e bo... se cadra é que non me sae ou que me dá preguiza darlle á tecla.
Teño un propósito para este ano que vén, volver a darlle á tecla. Polos seguidores do meu blog e por min mesmo. |
|
|
|
|
| Non é iso, creo |
|
Leo a entrevista que lle fan ao profesor Rábade en Vieiros e penso que está a anos luz da miña concepción da novela e da literatura. Sobre todo no que se refire ao seu titular.
Na miña opinión (sempre máis modesta ca de D. Xesús) o problema da literatura galega está na súa fonda seriedade. Ás veces parece que para ler unha obra galega hai que pór garabata. Parece que o gran novelista é o que nos fai ir continuamente a polo diccionario.
Eu dende aquí reivindico unha literatura áxil, que non sexa un estudo erudito de léxico rebuscado, máis ben unha literatura que se poida levar á praia, que unha persoa de nivel medio, con certo interese pola literatura poida lela na praia ou no autobús ou no tren.
Non falo dunha literatura chea de faltas de ortografía, nin repleta de castelanismos. Non, non e non, iso si que non. Pero hai un punto intermedio de lecturas nas que podemos divertirnos, ter calidade e entreternos. Escritores galegos, escritoras galicianas, aceptades o reto?
|
|
|
|
|
| Chegaron eles... |
|
A chegada do mundo adolescente a internet é un feito que levamos detectando hai tempo. Segundo oín hai tempo son a primeira xeración de nativos en informática, xa que a xente das nosas idades somos recén chegados.
Había ámbitos nos cales pensamos que non ían chegar. É o caso dos blog. Agora hai centos de blogs protagonizados por eles. Son os fotologs. A estructura dun fotolog é sinxela. Un tio/-a cargado de hormonas pon unha foto. Debaixo unha declaración-exaltación da amizade (especialmente significativa a repeticións de xk (xk la kiero muxo, xk es guai, xk me lo paso dpm con eya..)
O peor é que tamén chegaron ao toc, toc... e xa empezaron a tomar posicións. Como dicía a película clásica "ya están ahí..."
|
|
|
|
|
| Composcontos II |
|
Seguimos cos Composcontos.
Cando eu era universitario e alternaba a durísima vida de estudante coa movida dos xoves e dos venres e dos sábados e co cine e co teatro e cos cafés na facultade en vez de certas clases... se quedaban cartos ía ao fondo sur de San Lázaro e vía ao Compos.
Alí no fondo eu sentaba na zona que estaba próxima a preferencia e que coincidía cos "ultras" do Compos (Brigadas Radikales). Un montón de raparigos e raparigas de trece ou catorce anos que facían un espectáculo que a min me resultaba moi interesante. Eu daquela parecía o avó de todos eles e de feito algúns me coñécían co alcume de "el barbas"
Lembro o día que xogaba o Atletic de Bilbao. Eu sentei onde normalmente o facía. Diante miña dúas raparigas moi "monas" e diante das raparigas un vellote con boina e bufanda azul e branca. Nada máis saír o Atletic sacan de prismáticos e comezan a perseguir a Julen Guerrero. Comezan a berrar e a dar saltiños emocionadas. Do partido non facían nin caso. Julen para arriba, Julen para abaixo. Cada vez que o rival atacaba no noso fondo elas eran as únicas que se emocionaban. Para quen é un forofo iso resultaba unha tortura. De súpeto vexo que o vellote se dá a volta e di:
- E vós... non podiades seguir a Abadía?
(Abadía, un dos míticos do Compos, non era precisamente un guapo, pero o tío corría coma un poseso, daba gusto velo xogar. Poño a foto que atopei por aí. Sinto non tela mellor) |
|
|
|
|
| Composcontos I |
|
Tal como me pedira o amigo toncholeto vou iniciar unha serie de relatos sobre o Compos: un dos meus amores.
Eu son seguidor do Compos dende hai anos. Empecei a miña afección na miña adolescencia, seguindo os resultados da terceira división no xornal e tendo curiosidade por ese equipo. Co seu ascenso a 2ª B e posteriormente a 2ª A fixen algunha escapada a Santa Isabel. Era unha especie de caixa de mistos que no fondo había asentos de pedra e os seixos se cravaban no cu. Gocei co ascenso a 2ª contra o Badaxoz na TV xa que os cartos non permitían o luxo de ir ao campo. Tamén gocei cos primeiros anos na segunda división. Lembro o primeiro partido oficial contra un primeira, que o escoitei na radio e vin a metade do partido en directo. Como vin a metade do partido? Sinxelo. Estaba no seminario maior e dende as ventás de arriba aínda se vía a metade do campo. Foi o primeiro partido oficial do Compos contra un primeira e gañamos. O rival era o Burgos. Era o comezo dunha fermosa historia.
P.D. Hai uns meses fun a ver ao Compostela a Santa Isabel. Xogaba en preferente. Dende alí vía todo o campo xa que podía pagar a entrada. Dende alí mirei para o lugar onde esta San Martiño Pinario e puiden ver a ventá dende onde vira aquel primeiro partido oficial. Curiosamente tamén vin en directo o último (oxalá non sexa derradeiro) contra un primeira: foi contra o Depor e perdemos 1-0 na Copa do Rei e houbera un morto. |
|
|
|
|
|
|
|